Yulenmis Aguilar Martínez, nada en Bayamo o 3 de agosto de 1996, é unha atleta galego-cubana, especializada en lanzamento de xavelina. Foi dúas veces campioa de España absoluta, participou nos Xogos Olímpicos de 2016 e 2020 e ostenta o récord mundial sub-20, así como o récord de España absoluto.
Traxectoria Comezou a destacar de nova no lanzamento de xavelina e en 2013 conseguiu a medalla de prata no Campionato Mundial de Atletismo Sub-18 celebrado en Donetsk, só por detrás da australiana Mackenzie Little. Ese mesmo ano foi unha das representantes de Cuba no Campionato Panamericano Júnior, onde sumou unha nova prata.
En 2015 gañou a medalla de ouro nos Xogos Panamericanos Júnior celebrados en Edmonton, lanzando a xavelina a 63,86 metros, o que lle valeu ademais o récord mundial sub-20, aínda vixente. Ese mesmo ano foi sexta nos Xogos Panamericanos absolutos e participou no Campionato do Mundo de Pequín, onde non se clasificou para a final.
No ano 2016 participou nos seus primeiros Xogos Olímpicos, no Río de Xaneiro, onde rematou na 29ª praza, con 54.94 m como mellor lanzamento. En 2018 obtivo un bronce nos Xogos Centroamericanos e do Caribe, pero a súa baixada de rendemento provocou que non volvese ser convocada pola selección cubana.
A finais de 2020 instalouse en Oleiros e entrou a formar parte da Escola de Lanzadores da Coruña, onde comezou a ser adestrada por Raimundo Fernández. No Campionato de España de 2022, no que participou fóra de competición, logrou a súa mellor marca persoal: 64,17 metros.
En abril de 2024 adquiriu a nacionalidade española e pouco despois recibiu o permiso de World Athletics para participar en competicións internacionais co seu novo país. A súa primeira competición como española foi o Campionato de Europa dese mesmo ano, onde competiu cun arrefriado, sen conseguir pasar á final. Poucas semanas despois logrou o seu primeiro título de campioa de España, grazas a un lanzamento de 59,85 metros, superando en case oito metros á segunda clasificada, Carmen Sánchez.
Nos Xogos Olímpicos de 2024 logrou o pase á final cun lanzamento de 61,95 metros e nesta obtivo a sexta praza e un diploma olímpico, grazas a un lanzamento de 62,78 m. En xullo de 2026 en Málaga proclamouse por segunda vez campioa de España, cun lanzamento de 59,78 metros, co que superou en máis de 11 metros a Paula Redondo, medalla de prata. En setembro participou nos Xogos Mediterráneos en Tarento, onde conseguiu a medalla de prata cun lanzamento que quedou a menos de 60 centímetros do da medallista de ouro, a serbia Adriana Vilagoš. Ademais, cos seus 65,39 metros bateu o récord de España absoluto, que levaba 16 anos en posesión de Mercedes Chilla.
Vida persoal Casou no verán de 2023 en Santa Clara cunha muller cubana.
Notas
Categoría:Nados na provincia de Granma Categoría:Nados en 1996 Categoría:Atletas de Cuba Categoría:Atletas de Galicia Categoría:Atletas nos Xogos Olímpicos de 2016 Categoría:Lanzadores de xavelina Categoría:Atletas nos Xogos Olímpicos de 2024 Categoría:Atletas olímpicos de Galicia Categoría:Atletas olímpicos de Cuba Categoría:Atletas olímpicos de España