Xiana Lastra Pernas, nada en Ferrol o 12 de novembro de 1983, é unha cantante e produtora musical galega.

Traxectoria Xiana Lastra medrou en Caranza, un barrio obreiro da cidade de Ferrol, nun ambiente castelanizado, porén dentro dunha familia e comunidade onde o recoñecemento da cultura e a lingua galega estaban moi presentes. Dende moi nova formou parte do coro do colexio Manuel Masdías, Grupo Ledicia, con catro anos e ata os vinte e un. Comezou estudos de piano no ano 1993 no Conservatorio Profesional de Música de Ferrol e poucos anos despois tomou clases de técnica vocal e canto coa mezzosoprano María José Ladra González durante varios anos.

Estudou Xornalismo entre os anos 2001 e 2005 na Universidade de Santiago de Compostela, e no ano 2008 licenciouse en Comunicación Audiovisual na Universidade da Coruña. Coincidindo cos anos de estudo en xornalismo, integrouse no Orfeón Terra Nosa e tamén colaborou en varios grupos de música tradicional e brasileira como Árdelle o Eixo ou Odaiko Percussión Group.

Na súa formación inclúense estudos en informática para a prensa, a influencia da televisión española en Marrocos, a información radiofónica, xornalismo dixital ou o curso de iniciación as curtametraxes, impartido por Alfonso Zarauza.

Xiana Lastra é unha muller polifacética, que comezou a súa traxectoria no mundo do xornalismo, asemade a música ata chegar a produción audiovisual.

Xornalismo A súa carreira como xornalista comezou no ano 2005, cun convenio en prácticas como redactora no Centro territorial de Televisión Española en Galicia de Santiago de Compostela e logo xa contratada para o mesmo organismo no centro da Coruña, ata 2006. En 2007 obtivo unha bolsa na Unidade de Contidos Audiovisuais da Facultade de Ciencias da Comunicación da Coruña e sumou outro convenio en prácticas como produtora en programas de cultura da TVG seguido dunha bolsa Feuga no mesmo eido, entre 2008 e 2009.

Nesta etapa fixo traballos de produción en programas como Miraxes, Planeta Cine e Libro Aberto, así como redacción, gravación, realización, deseño e posproducción. Foi axudante de produción na gala de entrega da Medalla de Galicia 2008 e responsable do guión e produción na gala María Manuela. Habemos ir, celebrada no Teatro Jofre de Ferrol, en decembro de 2008.

Integrouse na Asociación Pedagóxica Nova Escola Galega no ano 2009 coa que leva anos facendo traballos administrativos e de contabilidade, así como colaboracións na organizacións de cursos de formación para o profesorado. Tamén leva o control publicitario e de distribución da Revista Galega de Educación, participa na redacción dos artigos, deseño gráfico, elaboración de vídeo promocionais e a maquetación e deseño das portadas.

Durante o ano 2011 foi redactora de informativos na Televisión de Galicia, nas súas delegacións de Lugo, Ourense e A Coruña.

Música Desde o ano 2008 comezou a dedicación á música dun xeito máis profesional. Participou en proxectos como Puntada sen fío, dous disco-libros: A miña primeira Rosalía (2013) e o Meu primeiro Celso Emilio (2014) sendo coautora co seu pai Xosé Lastra e como vocalista, xunto a María Manuela, Mini e Mero e unha gran banda de músicos do país entre os que se atopaban persoeiros coñecidos como Nani García, Xurxo Varela, Roberto Grandal, Simón García, Manuel e Pepe Dopico, Paco Barreiro, Pablo Sabio ou Nuria Lestegás.

Fundou en 2012, xunto a dous socios, Seispés Producións Creativas, unha produtora dedicada ao audiovisual, o deseño gráfico, a comunicación e a produción e promoción musical. Neste eido traballa de manager de grupos como A banda da Loba, Tanxugueiras, Monoulious DOP, Pesdelán ou MJ Pérez entre outros.

É a vocalista de A banda da Loba, dende a súa creación no ano 2016, ademais de compositora. A filosofía da banda, levando da man a música e a poesía, ten como un dos seus principais obxectivos levar a poesía a máis xente e sobre todo á xente nova. Por iso cada ano procuran facer algunha actividade que entre nos centros educativos para achegar a música e poesía galegas tanto clásica como da modernidade.

Desde 2019 preside a Asociación Músicas Ao Vivo, entidade de referencia en Galicia na defensa dos dereitos do colectivo.

Lastra é profesora de música e participa en conferencias, cursos, obradoiros e xornadas relacionadas coa temática.

Outros traballos 2007. Traballos de dirección, produción, gravación, realización e edición do docu-reportaxe Tempo de teatro, emitido en Correo TV dentro do programa cultural Vía Láctea. 2008. Traballos de dirección, produción, gravación, realización e edición do documental Ferrol: cidade da ilustración (Traballo fin de carreira realizado xunto a Elena Mareque) 2010. Codirección xunto Adrián Gómez da curtametraxe Café só.

Notas

Categoría:Nados en 1983 Categoría:Cantantes de Galicia Categoría:Nados en Ferrol Categoría:Produtores musicais Categoría:Xornalistas de Ferrol Categoría:Profesores de Galicia Categoría:Alumnos da Universidade de Santiago de Compostela Categoría:Alumnos da Universidade da Coruña