O Mariscal é unha ópera con música de Eduardo Rodríguez-Losada Rebellón sobre un libreto en galego de Ramón Cabanillas e Antón Villar Ponte baseado na obra de teatro homónima de ambos autores. A súa estrea tivo lugar o 31 de maio de 1929 no Teatro Tamberlick de Vigo. Trátase da primeira ópera en galego, así como a primeira ópera galega en ver a luz. Os figurinos e decorados que se empregaron na estrea eran obra de Camilo Díaz Baliño. Logo de estrearse na cidade olívica a obra tivo representacións tamén en Pontevedra, Ferrol, A Coruña e Madrid.

O 18 de novembro de 2010, máis de oitenta anos despois da súa estrea, as notas d' O Mariscal volveron soar no Teatro García Barbón da cidade olívica, que se encheu de público coa ocasión. A ópera, presentada parcialmente en versión de concerto, foi interpretada pola Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG) baixo a dirección de Joám Trillo e coas voces de Javier Franco (barítono), Pablo Carballido (tenor), e a ganadora do Premio Nacional de la Música 2001 Teresa Novoa (soprano), dentro do ciclo Made in Galicia do festival Xacobeo Classics. Foi a propia OSG a que fixo o encargo a Trillo de elixir os momentos máis destacados da partitura orixinal para recuperalos no evento. O día seguinte da presentación en Vigo, o concerto repetiuse cos mesmos protagonistas no Teatro Colón da cidade da Coruña.

A edición moderna da partitura foi obra de Joám Trillo.

A ópera O Mariscal está baseada na obra de teatro homónima de Ramón Cabanillas e Antón Villar Ponte na que se narra a historia de Pardo de Cela, un dos últimos nobles galegos que se opuxo ao dominio castelán e que foi executado na praza de Mondoñedo por orde dos Reis Católicos en 1477.

A orquestración da partitura é densa e cunhas harmonías cambiantes. En palabras de Trillo, trátase dunha obra trascendental na cultura galega xa que:

Notas

Referencias

Categoría:Óperas en galego Categoría:Óperas de 1929 Categoría:Óperas estreadas en Vigo