Franz Liszt (en húngaro Ferenc Liszt), nado en Raiding (actual Austria) o 22 de outubro de 1811 e finado en Bayreuth (Alemaña) o 31 de xullo de 1886, foi un compositor e pianista austro-húngaro.

Liszt é o pai da técnica pianística moderna e do recital. El está na orixe do impresionismo pianístico, do piano orquestral (en Mazeppa, o cuarto estudo de execución transcendente) e do piano literario (Ans de pélérinage, baseada na obra de Goethe Wanderjahre) Con Frédéric Chopin é fundamental para a aparición de toda unha liña de compositores: Maurice Ravel, Serguei Rachmaninov, Scriabin.

Vida Xuventude Seu pai, Adam Liszt, que foi violoncelista nunha orquestra local e secretario do príncipe Esterházy, ensinou o piano ó seu fillo desde moi pequeno, utilizando as obras de Haydn, Mozart e Beethoven.

Liszt foi un neno prodixio e ós dez anos marchou a Viena para seguir, durante dous anos, os cursos de harmonía de Salieri e os de pianos de Carl Czerny. Durante unha xira por París, acompañado polo seu pai, intentou entrar no Conservatorio (daquela chamado Escola real de música e de declamación) pero foi rexeitado por Cherubini por ser estranxeiro. En 1824 tomou como profesor a Ferdinando Paer e compuxo con 14 anos a ópera Don Sanche ou le Château d'amour. Despois dunha primeira crise mística, causada pola morte de seu pai en 1827 durante unha viaxe a Boulogne-sur-Mer, volveu a París, onde deu, para subsistir, cursos de piano.

Viaxes por Europa

En París, coñeceu a Hector Berlioz, George Sand, Alfred de Musset, Frédéric Chopin, fíxose amigo do pintor Eugène Delacroix e relacionouse con Niccolò Paganini, que ía influír moito sobre o desenvolvemento da súa obra.

En 1833 comezou unha relación amorosa coa condesa Marie d'Agoult (coñecida polo seu nome literario de Daniel Stern) coa que tivo tres fillos: Blandine (1835-1862), Cosima (1837-1930) et Daniel (1839-1859). Blandine foi máis tarde a muller de Émile Ollivier e Cosima a de Hans von Bülow e Richard Wagner. En 1836, Liszt comezou unha xira por Europa dando recitais en tódalas grandes cidades, nas que interpreta obras propias, de Chopin e da música alemá.

O compositor

Como o proba a súa correspondencia, Liszt foi un gran sedutor e tivo relacións con numerosas e célebres mulleres. Despois de se separar de Marie d'Agoult en 1844, coñeceu en Kíiv en 1847 á princesa Carolyne Sayn-Wittgenstein que o aconsellou deixar a súa carreira como concertista para consagrarse á composición. En 1848 instalouse en Weimar como mestre de capela do gran duque. Comeza entón un novo período durante o que compón os seus poemas sinfónicos, coa axuda do seu secretario particular, Joseph Joachim Raff. Dirixe tamén os seus esforzos á dirección de obras dos seus contemporáneos. Ó seu redor xúntanse numerosos alumnos (entre eles Hans von Bülow), ós que fixo descubrir as obras de Berlioz, Wagner e Saint-Saëns. O seu talento e, sobre todo, as súas ideas innovadoras, que fixeron do Weimar desa época un centro de innovación e creación musicais, provocaron resistencias nos círculos máis conservadores, o que o levou a dimitir do seu posto de mestre de capela o ano 1858. Despois de intentar sen éxito obter do papa a nulidade do seu matrimonio, Liszt e Carolyne Sayn-Wittgenstein sepáranse e Liszt toma ordes menores en 1865. O compositor aproveita a estancia en Roma para descubrir a musique relixiosa do Renacemento.

Os últimos anos miniatura|Fotografía de Liszt en 1870 Liszt retírase a Roma en 1861 e faise franciscano en 1865. A partir de 1869 e ata a súa morte, Liszt reparte o seu tempo entre Budapest, Roma e Weimar, que correspondían ás súas tres tendencias: a sentimentalidade húngara, o misticismo relixioso e a música de influencia alemá. En Budapest, durante os meses de verán continúa a recibir gratuitamente alumnos como Alexander Siloti. Nesta época dedícase totalmente á composición e ó ensino. Desde 1876 ensinou na Academia Real de Música de Budapest, da que foi un dos fundadores e que sería rebautizada como Academia de música Franz-Liszt. Morreu en Bayreuth o 31 de xullo de 1886 ás 23 h 30m, dunha pneumonía contraída durante un festival de música.

