O Alcázar de Segovia, que data de comezos do século XII, é un dos castelos medievais máis famosos do mundo e un dos monumentos máis visitados de España. Polas súas estancias pasaron vinte e dous reis, ademais dalgúns dos personaxes máis destacados da historia. O seu perfil érguese sobre o val do río Eresma e é o símbolo da cidade vella de Segovia e o seu acueduto, declarada Patrimonio da Humanidade en 1985.

Historia Palacio e fortaleza dos reis de Castela, o seu trazado reflicte o esplendor da corte durante a Idade Media, e as súas murallas foron testemuñas de batallas, intrigas palaciais, vodas reais e acontecementos sorprendentes. Ao longo da súa existencia, o Alcázar foi castro romano, fortaleza medieval, palacio real, custodio do tesouro real, prisión do estado, Real Colexio de Artillaría e Arquivo Xeral Militar.

Foi a primeira residencia dos reis casteláns xa que polo menos desde 1135, dous séculos antes do Palacio de Tordesillas ou do Alcázar de Sevilla, a familia real de Castela tiña apousentos no Alcázar, daquela coñecido como “Palacio Maior”.

Na torre vella, a da homenaxe, gardábase o tesouro da Coroa de Castela, do que os fondos procedían para financiar, entre outras empresas, a primeira viaxe de Cristovo Colón a América.

En 1437 chegan ao Alcázar os libros da administración real, creando un dos primeiros arquivos reais de Castela, que posteriormente serviu de base ao que hoxe é o Arquivo Xeral de Simancas. O Alcázar tamén albergaba a sede da armaría real, que hoxe se exhibe na Real Armaría de Madrid.

A fortificación ten cimentos romanos, probablemente restos dun antigo castro, e na base da súa muralla hai estelas funerarias reutilizadas. Aínda que a verdadeira historia do Alcázar comeza coa Reconquista, cuxa evolución coincide coa do castelo, aínda que con importantes reformas posteriores, como a cuberta de lousa que mandara facer Filipe II e que converte o Alcázar de Segovia no castelo "máis europeo" da península, sendo un dos exemplos máis salientables de fortaleza militar e de caso único na historia da arquitectura española e europea, castelo e pazo real, como o seu nome indica: "alcáçar", polo que xa era coñecido en 1135, cando reinaba o emperador Afonso VII.

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas Páxina web oficial

Categoría:Segovia Categoría:Castelos de Castela e León Categoría:Residencias reais de España Categoría:Bens de Interese Cultural de Castela e León