O voo 2283 de Voepass era un voo regular doméstico de pasaxeiros dende Cascavel ata Guarulhos. O 9 de agosto de 2024, o ATR 72-500 que realizaba a ruta esnafrouse en Vinhedo, no estado de São Paulo. O avión estaba voando a unha altitude de 17 000 pés (5 200 m) antes de entrar en perda e caer nunha barrena chá cun rápido descenso.
Os 62 ocupantes do aparello morreron, sendo o accidente de aviación con máis vítimas mortais no Brasil dende o voo 3054 de TAM Airlines en xullo de 2007. O Centro de Investigación e Prevención de Accidentes Aeronáuticos (CENIPA) iniciou unha investigación sobre o accidente. Nos primeiros momentos tras o accidente, os expertos en aviación especularon que a acumulación de xeo podería ser un factor. Ámbalas dúas caixas negras foron recuperadas e analizadas polo CENIPA, que publicou un informe preliminar confirmando que os pilotos enfrontaron dificultades coa acumulación de xeo e os intentos de desxeo.
Avión O aparello implicado era un turbohélice ATR 72-500 de 14 anos de idade, rexistrado como PS-VPB e co número de serie 908, impulsado por dous motores Pratt & Whitney Canada PW127M. Fora mercado por Voepass en setembro de 2022 á aeroliña indonesia Pelita Air Service.
Tripulación e pasaxeiros Ao mando estaba o capitán Danilo Santos Romano de 35 anos, e o primeiro oficial Humberto Alencar e Silva de 61. As asistentes de cabina eran Débora Soper Ávila, de 28 anos, e Rubia Silva de Lima, de 41. Todos os tripulantes e pasaxeiros eran brasileiros, aínda que tres deles tiñan dobre cidadanía con Venezuela e un con Portugal. 27 dos pasaxeiros residían en Cascavel.
Entre as vítimas había 8 médicos, dos cales 6 eran oncólogos que viaxaban a unha conferencia sobre cancro en São Paulo, 4 profesores da Universidade Estadual do Oeste do Paraná, dous traballadores da Universidade Tecnológica Federal do Paraná, e 2 nenos. Polo menos 10 pasaxeiros con billete non subiron ao voo porque estaban esperando na porta equivocada.
Accidente A aeronave voaba dende Cascavel, Paraná, ata a cidade de Guarulhos, São Paulo. Na área do accidente había un aviso SIGMET (información meteorolóxica significativa) activo por xeada severa de 12 000 a 21 000 pés (3 700 a 6 400 m). Os informes meteorolóxicos no momento do accidente indicaban que había zonas de turbulencias, tormentas e xeada nas zonas que rodeaban o lugar do sinistro.
Segundo Flightradar24, a aeronave estaba voando a 17 000 pés (5 200 m) cando, ás 13:21 hora local, sufriu unha breve perda de altitude e despois gañou altitude brevemente. Pouco despois, o avión entrou no que parecía ser unha barrena chá e nun descenso pronunciado e terminal. A última transmisión de datos e a perda de contacto do radar produciuse ás 13:22, antes do accidente. Os datos ADS-B indicaron que a aeronave alcanzara unha taxa de descenso vertical máxima de 24 000 pés por minuto (120 m/s). A Forza Aérea Brasileira dixo que o voo non declarou unha emerxencia.
Os bombeiros informaron de que o avión estrelouse en Vinhedo, no estado de São Paulo, a 76 quilómetros (47 mi) ao noroeste da cidade de São Paulo. O avión estrelouse preto dun condominio no barrio de Capela. A pesar de que as primeiras noticias falaban de que o avión impactara contra varias casas, o aparello esnafrouse no xardín dianteiro dunha casa e ninguén en terra resultou morto ou ferido. Varios videos de antes do impacto mostran ao avión nunha barrena cha, co morro lixeiramente inclinado cara abaixo, e foron amplamente compartidos nas redes sociais. A canle de noticias de televisión brasileira GloboNews emitiu imaxes aéreas dende a zona do lugar do accidente, mostrando lume e fume que saían dos restos do avión.
As 62 persoas que ían a bordo do avión, 58 pasaxeiros e 4 tripulantes, morreron, xunto cun can que levaban a bordo os pasaxeiros venezolanos. A maioría dos cadáveres atopados no lugar do accidente quedaron calcinados, o que dificultou a identificación das vítimas.
Notas
Categoría:Accidentes e incidentes aéreos en 2024 Categoría:Accidentes e incidentes de Voepass Categoría:Accidentes aéreos no Brasil Categoría:Accidentes e incidentes de ATR 72