Manuel Cotos Lorenzo, nado na Ponte Sampedra (Folgoso, Sobrado) o 20 de febreiro de 1942 e finado en Barcelona o 12 de xaneiro de 2016, foi un empresario galego aveciñado en Cataluña dedicado á hostalaría e á inmobiliaria.
Traxectoria miniatura|Publicidade de Casa Cotos de 1983. Fillo primoxénito de Jesús Cotos Senín e de Virtudes Lorenzo García, recibiu o seu nome do seu avó paterno, falecido en 1933. Os seus pais, que sempre se dedicaron ao campo, ao tratado de gando e á venda de queixos nas feiras, contraeran matrimonio o 7 de setembro de 1940 despois da participación de Jesús na guerra civil española, durante a cal combateu na batalla do Ebro. Tivo sete irmáns, que ao igual ca el recibiron a educación primaria na escola da parroquia. Desde mozo axudou aos seus pais e tivo visión emprendedora, pescando troitas no río Tambre para posteriormente vendelas, e recollendo area fluvial para fornecerlla aos construtores locais. Tamén traballou na pequena central eléctrica da lagoa de Sobrado, á que ía e desde a que volvía con axuda dunha bicicleta obsequio da súa avoa Dolores Senín Fraga. miniatura|Casa Cotos. En 1958 emigrou a Barcelona, onde se atopaba o seu tío Manuel Cotos Senín, tamén veterano de guerra. Alí comezou a traballar como axudante de cociña co chef Manuel Rico, e catro anos despois pasou a ser segundo de cociña. A partir de 1961 rexentou xunto a outro socio un bar restaurante no barrio de Sant Andreu de Palomar, no actual número 11 da rúa Ajuntament. Ao acabar o contrato de arrendamento realizou o servizo militar no Cuartel del Bruch, e despois rexentou o Bar Valladolid no barrio de La Florida de L'Hospitalet de Llobregat, no número 74 da avenida Masnou, xunto á súa dona, coa que casou en 1962. miniatura|Florida Park na década dos 2000. En 1965 converteuse en representante de viños e licores de primeira liña, entre os que se atopaban Riojas (como Bodegas Franco-Españolas e Bodegas LAN), viños e licores galegos, viños finos de Andalucía, ron Havana Club, coñac Osborne etc., e abriu un almacén de distribución no número 140 da avenida Catalunya de L'Hospitalet de Llobregat baixo o nome de Comercial MACOSA (Manuel Cotos, S.A.). En 1970 trasladou a central ao número 91 da rúa Martí Blasi, á que sumou tamén produtos de alimentación e cavas de primeiras marcas da denominación de orixe Penedès. O local funcionaba tamén como tenda de viños e licores, así como de taller para a confección de cestas e lotes de nadal para unha gran cantidade de empresas, no que tamén traballaban a súa muller e os seus fillos. miniatura|Sede de Fincas Aragal. En 1983 converteu a tenda e central distribuidora no restaurante-marisquería Casa Cotos, con capacidade para 250 comensais. Alí tiveron lugar reunións de partido do PSC local, liderado sucesivamente polos alcaldes Juan Antonio Pujana e Celestino Corbacho; así como visitas destacadas como a do expresidente Adolfo Suárez (como candidato do CDS durante a campaña das eleccións xerais de 1986), a do entón xefe da oposición do Partido Popular José María Aznar o 3 de marzo de 1992, a dos ministros socialistas José Luis Corcuera, Narcís Serra e Enrique Barón (logo Presidente do Parlamento Europeo). Tamén outros personaxes de distintos ámbitos déronse cita alí algunha vez, como os xornalistas Isabel Gemio, Joan Castelló Rovira, e Albert Castillón, os cantantes Regina dos Santos e Agustín Pantoja, o exboxeador Pedro Carrasco, o tenista Manuel Orantes, a actriz Beatriz Rico ou o oftalmologo Joaquín Barraquer.
En 1988 fundou un novo restaurante, esta vez no baixo da súa vivenda na Urbanización Can Coll de Corbera de Llobregat. Chamouno Florida Park (homenaxe ao barrio onde sempre traballara e se situaba Casa Cotos), tiña capacidade para 350 comensais e podía ser reducido ou dividido a conveniencia para albergar grupos máis pequenos, ao igual ca os xardíns do restaurante, situados nunha leira de 4000 m². Tamén en 1988 foi un dos socios fundadores do Grupo Mareusa, e en 1990 da Asociación de Empresarios Gallegos en Cataluña (AEGA-CAT). En 1989 e durante dous anos alugou o establecemento Casa Cotos, que pasou a ter o nome de La Vaca Viva, pero o fracaso da nova marca provocou que a familia retomase o control do restaurante, sendo reinaugurado como Casa Cotos o 14 de novembro de 1991. A partir de 1995 o seu fillo Manuel Cotos Alvarín (1965-2010) e o seu xenro Manuel Martínez renovaron e fixéronse cargo do negocio baixo o nome de Restaurante Llesquería Champañería Manel's, especializado por unha parte en torradas, carnes e embutidos (concretamente Embotits Artesans Gori, de Olot) no local principal, e por outro lado en cavas e champañas de varias clases servidos no soto, o cal foi transformado en bar-musical e de copas. Manel's permaneceu en actividade ata o verán de 1997, sendo o local finalmente vendido á empresa Menta en 1999.
En 1998 fundou xunto a outro socio a empresa inmobiliaria Fincas Aragal (acrónimo de Aragón, de onde era natural o seu socio, e Galicia), situada no número 34 da avenida Sant Ramon Nonat de Barcelona, no barrio de Les Corts, aínda que pouco despois da súa creación a sociedade rompeu e quedou ao mando único de Manuel Cotos. Florida Park, ata entón dirixido polo seu fillo, pechou as súas portas no ano 2005; e despois dunha década de actividade, Fincas Aragal pechou tamén as súas en 2008 por mor da súa xubilación, que coincidiu coa crise económica mundial.
Manuel Cotos morreu no Hospital de Barcelona en 2016, sendo enterrado no cemiterio de Corbera de Llobregat, localidade onde residía.
Vida persoal Casou con María Teresa Alvarín Varela, comerciante e hostaleira natural do Saviñao (Lugo).
Galería de imaxes
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Categoría:Nados en Sobrado Categoría:Galegos de Cataluña Categoría:Empresarios de hostalería Categoría:Empresarios de Galicia Categoría:Nados en 1942 Categoría:Finados en 2016