O tranvía de Ferrol foi un medio de transporte que estivo en activo entre 1924 e 1961, dando servizo non só á cidade de Ferrol senón tamén aos concellos de Narón e Neda. A explotación deste servizo correspondeu á compañía Tranvías del Ferrol. Malia que o proxecto orixinal contemplaba conectar Ferrol coa vila de Neda mediante un tranvía eléctrico, ao comezo a liña que transcorría pola Estrada de Castela ía desde Porta Nova (actual Praza de España) só até o Portádego de Xuvia. Sería durante a década seguinte cando a liña fose ampliada até a vila de Neda e até o peirao de Curuxeiras, cruzando o barrio da Madalena.

Contaba así o tranvía con dúas liñas: +LiñasPorta Nova - PeiraoPorta Nova - NedaParadasPorta NovaPorta NovaRochel (Cine Callao)O InferniñoIgrexaFaxardoMercadoSan XoánSagastaA GándaraCosta de MellaA FerrolanaRío NovoO Alto do CastiñeiroCuartel de InstruciónFreixeiro (cocheiras)Peirao de CuruxeirasO PontoA RevoltaTelleirasSanta RitaPortádegoSanta María de NedaConcello de Neda

Proxectos de recuperación

No ano 2003 o entón alcalde de Narón propuxo a súa recuperación no contexto da conversión da Estrada de Castela nun bulevar, máis a idea non chegou a máis.

Xa no ano 2010 a compañía pública Feve propuxo a recuperación do tranvía na cidade mediante un sistema de tren-tram que empregaría o ramal de mercadorías do porto de Ferrol. Segundo este proxecto, apoiado polo entón alcalde Vicente Irisarri, a única liña sairía do ramal xunto as estacións de ferrocarril e autobuses, no barrio do Ensanche "A", até o porto de Curuxeiras en Ferrol Vello pasando deste xeito polo túnel que cruza a cidade e pola Malata.

A liña tería catro estacións, a primeira delas onde as estacións; a segunda sería subterránea, no túnel que cruza os terreos do cuartel do Sánchez Aguilera; a terceira estaría situada na Malata e a última en Curuxeiras, no porto da cidade. O proxecto contemplaba a súa ampliación até a Praza de Galicia, no barrio da Madalena, así como a súa compaxinación cos trens de Proximidades. Finalmente o proxecto non veu a luz.

No ano 2019, no contexto das eleccións municipais, o candidato popular á alcaldía de Narón propuxo a creación do primeiro metro lixeiro de Galicia coa colaboración de Adif e Renfe, empregando a liña de vía estreita da antiga Feve para conectar Ferrol e Narón, e a de ancho ibérico para conectar Ferrol, Narón, Neda e Fene.

Notas

Categoría:Ferrol Categoría:Tranvías de España