Nijō (), nada en 1258 e finada despois de 1307, foi unha nobre, poeta e escritora nipoa do período Kamakura. Foi unha das concubinas do emperador Go-Fukakusa entre 1271 e 1283, despois do cal se converteu en monxa budista. Tras numerosas viaxes polo Xapón, entre 1304 e 1307 escribiu un libro autobiográfico: Towazugatari ("Un relato que ninguén pediu"). Esta obra, pola que é recoñecida na actualidade, constitúe tamén a fonte principal sobre a súa vida.
Traxectoria Primeiros anos Nijō naceu no seo da familia Koga, unha póla do clan Minamoto que descendía do emperador Murakami a través da liña do príncipe Tomohira, o seu sétimo fillo. O pai e mais o avó paterno asumiran postos de relevancia na corte imperial, e moitos dos seus familiares e devanceiros tiñan unha gran reputación polo seu talento literario. Descoñécese o seu nome de nacemento. Nijō, o seu apelativo na corte, significa "Segunda Avenida" (era habitual nomear ás damas da corte por rúas), o que indica un alto rango, xa que a devandita avenida estaba situada preto do fogar imperial.
Segundo o Towazugatari, o emperador Go-Fukakusa estaba namorado da nai de Nijō, Sukedai. Porén, esta morreu pouco despois de dar a luz, polo que Go-Fukakusa dirixiu a súa atención cara Nijō. En consecuencia, esta entrou na corte con apenas catro anos, e foi criada alí. En 1271, con só catorce anos, Nijō converteuse en concubina do gobernante. Non existe consenso sobre a súa condición exacta, xa que segundo a información do Towazugatari podería ser tanto unha esposa formal (seisai) como unha concubina (meshudo).
A vida de Nijō na corte foi tortuosa. O seu pai faleceu un ano despois de ela casar, o que dificultou as súas relacións na capital. Ademais, foi violada por varios homes, entre os que se estaba Takatsukasa Kanehira. Por outra banda, a súa relación co emperador foise deteriorando co tempo, xa que este tiña multitude de amantes. Esta situación empeorou pola falta de descendencia: o único fillo da parella finou na infancia, e os outros tres nenos de Nijō eran doutros varóns. Para rematar, a consorte de Go-Fukakusa, Higashi-nijō, descontenta coa preferencia do seu esposo pola poeta, solicitou a súa expulsión da corte, que se cumpriu en 1283.
Conversión ao budismo Tras abandonar a corte, Nijō converteuse nunha monxa budista, como era habitual para as mulleres nobres caídas en desgraza. Deste xeito, viaxou a moitos lugares sagrados ou históricos do Xapón, seguindo as pegadas do célebre poeta e monxe Saigyō. Emporiso, regresaba periodicamente á capital. Porén, segundo Kimura Saeko, algunhas destas viaxes, narradas nos libros IV e V do seu Towazugatari, non serían máis ca invencións da autora. O devandito libro IV comeza o seu relato en 1289, para despois saltar varios anos, o que podería indicar a perda dalgunhas seccións do texto; pola súa banda, o libro V, que inclúe o pasamento do emperador Go-Fukakusa en 1304, conta tamén con omisións temporais. Finalmente, o Towazugatari remata no ano 1306, polo que se descoñece o destino de Nijō con posterioridade a esa data.
Towazugatari
O Towazugatari foi escrito cara a 1307, e recolle sucesos acaecidos entre 1271 e 1306. A obra está considerada unha das máis importantes da literatura xaponesa. Ademais, destaca por rexistrar actos que non adoitan aparecer nos libros nipóns antigos, como a violencia sexual.
Non obstante, o texto non gozou de gran difusión durante a súa época, quizais pola división en faccións da familia imperial ou pola súa representación da figura do emperador Go-Fukakusa, demasiado íntima e humana. Na actualidade, redescubriuse grazas a unha copia do século XVII atopada en 1940 no palacio imperial por Yamagishi Tokuhei. Esta versión carece de varias seccións do libro V, segundo nota do escriba. Foi publicada en 1950, seguida dunha edición anotada en 1966.
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Categoría:Finados no século XIV Categoría:Nados en 1258 Categoría:Escritores do Xapón Categoría:Escritores en lingua xaponesa