O chalé de Canido é un edificio singular situado no barrio de Canido en Ferrol. Foi proxectado e executado entre os anos 1921 e 1925 por Rodolfo Ucha para o industrial Juan Sixto Vázquez.
Historia Tendo pensado regresar á súa terra, Ferrol, Juan Sixto Vázquez, emigrante galego nado no Seixo (Mugardos) que fixo fortuna en Cuba a finais do século e foi propietario, xunto aos seus irmáns, dos grandes almacéns da Habana Fin de Siglo, encargoulle en 1921 a Rodolfo Ucha que, por entón era arquitecto municipal de Ferrol, o proxecto dunha vila representativa do seu éxito nos negocios en Ultramar que, con todo, non chegaría a habitar definitivamente.
Descrición Coñecido como Chalé de Canido, trátase do máis voluminoso edificio de vivenda unifamiliar proxectado por Rodolfo Ucha Piñeiro en Ferrol, cunha torre que resulta o elemento máis singular e rechamante do conxunto. É probable que o ecléctico deseño desta casa de indianos, con certo resaibo rexionalista pero sen unha unidade de estilo específica entre os seus diferentes elementos e na que se advirte certa desproporción de volumes, respondese ao capricho do propietario promotor da obra, que fixo modificar varias veces os planos, influído por algúns deseños de moda do momento, mesturándoos todos.
O principal elemento compositivo é unha torre monumental de catro alturas cun remate de aspecto de pirámide truncada, cunha mansarda faiada e uns pináculos en cada esquina. Á torre súmanse varios volumes aos lados con galerías exteriores apoiadas ben sobre ménsulas de granito ou sobre columnas de ferro fundido, cuxa horizontalidade compensa timidamente a prominente verticalidade da torre. A superficie total edificada é de 740 m². Conta tamén cun xardín de 4 000 m² que chegou a estar poboado por diversas especies vexetais exóticas, incluíndo as palmeiras que lembraban a paisaxe habanera. O edificio permaneceu abandonado desde 2009, o que lle ocasionou unha notable decadencia, perdendo parte da ornamentación da fachada, a rotura de numerosos cristais e o roubo de elementos decorativos no interior. En 2017 foi adquirido por un grupo empresarial de Betanzos dedicado á hostalaría que proxecta a súa restauración total entre 2025 e 2026.
Notas
Véxase tamén Outros artigos Casa Pereira Chalé Antón Casa Rodríguez Fernández
Categoría:Arquitectura civil en Ferrol