James Stewart, nado o 2 de marzo de 1978, é un músico e compositor estadounidense coñecido polo seu papel na banda de rock experimental Xiu Xiu. Stewart tamén tocou con outros grupos como XXL, Former Ghosts, e Sal Mineo.
Biografía
Primeiros anos Stewart naceu en 1978, fillo do músico Michael Stewart, e medrou nos Ánxeles. Durante a súa mocidade estivo en varias bandas antes de formar Xiu Xiu. Mentres aínda estaba no colexio tocou nunha banda parodia e nun grupo de versións de Bauhaus. Tras o instituto tocou o baixo nun grupo co guitarrista Kenny Lyon e membros de banda como Devo, Geza X, The Screamers, e Sparks. Stewart dixo que esa experiencia foi particularmente formativa para a súacarreira, pero non se decatara diso na época. Despois deixou a banda e mudouse para ir á universidade. Durante ese período saíu do armario para os seus pais, e a súa reacción non foi positiva.
Na casa, Stewart tocou brevemente noutras bandas pero sempre era expulsado, polo que un amigo do instituto suxeriu que creasen a súa propia banda, que se converteu en Indestructible Beat of Palo Alto (IBOPA). O seu pai tamén tocaba no grupo, e Stewart tamén colaborou coa banda Korea Girl nese tempo. A revista local Metro Silicon Valley describiu IBOPA como un choque de "dance, louge, disco e ska" cos videos educativos de tráfico do estado de California Red Asphalt, coñecidos por exhibir graficamente accidentes mortais, e sinalou que a banda chamaba a atención sobre a música de South Bay. IBOPA foi fichada brevemente por unha filial de Elektra Records en 1999, e separouse en xullo dese ano cando o selo botou á meirande parte dos seus artistas. A banda anunciou que cinco dos seus membros (Stewart, Cory McCulloch, Kurt Stumbaugh, Tim Kirby e Don Dias) continuarían formando unha nova banda acústica e experimental chamada Ten in the Swear Jar.
Ten in the Swear Jar (XITSJ) continuou co "enfoque infrecuente" de IBOPA con música excéntrica e errática. David Espinoza de Metro describiu a banda como "futurista en instrumentación e errática en mentalidade" coa instrumentación tradicional apoiada por saxos barítonos, banxos, acordeóns e sintetizadores. Engadiu ademais que o son da banda era minimalista e que os instrumentos pouco habituais non eran usados en exceso. Os membros de XITSJ incluían a Jason Albertini de Duster e Miya Osaki de The Chinkees e The Bruce Lee Band, así como a Don Dias, o homónimo da canción de Xiu Xiu "Don Diasco". XITSJ disolveuse en setembro de 2002 e Stewart formou Xiu Xiu.
Xiu Xiu
Stewart comezou a súa terceira banda, Xiu Xiu, con Cory McCullouch (de XITSJ), Yvonne Chen, e Lauren Andrews. A banda substituíu os instrumentos de rock tradicionais por baterías programadas, instrumentos indíxenas e outros como harmonio, mandolina, campás de metal, gongs, teclados e unha especie de cruzamento entre un guitarrón mexicano e un violoncello con función de baixo. David Espinoza de Metro Silicon Valley comparou a Stewart cun explorador que trazaba novos territorios sonoros en 2001 cando iniciaron Xiu Xiu. Comparou a voz de Stewart cunha combinación da de Robert Smith na súa fraxilidade e a de Trent Reznor da era de The Downward Spiral na súa ira, e observou como Stewart adaptaba as súas interpretacións vocais á excentricidade diversa dos instrumentos individuais. O nome Xiu Xiu, pronunciado en inglés como "shoe-shoe" (/ˈʃuːʃuː/), está tomado da personaxe principal da película chinesa de 1998 Tiān Yù, lanzada internacionalmente co nome Xiu Xiu: The Sent Down Girl. Na descrición de Stewart, o tema da película é a falta de resolución: á protagonista pásanlle cousas horribles ao longo da película e finalmente morre tráxicamente ao final. A banda percibiu que os seus primeiros temas coincidían co espírito de "realidade podre" da película, e "que ás veces a vida acaba da peor maneira posible". Stewart dixo que "Fast Car" de Tracy Chapman, que Xiu Xiu versionou en A Promise, tiña un tema semellante. miniatura|250x250px|Stewart no Aarhus Festival en 2017 Stewart visitou Vietnam ao redor de 2001, onde sacou a foto que aparece na portada de A Promise. Para aforrar para a viaxe, abriu un estudio no seu garaxe para bandas locais de punk e ska. Stewart describiu o período entre Knife Play e A Promise como cheo de "cousas realmente malas" na súa vida persoal. En 2003 Stewart dixo que estivo moi influenciado polo gamelán e pola música folk coreana e xaponesa, e que escoitaba sobre todo música clásica contemporánea e "música de baile gai".
