O Muutos.art foi un centro expositivo aberto en Tampere (Finlandia) entre o 14 de xuño e o 31 de agosto de 2024. No centro expuxéronse máis de 50 obras de arte espaciais de case medio centenar de artistas, parellas de artistas e grupos de traballo. Ademais da exposición principal nos dous andares superiores do inmoble, houbo varias exposicións temporais ao longo do verán en dúas pequenas galerías da planta baixa, así como obradoiros, visitas guiadas e graffiti nos muros exteriores do edificio.
A exposición tivo lugar nun edificio finalizado en 1997 e en boas condicións, que foi demolido logo da exposición ao non ter atopado un novo inquilino, este feito creou un debate sobre o modelo urbanístico e a necesidade de crear un desenvolvemento urbano máis sostible.
Levar a cabo a exposición supuxo un reto, xa que a organización tan só dispuxo de catro meses para finalizar todo o proceso e encher os 3 800 m² útiles do edificio. Ademais, os problemas económicos iniciais puxeron en perigo a propia realización do proxecto.
Esta foi a segunda ocasión na que un edificio da cidade a piques de ser demolido se converteu nun centro artístico temporal, continuando a experiencia comezada o ano anterior co Purkutaidetalo Pinni47. A exposición tivo un notable éxito de público, tendo superado o número de visitantes da súa predecesora da zona de Tulli dúas semanas antes do seu peche, e finalizando cun rexistro de 25 940 visitas. O Muutos.art-taidetalo atraeu visitantes de todo o país, de todas as idades e con distintos graos de interese pola arte.
Logo do seu peche o 1 de setembro de 2024, os traballos de demolición do inmoble comezaron en xaneiro de 2025.
Antecedentes
O Muutos.art-taidetalo non foi a primeira experiencia de arte de demolición na cidade de Tampere. Durante o verán de 2023, a Asociación de Produtores Creativos de Pirkanmaa (en finés Pirkanmaan luovat tuottajat ry) creou unha exposición de arte nun edificio da rúa Pinninkatu, xunto a Tullintori, no centro da cidade. Este proxecto chamado Purkutaidetalo Pinni47 converteuse no primeiro deste tipo realizado en Tampere. O inmoble, que orixinalmente acollera as oficinas dunha fábrica de calzado e que posteriormente acollera a outros inquilinos, foi demolido pouco tempo despois para construír un edificio de dez andares para estudantes. O proxecto estivo apoiado pola empresa propietaria do edificio, TOAS, así como a cidade de Tampere a través do seu proxecto de desenvolvemento xestionado por Operaatio Pirkanmaa. A exposición foi un éxito, rexistrando máis de 1 500 persoas na semana da súa apertura e chegando a recibir 400 visitantes nun só día.
Se ben a experiencia do Purkutaidetalo Pinni47, creada por Teemu Mäenpää, funcionou como un proxecto piloto, ambas exposicións acabaron sendo moi diferentes. Este primeiro proxecto funcionou tamén como un espazo de networking que empregou a artistas locais.
Localización miniatura|250px|esquerda|O edificio no que tivo lugar a exposición no número 11 da rúa Voimakatu. O Muutos.art-taidetalo ocupaba un edificio de oficinas, propiedade da cidade de Tampere, construído na década de 1990 e localizado preto da beira do lago Pyhäjärvi, no número 11 da rúa Voimakatu, ao carón do Estadio de Tampere, no barrio de Ratina, no centro da cidade. A zona na que se construíu o edificio ía estar destinada a oficinas, mais posteriormente a súa construción trasladouse á zona de Ratapihankatu ante a falta de demanda, polo que se mudou o plano inicial por edificios residenciais.
O edificio, que se completou en 1997, acolleu as oficinas de Tampereen Sähkölaitos, se ben a última empresa que desenvolveu a súa actividade no edificio foi Tampereen seudun keskuspuhdistamo Oy. Ademais apareceu nas pantallas de televisión como a comisaría de Sori na serie Koskinen.
