Xu Yuan (chinés tradicional e simplificado: 徐媛; pinyin: Xú Yuàn; Wade-Giles: Hsü Yüan), nome de cortesía Xiaoshu (小淑), nada en Suzhou cara a 1560 e finada en 1620, foi unha nena prodixio e poeta chinesa da dinastía Ming (1368-1644). Chegou a ser recoñecida como unha das principais poetas da súa cidade natal.
Traxectoria Primeiros anos Xu Yuan naceu en Suzhou durante o reinado do emperador Wanli (1563-1620), filla de Xu Shitai, ministro da corte; o nome da nai non se conservou. Sábese pouco dos seus primeiros anos de vida, e incluso se descoñece a data exacta do seu nacemento. A súa familia pertencía á clase letrada, polo que recibiu unha esmerada instrución dende moi nova, destacando polo seu prodixioso desempeño nas artes literarias, polo que foi comparada con Xie Daoyun (antes de 340-despois de 399). Pasou a súa infancia intercambiando poemas cos seus irmáns e primos.
Vida adulta Tras acadar a maioría de idade, Xu Yuan tomou o nome de Xiaoshu e casou co erudito Fan Yunlin. Dado que a familia del non tiña moitos cartos, Xu Yuan traballou como costureira e xoieira para permitir que o seu home se concentrase nos estudos. Malia vivir en relativa pobreza, foron vistos como a parella ideal, igualados no seu amor mutuo e nas súas obras. Durante a dinastía Ming xurdiu a crenza de que o desenvolvemento dos propios talentos erosionaba a moral das mulleres, noción rexeitada por literatas como a propia Xu Yuan. Así, rachando coas expectativas sociais da ama de casa virtuosa, declarou na súa poesía que se dedicaría aos seus intereses literarios no canto do traballo do fogar.
Fan Yunlin logrou acadar varios postos oficiais, chegando a ser secretario nos Ministerios da Guerra e de Traballos. Debido a isto, a parella tivo que trasladarse varias veces de residencia, a lugares como Nanjing, Yunnan, Fujian ou Guizhou. Isto permitiulle a Xu Yuan vivir experiencias fora dos límites do que tradicionalmente se agardaba dunha muller, que rexistrou na súa escrita. Cando as obrigas laborais do esposo llelo permitían, a parella relacionábase cos círculos literarios de Suzhou.
Ademais de con escritores, Xu Yuan estivo tamén en contacto con cortesás de alto rango, como Xue Susu (c. 1564-c. 1650), e con outras de estamentos máis baixos. Mantivo unha fonda amizade con Lu Qingzi, unha nobre que tamén se relacionaba coa corte e compoñía poesía. Ambas intercambiaron cartas e poemas con frecuencia, influenciándose mutuamente.
Últimos anos O pasamento dos seus pais e a perda dun neto, así como a insatisfacción do esposo co seu traballo, afectaron a Xu Yuan nos seus derradeiros anos, polo que decidiu converterse ao budismo. Contra 1604, a parella xubilouse e regresou ao Suzhou natal, dedicándose plenamente ás artes. En 1613, Fan Yunlin publicou unha escolma da súa muller, que contiña pezas en verso e prosa centradas arredor da época na que Xu Yuan traballaba para manter economicamente á súa familia.
Tras o seu falecemento en 1620, o crítico Ji Xian, de comezos da dinastía Qing (1644-1912), recolleu trinta e dous poemas de Xu Yuan na súa Guixiu ji ("Antoloxía dos talentos do cuarto das mulleres"), o número máis alto de todas as autoras compiladas.
Obra Como moitos poetas chineses, dise que Xu Yuan se inspirou nos mestres da dinastía Tang. Malia as súas orixes familiares, Xu rachou coas expectativas sociais e as normas culturais da súa época ao asociarse con prostitutas, cortesás, daoístas e geji, compoñendo poemas na súa honra. Entre as súas pezas máis coñecidas, destaca unha dedicada a Xue Susu, a quen probablemente coñeceu a través do seu marido, quen admirara a Xue na súa etapa como cortesá.
Nun dos seus poemas a Xue Susu, Xu Yuan destacou a súa beleza e sinalou os seus pés vendados. Tanto Xu como Fan Yunlin compuxeron versos sobre Xue, e un deles aparece nunha das pinturas desta. A pesar de ser un éxito entre os lectores, a súa obra atopou moitos detractores. Por exemplo, o poeta Fang Mengshi escribiu que os textos de Xu Yuan eran mediocres e carecían de talento, namentres o artista e poeta Liang Mengzhao pensaba que a súa linguaxe era estraña a causa da autocensura da literata. Porén, estas críticas non minguaron a súa recepción, e tampouco facían mención explícita dos seu versos sobre cortesás e geji.
Xu Yuan tamén escribiu sobre geji e prostitutas menos famosas, como amosa o seu poema "Geji Anqing" e unha serie de cinco pezas dedicada a unha bailarina. Xu adoitaba empregar a linguaxe propia dun amante nos seus poemas a outras mulleres. Aínda que os seus escritos sobre a beleza feminina foron considerados de mal gusto na época, a atracción sexual lesbiana non estaba amplamente prohibida na China do século XVII.
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Categoría:Finados en 1620 Categoría:Escritores en lingua chinesa Categoría:Escritores da China Categoría:Nados no século XVI