Darío Martínez Germil, coñecido futbolisticamente como Darío Germil ou simplemente Germil, nado en Santiago de Compostela o 27 de xuño de 2002, é un futbolista galego que xoga como dianteiro centro no Bergantiños, da Segunda Federación.
Traxectoria Nacido en Santiago de Compostela, criouse nas Cancelas e máis tarde en Meixonfrío, onde comezou a xogar ao fútbol. Con oito anos ingresou na canteira do Xuventude Oroso, onde permaneceu durante unha década, escalando polas diferentes categorías do club. Durante a súa etapa xuvenil alternou co primeiro equipo do Sigüeiro, co que conseguiu un ascenso a Preferente.
No verán de 2020 fichou polo equipo xuvenil do Celta de Vigo, aínda que unha rotura do ligamento cruzado do xeonllo o mantivo afastado durante meses dos terreos de xogo. Un ano despois debutou co Celta B na nova Primeira División RFEF. Con todo, pasou a maior parte da tempada 2021/22 nas filas do Gran Peña, na Preferente Sur. Para a campaña 2022/23 foi cedido ao Compostela, onde rendeu a un bo nivel, anotando 12 goles en 33 partidos.
En agosto de 2023 cambiou Vigo por Sevilla, asinando como novo xogador do Betis Deportivo, da Segunda Federación. No club andaluz disputou 24 partidos, só 7 deles como titular.
En agosto de 2024 anunciouse o seu regreso a Galicia, para asinar como novo xogador do Fabril, da mesma categoría. No filial deportivista estivo ás ordes de Gilsanz primeiro e Manuel Pablo despois, disputando un total de 31 partidos, incluída a promoción de ascenso a Primeira Federación. Saíu habitualmente dende o banco de suplentes e anotou dous goles. En xullo de 2025 fichou polo Bergantiños, da mesma categoría.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador en LaPreferente.com .
Categoría:Nados en 2002 Categoría:Nados en Santiago de Compostela Categoría:Futbolistas de Santiago de Compostela Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Xogadores do Celta de Vigo B Categoría:Xogadores do Gran Peña Categoría:Xogadores da SD Compostela Categoría:Xogadores do Real Betis Balompié B Categoría:Xogadores do Deportivo Fabril Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores do Bergantiños FC