Liszt e a relixiosidade

A primeira crise mística afectou a Liszt en 1827, e foi resultado da ruptura da relación amorosa coa súa alumna Caroline de Saint-Cricq, e da oposición paterna a que Liszt se ordenara sacerdote. Morto o pai, foi a intervención de súa mai o que evitou a ordenación do compositor. Nunha carta de 1879 a Carolyne de Sayn-Wittgenstein, Liszt escribiu: “Eu seguía con simplicidade e con corazón limpo as miñas inclinacións católicas da xuventude. Se non tivera sido contrariado nos meus primeiros fervores pola miña boa mai e polo meu confesor, o padre Bardin, tería entrado no seminario en 1830 […] o padre Bardin, amante da música, tivo se cadra demasiado en conta a miña pequena e precoz celebridade cando me aconsellou servir a Deus e á Igrexa desde a miña profesión de artista”. Liszt tentou seguir ó pé da letra os consellos do seu confesor e unir a súa profesión e as súas inclinacións relixiosas: “Cremos que unha grande obra, unha gran misión relixiosa e social se impón ós artistas” O adulterio cometido con Marie d’Agoult puxo fin a esta tentativa.

Marie D'Agoult, a carreira de virtuoso e o traballo en Weimar mitigaron o seu celo relixioso ata 1860. Desde entón, Liszt pensando que o seu camiño vital ata o momento era incorrecto, refúxiase en Roma e faise franciscano. Posto ó servizo da xerarquía católica compuxo obras que non foron ben apreciadas: A Misa de Gran, Santa Elizabeth, Christus. Cara a fin da súa vida continuaba aínda o seu esforzo, recorrendo a técnicas cada vez máis audaces, como no Vía crucis. Algunhas das súas últimas obras, como os valses Méphisto e o nocturno En soño, marcan porén un certo distanciamento coa Igrexa.

O pianista comprometido

O compromiso político de Liszt empeza a raíz da revolución de xullo en Francia, un pouco como imitación da crise mística que incubaba dende 1828. Á calor dos acontecementos o músico concibe unha “sinfonía revolucionaria” , que sería posteriormente a “Héroïde fúnebre”. Liszt faise amigo de Émile Barrault, profesor de retórica que lle abre as portas dos círculos dos discípulos de Saint-Simon. Coñece tamén a Lamartine, Lamennais e Lafayette. A influencia de Lamennais, do que Liszt sería discípulo ata a morte, había de ser moito máis perdurable cá de Saint-Simon. Estas influencias teóricas traduciranse en escrito (Da situación dos artistas e da súa condición na sociedade, publicado na Gazette musicale de París en 1835), en música (transcrición d’A Marsellesa, e a peza Lyon, sobre a revolta dos Canuts integrada no Álbum dun viaxeiro) e en concertos caritativos. Co tempo, o compromiso político de Liszt desapareceu. En 1848, durante a revolta húngara, instálase en Weimar, prestando apoio ós seus compatriotas só na distancia. O Liszt vello abandona a política para consagrarse á relixión.

Liszt e a música do seu tempo

Liszt e Wagner As relación entre Liszt e Richard Wagner comezaron en 1840 cando o daquela mozo, descoñecido e pobre compositor Wagner, pediu axuda a Liszt, que era xa un compositor de éxito. Despois duns anos de relacións intermitentes, a correspondencia entre os dous fíxose máis intensa. Nas súas cartas, Wagner reafirma continuamente a súa necesidade urxente de diñeiro. Liszt tentaba satisfacer como podía os desexos do seu protexido, do que valoraba cada vez máis as obras: en 1849, Liszt montou “Tannhäuser”, que tivo un éxito espectacular. En 1853, Liszt vai a París e aproveita para presentar Wagner ós seus fillos. A filla máis vella, Cosima, casaría anos despois co compositor alemán.