Brandon Stosuy, de Pitchfork, dixo que Stewart era "unha das anomalías sempre brillantes da música underground" e comparou o seu estilo vocal con Robert Smith, Annie Lennox e Michael McDonald. Destacou tamén unha "beleza poética e romántica continua" detrás da "violencia" nas letras de Stewart.
O ton de Fabulous Muscles de 2004 reflectiu unha serie de acontecementos "incriblemente, incriblemente violentos, incriblemente chocantes e difíciles de levar" na vida de Stewart. Cando foi entrevistado coincidindo co lanzamento de The Air Force, de 2006, Stewart dixo que ese ano fora "un dos primeiros non dominados por traxedias persoais", aäinda que o ton do álbum reflectía a súa experiencia internalizando os eventos dos anos anteriores, un proceso que sentíu "case mais difícil".
Outros traballos Stewart publicou un álbum con Eugene Robinson de Oxbow como Xiu Xiu & Eugene Robinson Present: Sal Mineo a través de Important Records en abril de 2013. Tamén apareceu no álbum Christmas Island de Andrew Jackson Jihad, e editou un álbum con Jonathan Meiburg de Shearwater, baixo o nome Blue Water White Death.
Fóra da música, Stewart dixo que escribira un "intento infructuoso" dunha novela de humor baseada en "encontros sexuais moi, moi peculiares" que tivo ao longo da súa vida. Escribiu durante dous anos, rematando en 2005, e distribuíu o libro entre os seus amigos. Entre os seus autores favoritos enumeou a Yukio Mishima, Dennis Cooper, Charles Bukowski e Kenzaburō Ōe.
En abril de 2023 Stewart publicou o seu primeiro libro, unhas memorias tituladas Anything That Moves coa editorial británica And Other Stories.
Vida persoal Stewart é abertamente bisexual, e identificouse como queer. É fillo de Michael Gassen Stewart, medio irmán do sociólogo Benjamin H. Bratton, e o curmán "desaparecido" do antigo membro de Xiu Xiu e multiinstrumentista Caralee McElroy. O seu tío é o músico John Coburn Stewart.
O pai e o tío de Stewart eran músicos e compositores. Michael foi o cofundador e guitarrista do grupo de folk rock dos anos 60 We Five e tamén foi produtor musical. John foi un antigo membro do grupo de música folk/pop The Kingston Trio, en gran parte acreditado por axudar a lanzar o renacemento da música folk de finais da década de 1950 ata finais da de 1960, e máis tarde tivo éxito como cantautor; quizais sexa máis coñecido como o compositor do éxito número 1 de The Monkees de 1967 "Daydream Believer". "Mike", a canción de peche do álbum Fabulous Muscles de Xiu Xiu de 2004, trata da reacción de Jamie ao suicidio do seu pai en 2002.
Stewart, en varias ocasións, referiuse á súa compañeira de banda Angela Seo como a súa "mellor amiga".Currin, Grayson Haver (14 de marzo de 2012). "The travails of Xiu Xiu leader and reluctant Durham resident Jamie Stewart". INDY Week
Notas
Categoría:Nados nos Ánxeles Categoría:Nados en 1978 Categoría:Músicos dos Estados Unidos de América