Bernardo del Río Parada, nado en Vilagarcía de Arousa o 5 de febreiro de 1893 e finado en Santiago de Compostela o 5 de novembro de 1952, foi un compositor e director galego, especialmente vinculado á cidade de Santiago de Compostela. A súa produción abrangue principalmente música para banda e música coral, se ben é coñecido especialmente pola súa zarzuela galega A lenda de Montelongo, foi tamén un destacado investigador da música e folclore galego.
Traxectoria Bernardo del Río naceu o 5 de febreiro de 1893 en Vilagarcía de Arousa e dende nano amosou interese pola música. Aos 12 anos comezou a súa formación na Academia de Música da súa vila natal, e pouco despois ingresou na Banda de Música. Supostamente a Banda Municipal de Santiago de Compostela fora a Vilagarcía e Francisco Martínez propóxulle unirse á agrupación como bombardino segundo. O que si se sabe e que en 1907 ingresou finalmente na Banda Municipal de Santiago de Compostela, aínda que non foi ata 1910 cando ingresou de xeito oficial ao ser nomeado profesor interino cubrindo a vacante de clarinete segundo, posto que compaxinaría cos seus estudos no Conserevatorio. Na banda compostelá permaneceu ata 1911. Con
Na capital galega tamén formou parte da Banda do Rexemento de Infantería de Zaragoza dende 1912, na que conseguiu a praza de bombardino con facilidade. Del Río foi ascendendo na agrupación, primeiro a músico de segunda clase e logo a músico de primeira. Neste tempo comezou na agrupación os seus estudos de harmonía e composición con Manuel López Farfán, que daquela ocupaba o posto de director, o que lle posibilita chegar a ser subdirector da banda e dos coros coas que contaba a agrupación.
En Compostela comezou a introducirse no mundo das corais, interese que o levou a fundar en 1921 a coral da Agrupación Folclórica “Cantigas e Agarimos”, así como a coral Queixumes dos pinos, o Orfeón Unión Artística Compostelana.
No ano 1931 trasladouse á cidade da Coruña ao Rexemento de Infantaría Zamora nº 8. A súa estadía na cidade herculina foi moi breve, xa que menos dun mes despois da súa chegada, en agosto, solicitou a licenza, que lle foi concedida. Volveu entón a Compostela, onde reorganizou o orfeón da Unión Artística Compostelana e regresou á Banda Municipal en 1932 logo de opositar á praza de bombardino.
En xaneiro de 1933 puido acceder ao posto de subdirector da banda compostelá, mais un mes despois renunciaría temporalmente para converterse en director durante un breve período da Banda de Ordes, sucedendo así a Higinio Cambeses Carreras. Tres anos máis tarde, en 1936, converteuse en director da Banda Municipal de Santiago de Compostela, posto que ocupou ata 1944. O seu labor como director levouno tamén á fronte da Banda de Música Municipal da Estrada.
En 1952 pasou a dirixir a Banda de Vilagarcía de Arousa, mais á súa morte ese mesmo ano foi relevado polo seu sobriño Bernardo García del Río.
En 1977, con motivo do aniversario do seu pasamento, a cidade de Santiago de Compostela homenaxeou a súa figura cun acto no Pazo de Raxoi organizado por Manuel Suárez Moscoso.
Obra A obra de Bernardo del Río está moi influenciada pola música tradicional galega, a cal investigou realizando viaxes por distintas aledeas e lugares do país nos que pervivían tradicións musicais antigas.
As súas composicións inclúen pezas para banda de música e conxuntos corais. Entre todas as súas composicións salienta a zarzuela galega con texto de Manuel Rey Posse e Xoan Buhigas Olavarrieta A lenda de Montelongo, unha das poucas obras do xénero que xurdiron e triunfaron en Galicia.
Notas
Referencias
Categoría:Nados en 1893 Categoría:Finados en 1952 Categoría:Compositores de Galicia Categoría:Nados en Vilagarcía de Arousa