Logo da exposición o inmoble foi demolido para construír edificios residenciais de entre seis e dez andares con apartamentos para aproximadamente 400 persoas. A demolición do edificio debeuse a que non se atoparon novos inquilinos para ocupalo, polo que se considerou que sería máis barato tiralo e facer un novo que outras accións como renovalo.
A súa localización céntrica facíao facilmente accesible, podendo chegar empregando a liña 3 do tranvía de Tampere ata a estación Sorin aukio e camiñando uns 10 minutos. A estación de autobuses de Tampere, situada tamén preto do centro expositivo, facía tamén accesible a exposición en autobús. Pola súa banda, o aparcadoiro de pago do centro comercial Ratina podía ser empregado polas persoas que acudiran en coche, a través do paso subterráneo peonil que cruza a vía Tampereen valtatie.
Descrición 250px|miniatura|Vista xeral dos graffiti da parte traseira do edificio. A exposición de arte experiencial amosaba diversas formas de arte visual e contaba con máis de 50 obras de arte espaciais que dialogaban entre si e co edificio, así como de dúas pequenas galerías, e graffiti nas súas fachadas que se puideron contemplar ata que se iniciaron os traballos de demolición. O edificio contaba tamén cunha cafetería, LaPresso, na planta baixa. En total, a organización dispuxo de máis de 3 800 m² útiles entre salas amplas de oficinas, salas de reunións e salas sociais ou de descanso.
A galería do vestíbulo e a da cafetería, ambas situadas na primeira planta, eran de acceso gratuíto, mentres que o segundo e o terceiro andar, eran de pago a un prezo de 12 euros as persoas adultas e 8 euros as persoas entre 7 e os 17 anos, sendo de balde para as persoas menores de 7 anos. A "Kahvilagalleria" (galería da cafetería) estaba conectada coa cafetería do edificio.
As 50 obras presentadas na exposición dos dous andares superiores eran principalmente obras de arte espaciais nas propias instalacións, aínda que tamén se podían ver obras de videoarte. Debido ás grandes dimensións do edificio recomendábase reservar un mínimo de dúas horas para facer a visita dos dous andares superiores. Do total das 50 obras da exposición aproximadamente a metade foran realizadas por artistas de Tampere.
O Muutos.art-taidetalo contou coa colaboración de numerosas persoas que se ofreceron como voluntarias para diversas tarefas, como a axuda aos artistas que traballaban no espazo, a venda de entradas, ou como vixiantes da exposición.
Polémica miniatura|250px|A obra de Teemu Mäenpää "Tässäkin voisi olla puu" (en galego "Aquí tamén podería haber unha árbore") recibía ao público no vestíbulo e estendíase ata o teito, cubrindo as tres plantas do edificio. A obra foi realizada parcialmente con madeira reciclada e o seu título é unha crítica á demolición do edificio. A demolición do edificio que acolleu a exposición xerou controversia, tanto dende o punto de vista climático como dende o punto de vista dos cambios no espazo urbano, xa que se trataba dunha construción de menos de trinta anos, sen ningún tipo de problema, e mesmo intacto, polo que todas as persoas que traballaron no proxecto coincidiron en sinalar que a demolición do edificio carecía de sentido e que debería manterse e buscar opcións para a súa reutilización. As mesmas persoas evitaron falar de purkutaide (en galego "arte de demolición"), ao estar en contra da demolición e considerar que o termo situaba o feito da demolición baixo un prisma demasiado positivo. Este feito fixo que o proxecto adoptara unha actitude crítica e cuestionara a propia existencia da exposición, tendo como obxectivo xerar un debate sobre o desenvolvemento urbano e unha construción máis sustentable, salientando o feito de que a demolición carecía de sentido.
Os responsables do proxecto salientaron o elevado impacto medioambiental desde tipo de accións, xa que sinalaban que as consecuencias das emisións provocadas pola demolición e reconstrución de edificios tardarían varias décadas en compensarse. Nesta liña, sinalaban a importancia de xerar un debate sobre a posibilidade de propoñer unha acción de renovación para, por exemplo, mellorar a eficiencia enerxética do edificio.