De novo en Weimar, Liszt continua dirixindo con éxito as obras de Wagner, diante do agradecemento deste :”Grazas, meu Cristo amado. Eu considérote como o mesmo salvador”. A correspondencia continúa e amplíase ata 1859, cando Wagner segue a pedir diñeiro e Liszt non o pode axudar por estar pasando unha mala época económica. Wagner enfádase . Ese mesmo ano prodúcese outro tema de enfrontamento: a influencia musical de Liszt sobre Wagner, que este se negaba a recoñecer publicamente. En xuño e agosto, pouco despois das primeiras audicións do preludio de “Tristán e Isolda” o musicólogo Richard Pohl redactara un panexírico no que atribuía a Liszt a substancia harmónica da obra. O 7 de outubro, Wagner escribiu a Bülow : «Eu trato a harmonía de xeito diferente desde que me familiaricei coas composicións de Liszt. Mais cando o amigo Pohl o revela ó mundo enteiro, considéroo unha indiscreción; ou debo pensar que é unha indiscreción autorizada? » . Estas tensións provocaron unha ruptura de curta duración, que acabou antes da fin dese mesmo ano.

Anos despois, a causa das diferenzas entre os dous compositores foi a filla de Liszt, Cosima, pola que se interesaba Wagner dende había anos, aínda que xa estaba casada con Hans von Bülow, antigo alumno de Liszt, e vinte e cinco anos máis novo ca Wagner. Cando en 1870 Cosima e Wagner manifestan abertamente a súa relacións Liszt decide cortar as relacións con eles. Wagner tentou recuperar a estima de Liszt mediante unha gran cantidade de cartas eloxiosas. A reconciliación supuxo tamén o perdón de Liszt á súa filla. A inauguración do Palacio de Festivais de Bayreuth por Wagner foi a ocasión de demostracións recíprocas de amizade. Liszt asistiu entusiasmado en 1882 á primeira representación de Parsifal. En 1883, porén, ó coñecer a morte de Wagner, a única reacción de Liszt foi "Por qué non?", para engadir despois “Hoxe el, eu mañá”. Liszt e Verdi Liszt descubriu a música de Giuseppe Verdi moi cedo e xa en 1847 fixo unha transcrición de Ernani, cando o compositor italiano aínda non creara ningunha das súas obras máis coñecidas. Nos anos que seguiron, Liszt, ocupado polo seu traballo en Weimar, non puido continuar a relación coa obra de Verdi. O encargo de 1859 para transcribir Rigoletto e Il Trovatore deulle de novo a ocasión. A continuación seguiron as transcricións Don Carlos (1867) e despois de Aïda (1877) (multiplicando as disonancias nesta obra, tentou integrar a Verdi na vangarda musical, á que, de feito, non pertencía. Impresionado pola representación de Simon Boccanegra, dedicoulle unha das súas últimas transcricións, en 1882. Polo seu lado, Verdi non amosou moito interese por Liszt, ó que consideraba un wagneriano partidario da música do futuro

A concepción da música de Liszt Liszt falaba, na Terceira carta dun en musica así do seu instrumento preferido, o piano; "no espazo de sete oitavas, apreixa toda a extensión dunha orquestra, e os dez dedos dun home só abondan para reproduci-las harmonías producidas por cen instrumentos concertantes". Isto permite comprender por que Liszt intentou durante toda a súa vida desenvolver ó máximo as capacidades expresivas dun instrumento co que tiña unha relación tan estreita como testemuña unha frase célebre súa: "O meu piano é para min o que unha fragata ó mariñeiro, o que é para un árabe o seu cabalo […], é a miña palabra, é a miña vida. Esta concepción musical centrada no piano foi moi criticada a partir dos anos 1850 coa recuperación de formas de expresión musical daquela esquecidas. Liszt mesmo dubidou das súas crenzas, como demostra a extensión do seu campo de miras ó órgano (Misa de Gran) e á orquestra (13 poemas sinfónicos). É por iso que a súa obra tan diversa non se pode reducir ó simple concepto da música programática. Liszt foi un compositor que ampliou, con diversas innovacións, a súa paleta sonora.

O estilo

Ata 1830 Liszt non desenvolve un estilo propio. Conságrase enteiramente ó aspecto puramente técnico da música esperando impresionar ó público. As poucas obras que se conservan desa época (un esbozo dos Doce estudos transcendentes e a súa única ópera) non teñen máis interese que o de amosar como traballaba o compositor naquela época.