Helton Brant Aleixo Leite, coñecido como Helton Leite, nado en Belo Horizonte o 2 de novembro de 1990, é un futbolista brasileiro que xoga de gardameta no Vila Nova, da Serie B do Campionato Brasileiro.
Carreira
Orixe e familia Naceu en Belo Horizonte, no estado de Minas Xerais, nunha familia moi vencellada ao deporte. Seu pai é o exfutbolista e político João Leite, histórico gardameta do Atlético Mineiro que é o xogador que máis veces vestiu a camiseta do club (684 partidos), e que foi internacional coa selección do Brasil. Súa nai é a antiga xogadora de voleibol Eliana Maria Aleixo, que foi capitá da selección brasileira de voleibol e participou nos Xogos Olímpicos de 1980. Tamén a súa irmá Débora foi xogadora profesional de voleibol, mentres que a xemelga desta, Daniela, competiu como ximnasta nos Xogos Olímpicos de 2008.
Comezos no fútbol Aínda que nun inicio seguiu os pasos de súa nai e practicou voleibol no Minas Tênis Clube, acabou por decantarse polo fútbol, ocupando ao igual que seu pai a posición de gardameta. Formouse nas canteiras do Atlético Mineiro, América Mineiro, Goiás e Grêmio.
En 2011 fichou polo J. Malucelli de Curitiba, club co que debutou o 1 de maio, nunha derrota por 2-1 ante o Operário Ferroviário correspondente ao Campionato Paranaense. A continuación pasou brevemente polo Ituiutaba, club da Serie B brasileira que nese momento cambiou de nome a Boa Esporte e co que non chegou a debutar.
En xaneiro de 2012 fichou polo Ipatinga, da mesma categoría. Debutou o 1 de abril de 2012 no Campionato Mineiro e xogou o seu primeiro partido na Serie B o 7 de agosto, saíndo de titular nunha vitoria por 0-2 diante do Bragantino no estadio Nabi Abi Chedid de Bragança Paulista. Disputou un total de 24 partidos durante a campaña, na que o equipo acabou descendendo á Serie C.
Criciúma O 8 de xaneiro de 2013 incorporouse ao Criciúma, que viña de ascender á Serie A. Despois de conquistar o Campionato Catarinense, debutou na máxima categoría do fútbol brasileiro o 31 de xullo, xogando os 90 minutos nun empate a un gol ante o Portuguesa. Competiu polo posto con Galatto e Bruno Brígido, contabilizando un total de 11 partidos no Brasileirão, e sufriu un novo descenso.
Botafogo O 7 de xaneiro de 2014 foi presentado como novo gardameta do Botafogo. Durante dous anos ocupou o papel de terceiro porteiro por detrás de Jefferson e Renan, ata que a marcha de Renan e unha lesión de Jefferson o converteu no segundo gardameta do equipo por detrás de Sidão e máis tarde de Gatito Fernández. Durante eses anos viviu un ascenso á Serie A e foi subampión do Campionato Carioca.
Para a tempada 2018 foi cedido ao São Caetano, co que foi titular no Campionato Paulista.
Boavista En xuño de 2018 deu o salto ao fútbol europeo, asinando como novo xogador do Boavista, da Primeira Liga portuguesa. Foi titular na maioría de partidos das dúas seguintes tempadas, por diante do seu compatriota Rafael Bracalli, e foi elixido Mellor Porteiro do campionato dos meses de xaneiro e febreiro de 2020.
Benfica O 8 de agosto de 2020 asinou un contrato por cinco anos co Benfica. Aínda que na súa primeira campaña disputou un total de 26 encontros, apenas contou con oportunidades a partir do verán de 2021, sendo o grego Odisseas Vlachodimos o elixido habitualmente para defender a portería das "aguias".
Antalyaspor En xaneiro de 2023 deixou Lisboa e puxo rumbo a Turquía, onde fichou polo Antalyaspor da Süper Lig. No equipo de Antalya viviu o período de máis regularidade da súa carreira, disputando 52 encontros en tempada e media.
Deportivo da Coruña En agosto de 2024 instalouse en Galicia, ao asinar un contrato co Deportivo da Coruña, club que viña de ascender á Segunda División. En menos dun mes converteuse no indiscutible porteiro titular do equipo, co que disputou un total de 37 encontros. En agosto de 2025 anunciouse o seu regreso ao Brasil, despois de que o Fortaleza pagase a cláusula de rescisión do seu contrato.
Fortaleza Debutou co equipo do estado do Ceará o 13 de agosto, nos oitavos de final da Copa Libertadores ante o Vélez Sársfield, converténdose no quinto gardameta en xogar co club durante a tempada, despois de João Ricardo, Brenno, Magrão, e Vinícius Silvestre. Aínda que disputou as seguintes xornadas, axiña perdeu a titularidade en favor de Brenno, polo que disputou só seis partidos ao longo da tempada, ao remate da cal, o equipo acabou descendendo.
Vila Nova En marzo de 2026 asinou polo Vila Nova, tamén da Serie B.
Estatísticas ClubTempadaDivisiónLigaCopaEstatalInclúe partidos do Campionato Paranaense, Campionato Carioca e Campionato Paulista.OutrosInclúe partidos da Copa Libertadores, Copa Río, Copa da Liga de Portugal e Europa League.TotalPartidosGolesPartidosGolesPartidosGolesPartidosGolesPartidosGolesJ. Malucelli2011Serie B000010 - -10Boa Esporte2011Serie B000000 - -00Ipatinga2012Serie B230000000230Criciúma2013Serie A1100000 - -110Botafogo2014Serie A300050 - -802015Serie B700000 - -702016Serie A605000 - -1102017Serie A1000203060Total club170507030320São Caetano2018 - -10100 - -110Boavista2018/19Primeira21020 - -102402019/20Primeira21010 - - - -220Total club420300010460Benfica2020/21Primeira15050 - -602602021/22Primeira 2 0 30 - -20 702022/23Primeira 0 0 10 - -0 0 10Total club170900080340Antalyaspor2022/23Süper Lig17000 - - - -1702023/24Süper Lig34010 - - - -350Total club510100000520Deportivo da Coruña2024/25Segunda37000 - - - -370Fortaleza2025Serie A4000002060Total carreira 202 0 19018014 0 2530
Palmarés Criciúma Campionato Catarinense (1): 2013. Botafogo Campionato Brasileiro de Serie B (1): 2015. Taça Guanabara (1): 2015.
Notas
Categoría:Nados en 1990 Categoría:Nados en Belo Horizonte Categoría:Futbolistas do Brasil Categoría:Gardametas de fútbol Categoría:Xogadores do Criciúma Esporte Clube Categoría:Xogadores do Botafogo Categoría:Xogadores do AD São Caetano Categoría:Xogadores do SL Benfica Categoría:Xogadores do Antalyaspor Kulübü Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña