A filosofía azteca foi a filosofía desenvolvida pola cultura azteca. A cosmoloxía dos aztecas pode considerarse dualista, mais nunha variante coñecida como monismo dialéctico. A filosofía azteca inclúe tamén reflexións sobre ética e estética. Unha das cuestións principais tratadas polos filósofos aztecas foi o problema de como atopar estabilidade e harmonía nun mundo efémero.

Fontes textuais Consérvanse moi poucos materiais relativos á filosofía azteca, e a meirande parte dos textos proceden de misioneiros e colonos casteláns, ou de nativos cristianizados. Os conquistadores queimaron case todos os manuscritos aztecas e maias. As poucas fontes anteriores á conquista inclúen o Códice Borgia e mais o Códice Borbónico (redactados en datas próximas á chegada dos europeos). Entre os documentos posteriores á colonización, destacan o Códice Florentino, o Códice Mendoza e mais o Códice Magliabechiano.

Relixión e cosmoloxía Na cosmoloxía azteca, o concepto de Ometeotl refírese á unidade que subxace ao universo. O Ometeotl crea, da forma e é en si mesmo todas as cousas. Incluso elementos opostos (luz e escuridade, vida e morte etc.) non son máis ca expresións desta mesma unidade. Esta crenza nunha unidade baixo os dualismos é similar ao monismo dialéctico desenvolvido nas filosofía occidental e oriental.

A nivel relixioso, na filosofía azteca desenvolveuse unha forma de panenteísmo; porén, a relixión popular azteca era na práctica politeísta. Os sacerdotes concibían aos diferentes deuses como aspectos dunha realidade singular e transcendente, o teotl, que as masas adoraban como entidades independentes.

Ética e estética O pensamento azteca concibía a moralidade como o establecemento dun equilibrio, posto que o mundo se atopa en constante cambio seguindo os movementos do teotl. Xa que logo, a moral céntrase en atopar unha forma de vida en harmonía, ofrecendo estabilidade fronte ás mudanzas da realidade.

Canto á estética, os aztecas pensaban a arte como un xeito de expresar a auténtica natureza do teotl. Nesta liña, unha obra considerábase boa se ofrecía unha mellor comprensión do teotl. A poesía azteca estaba ligada a esta concepción, e adoitaba expresar conceptos filosóficos. O seguinte poema é un exemplo desta tendencia:

Concepción do tempo alt=Sinais do calendario no Códice Magliabechiano|miniatura|Sinais do calendario no Códice Magliabechiano O concepto de tempo dos aztecas (ao igual que o dos maias) non era lineal e uniforme, polo que non podía ser medido con instrumentos coma os reloxos. Así, sucesos concretos eran entendidos como entidades únicas e separadas, apenas relacionadas cos eventos pasados ou futuros. Eran de grande importancia os días 260 e 360+5 dos seus calendarios, así como o día 584 do ciclo de Venus.

Por outra banda, existía unha forte correlación entre as dimensións espacial e temporal, segundo a cal certos períodos do tempo eran representados por áreas do espazo. Trátase dun fenómeno coñecido como "espacialización do tempo", segundo a expresión cuñada por Miguel León Portilla. Ademais, estas rexións espazo-temporais tiñan asociadas características como cores, poderes ou, incluso, connotacións sexuais; neste sentido, servían como orientación e guía para a vida das persoas.

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Outros artigos Ometeotl Teotl Tlamatini

Ligazóns externas The Mesoamerican Philosophy Renaissance

Categoría:Mesoamérica