Temática A través das máis de 50 obras da exposición tratouse a relación do ser humano co medio ambiente e o desenvolvemento sostible a través da reciclaxe, a reutilización de materiais, e os propios materiais e instalacións do propio edificio, co trasfondo dun tema medioambiental que no momento era actualidade en Finlandia como as demolicións de edificios no país nórdico.
A temática deulle sentido ao grupo de traballo e aos artistas, considerando que a exposición se levaría a cabo nun edificio que pouco despois sería demolido. A perspectiva dende a que se debateu o tema foi a da relación do clima co cambio na contorna humana, e chegouse cuestionar mesmo o significado da existencia da propia mostra.
O Muutos.art-taidetalo xerou debate sobre o medio ambiente, tanto entre as persoas que visitaron a exposición, como nas redes sociais ou nas revistas. O público eloxiou a exhibición por ser unha experiencia interesante e por invitar á reflexión.
Historia miniatura|250px|"Taukotila", obra de Viivi Kiiskinen. O proxecto foi desenvolvido por Upeart, unha asociación con sede en Helsinqui que leva a cabo proxectos de arte público tanto en Finlandia como no estranxeiro, e iniciado por Operaatio Pirkanmaa, un proxecto cultural no que participan os 19 municipios da rexión de Pirkanmaa nacido logo do proceso de solicitude da cidade de Tampere e as outras localidades da rexión para ser nomeada Capital Europea da Cultura en 2026. O Muutos.art-taidetalo contou ademais con financiamento da Fundación Cultural Finlandesa (en finés Suomen Kulttuurirahasto).
Cando se presentou a posibilidade de realizar unha exposición de arte no edificio que se ía demoler tan só presentou unha solicitude Upeart, aínda que debido a motivos económicos suspendeuse a súa participación nun primeiro momento, a pesar de que a cidade entregara o edificio ao proxecto de xeito gratuíto, xa que a organización ten por principio que os artistas reciban unha compensación polos seus traballos. Aínda que a cidade de Tampere achegou unha axuda económica de 15 000 euros, a suma continuaba a ser demasiado pequena para poder desenvolver o proxecto, que estivo a piques de ser retirado ata que Operaatio Pirkanmaa achegou unha subvención de 40 000 euros que foron abondo para comezar o proxecto. miniatura|esquerda|250px|"Kaikki katoaa valkoiseen", obra de Marja Kolu. Ademais dos problemas económicos iniciais, o proxecto tamén tivo que loitar contra o tempo, xa que se ben inicialmente a demolición do edificio estaba prevista para o outono de 2024, que posteriormente se aprazou ata a primavera de 2025, o que lle podía permitir a Upeart organizar a exposición no mes de outubro, mais as exposicións de verán son habituais no país nórdico e finalmente a organización decidiuse por esta opción. Ademais o edificio fora empregado como escenario da serie de televisión Koskinen e os seus creadores quixeron prorrogar o seu alugueiro dous meses máis, ao que Upeart accedeu por conveniencia.
A organización contou con tan só catro meses para atopar os artistas e montar unha exposición que en palabras do coordinador artístico, Yiorgos Slunga, tardaría 24 meses en prepararse. O luns da semana da inauguración a exposición estaba aínda moi inacabada e os traballos tiveron que prolongarse ata altas horas da noite. Finalmente, tres días antes da inauguración xa estaba lista. Se ben Upeart non tiña a obriga de encher cada recuncho do edificio de arte, a organización tomou a decisión priorizando ademais a calidade artística, o que deu como resultado unha exposición con 50 obras de arte.
A mediados de agosto a exposición xa superara en número de asistentes á súa predecesora, Pinni47, tendo pasado máis de 20 000 persoas que loaran as súas "propostas sorprendentes e estimulantes". miniatura|250px|Unha marte importante da mostra foron os obradoiros, nos que as persoas que a visitaron podían crear obras artísticas reciclando, como con estas caixas de lambonadas.