O papamoscas de colar (Ficedula albicollis) é unha pequena ave paseriforme da familia dos muscicápidos, unha das catro especies de papamoscas negros e brancos do Paleártico occidental. Reprodúcese no sueste de Europa (poboacións illadas están presentes nas illas de Gotland e Öland no mar Báltico, Suecia) e leste de Francia ata a Península Balcánica e Ucraína e é un paxaro migratorio, que pasa o inverno na África subsahariana. É unha ave vagante rara en Europa occidental, pero está incluída na lista das aves ibéricas.

Ten unha lonxitude de 12–13,5 cm. O macho reprodutor é principalmente negro pola parte dorsal e branco pola ventral, cun colar branco, unha mancha branca grande nas ás, cola negra (aínda que algúns machos teñen as partes laterais da cola brancas) e unha gran mancha branca na fronte. Ten un sobrecú claro. O bico é negro e ten a forma ancha pero bicuda típica dos insectívoros aéreos. Ademais de capturar insectos en voo, esta especie caza eirugas entre a follaxe dos carballos e come bagas.

miniatura|Ovos desta especie na colección do Museo de Wiesbaden Os machos non reprodutores, as femias e os individuos novos teñen cor marrón clara no sitio do negro, e pode ser difícil de distinguir doutros papamoscas Ficedula, especialmente do papamoscas negro (F. hypoleuca) e do papamoscas de medio colar (F. semitorquata), especies coas cales pode hibridar de forma limitada. F. albicollis vis-a-vis F. hypoleuca están especiándose un do outro polo efecto Wallace (reforzo ou reinforcement), como se evidencia polas diferenzas entre a coloración en simpatría fronte á alopatría.

Son paxaros de bosques caducos, parques e xardíns, con preferencia polas árbores vellas con ocos nos cales poden facer o niño. Constrúen un niño aberto nun oco dunha árbore ou en caixas de nidificación feitas polo home. Normalmente poñen de 5 a 7 ovos. A canción son asubíos lentos inconexos, bastante distintos do papamoscas negro. Os papamoscas negros poden imitar a canción do papamoscas de colar en poboacións simpátricas.

O nome do xénero vén do latín e fai referencia a unha pequena ave comedora de figos (ficus, 'figo') que se supoñía que se transformaba na papuxa das amoras en inverno. O epíteto específico albicollis vén do latín albus, 'branco', e collum, "colo"..

O papamoscas de colar utilízase como especie modelo en ecoloxía e xenética e foi un dos primeiros paxaros aos que se lle secuenciou o xenoma completo. Os datos espectrométricos repetidos tomados de machos de papamoscas de colar revelaron que a reflectancia da plumaxe debería medirse durante o cortexo, o período principal de sinalización sexual, xa que os trazos espectrais diminúen ao longo da estación reprodutora.

Nas poboacións naturais de F. albicollis parece que a endogamia é rara, pero cando esa ocorre ten consecuencias negativas para características que inflúen na fitness como a taxa de éxito na incubación.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Xenoma do papamoscas de colar en Ensembl

Categoría:Muscicápidos Categoría:Animais descritos en 1815