Flora Célestine Thérèse Tristán, nada en París en 1803 e finada en Bordeos o 14 de novembro de 1844, foi unha pensadora feminista e socialista francesa.
Traxectoria Filla dun coronel español natural do Perú e nai pertencente á burguesía parisiense refuxiada en España por mor da Revolución francesa, o pai de Flora, agregado militar en París morre en 1807 sen poder regularizar o seu matrimonio polas pexas que tiñan os militares españois para casar con estranxeiras. A confiscación dos bens dos españois residentes en Francia ordenada por Napoleón supuxo a confiscación da residencia familiar, Le Petit Chateau e a ruína da familia, Flora ten que poñerse a traballar aos 16 anos nun obradoiro de cerámica propiedade de André Chazal, con quen casa aos 18 anos logo de quedar preñada del, non foi un matrimonio feliz e aos poucos anos sepáranse de común acordo con dous fillos e un terceiro en camiño. En 1826 Flora iniciou un novo proxecto vital en Inglaterra, traballando como gobernanta, cos cartos reunidos emprendeu en 1833 unha viaxe ao Perú para reclamar a herdanza de seu pai. Tras tan só conseguir o pago dunha pensión mensual, regresou a Francia ao seguinte ano.
Xa en Francia comezou a súa actividade pública, primeiro dirixindo peticións ao parlamento francés para abolir a pena de morte, para o restablecemento do divorcio e escribindo folletos sobre a necesidade de acoller ben ás mulleres estranxeiras.
En 1837 publicou Pérégrinations d'une paria, impresións sobre a súa viaxe ao Perú e o poder da oligarquía crioula, Perú (1837), que foi un éxito editorial. O home que estivera casado con ela férea a causa do preito que mantiña pola custodia da súa filla Ana, futura nai de Paul Gauguin, que gañara Flora. Para repoñerse vai a Inglaterra a pasar unha temporada entrando en contacto coas ideas de Robert Owen e o movemento chartista que complementou co coñecemento das de Henri de Saint Simon e Charles Fourier e, de volta a Francia, percorreu as cidades francesas para promover as ideas da solidariedade obreira e anticipouse ás ideas de Karl Marx ao propoñer a creación dunha Internacional Obreira na súa obra L'Union ouvrière (1843). En 1843 emprendeu unha campaña itinerante por toda Francia, esgotada e enferma morreu en Bordeos.
Obras 1835, Nécessité de faire un bon accueil aux femmes étrangères (Necesidade de acoller ben as mulleres estranxeiras). 1837 Les pérégrinations d'une paria (Peregrinacións dunha paria), narra o fracaso en ser aceptada pola súa familia peruana. 1840, Promenades dans Londres (Paseos en Londres), observacións sobre da vida laboral británica. 1843, L'Union ouvrière (A Unión obreira). Manifesto a prol do estabelecemento dunha organización internacional obreira; Flora percorreu a Francia para difundir a idea, que se adiantaba a AIT (1864). Le Tour de France. Journal 1843-44 (A volta á Francia. Diario 1843-44), publicación póstuma, na que relata os seus encontros con obreiros e xentes comúns de toda a Francia.
Véxase tamén
Ligazóns externas 15px Vidas Contadas en RNE .
Escritores en lingua francesa Categoría:Escritores de Francia Categoría:Feministas de Francia Categoría:Nados en París Categoría:Nados en 1803 Categoría:Finados en 1844