O rabilongo das canaveiras (Panurus biarmicus) é un pequeno paseriforme de cola longa atopado en zonas acuáticas con canaveiras e xunqueiras na zona temperada de Eurasia. Historicamente considerábase que estaba relacionado cos páridos, mais hoxe sábese que carece de parentes próximos vivos e é a única especie do xénero Panurus e da familia dos panúridos (Panuridae).

Son aves cun forte dimorfismo sexual e forman parellas para toda a vida. Son moi produtivos na reprodución e poden criar varias veces nunha mesma estación. Aliméntanse principalmente de pequenos invertebrados en verán e de sementes de plantas en inverno.

Taxonomía e sistemática O rabilongo das canaveiras foi descrito cientificamente en 1758 polo naturalista sueco Carl Linné na 10ª edición da súa obra Systema Naturae. Linné situouno, xunto cos ferreiriños, no xénero Parus e deulle o nome binomial de Parus biarmicus. Linné baseou a súa descrición na especie "beardmanica or bearded tit-mouse" que fora descrita e ilustrada en 1731 polo naturalista inglés Eleazar Albin e no "least butcher-bird" que fora descrito e ilustrado en 1747 por George Edwards. O rabilongo das canaveiras foi despois retirado da familia dos páridos e situado na familia Paradoxornithidae. Autores posteriores clasificárono de diversas maneiras como membro dos Muscicapidae, Sylviidae ou Timaliidae. Os estudos de filoxenética molecular mostran que é un paseriforme único, que non forma parte de ningunha destas familias. Agora é situado na súa propia familia Panuridae, que foi creada en 1860 (como subfamilia Panurinae) por Marc Athanase Parfait Œillet Des Murs. Carece de especies emparentadas próximas, pero é un silvioideo e a familia máis próxima é a das lavercas, Alaudidae. Panuridae e Alaudidae separáronse no Mioceno temperán.

O actual nome do xénero, Panurus, foi introducido por Carl Ludwig Koch en 1816. procede do grego antigo panu, "extremadamente", e ουρά, "cola, rabo". O adxectivo de especie, biarmicus, vén de "Biarmia", unha forma latinizada do nome da rexión de Bjarmalandia, hoxe parte de Rusia dentro do oblast de Arkhangelsk e da península de Kola (como resultado dunha confusión cando se describiu a especie, porque o rabilongo das canaveiras non vive nesas áreas).

Subespecies Recoñécense tres subespecies:

P. b. biarmicus (Linné, 1758), de cor medianamente escura e atopado no norte e sur de Europa, tamén en Turquía e Azerbaixán. P. b. russicus (Brehm, CL, 1831), claro e atopado no leste de Europa, desde o sur de Rusia e Asia Central a Mongolia e norte da China. P. b. kosswigi Kumerloeve, 1959, escuro e atopado na provincia de Hatay do sur de Turquía e moi probablemente tamén na lindante Siria.

Nalgunhas partes de Europa central e do leste non hai total certeza de se están presentes P. b. biarmicus, P. b. russicus ou intermedios. As tres subespecies son bastante similares; algunhas autoridades suxeriron que a especie debería considerarse monotípica (é dicir, sen subespecies) debido á cantidade de variación individual e a variación clinal xeral.

Distribución e hábitat miniatura|esquerda|Bandada no hábitat de canaveiras típico da especie durante o inverno en Finlandia, a parte máis setentrional da súa distribución. miniatura|esquerda|Macho xove pousado e movéndose polas canaveiras nos Países Baixos.

É unha especie nativa da Eurasia temperada, atopándose desde España, Francia e as Illas Británicas ata Manchuria, pero a súa distribución tende a ser bastante localizada (non continua) debido aos hábitats que prefire. Os mapas adoitan mostrar a súa área de distribución asiática como unha sección grande e continua (en vez de localizada nos puntos onde hai xunqueiras), pero isto débese a que os datos de monitorización ofrecen detalles limitados desta área comparados cos da parte occidental da súa distribución. En Europa adoitaba estar limitado a altitudes medias ou baixas, incluíndo tamén Gran Bretaña, mais na segunda metade do século XX expandiuse cara ao norte a Escandinavia, Finlandia e o norte dos países bálticos.

É un visitante non reprodutor ocasional de Chipre e Irán, e en raros casos foi rexistrado como ave vagante no oeste, sur e leste da súa distribución normal en Portugal, norte de África, Israel, Kuwait, Paquistán, Xapón e Corea. A especie xeralmente é residente e non se coñece ningunha poboación que siga un padrón migratorio claro e consistente. Porén, algunhas poboacións europeas tenden a pasar o período non reprodutor (inverno) no sur e suroeste da súa área de reprodución (verán), facendo o que como moito se podería describir como unha migración a curta distancia, a uns poucos centos de quilómetros. Isto obsérvase principalmente na metade norte do continente, pero en ningunha rexión parece intervir toda a poboación, e algunhas das aves toman parte neses desprazamentos e outras esencialmente permanecen no mesmo lugar todo o ano. Adultos e xoves poden facer dispersións eruptivas fóra da tempada reprodutora e en períodos con alimento limitado ou tempo frío os rabilongos das canaveiras poden realizar outros movementos, maiormente locais.

É unha ave especialista de hábitat que se atopa en zonas de canaveiras, principalmente con Phragmites australis, en lagos de auga doce ou salobre, pantanos ou ríos, pero tamén nas zonas de vexetación próximas con herbáceas altas como Typha e Carex. Especialmente durante o período de reprodución a especie evita claramente as partes non inundables ou secas das zonas húmidas, pero noutros momentos pode vagar máis libremente. Aínda que normalmente se atopa pousado ou gabeando polas canaveiras ou outra vexetación similar, facilmente pode choutar ao chan, especialmente en sitios pantanosos ou na beira da auga. Ten un amplo rango altitudinal, atopándose principalmente desde o nivel do mar a altitudes medias, pero foi rexistrado ata os 3050 m sobre o nivel do mar na China.

Descrición e vocalizacións

É un paxaro pequeno de 14,5-17 cm de lonxitude, cun longo rabo ou cola e un voo ondulante. A plumaxe é principalmente marrón alaranxada, cunha gorxa e peito abrancazados, algunhas partes contrastantes negras e brancas nas ás, e beiras brancas nas plumas da cola. O macho adulto ten cabeza gris, "bigotes" negros e cobertoiras de debaixo da cola negras. As femias adultas son xeralmente máis claras, cunha cabeza máis amarronada e sen bigotes negros nin cobertoiras negras de debaixo da cola, pero ás veces con puntos/manchas negras na coroa e dorso."Ageing and sexing" de Javier Blasco-Zumeta & Gerd-Michael Heinze. Mentres que eses puntos/manchas varían deste estar ausentes a fortemente marcados no rango occidental da especie, están ausentes ou feblemente marcados no leste. Informouse dun só caso dun exemplar xinandromorfo de rabilongo das canaveiras no que un lado do animal semellaba principalmente á plumaxe e características do macho e o outro lado as características da femia. O bico da femia adulta é algo máis claro que o bico amarelo-alaranxado intenso do macho. Os adultos sofren unha soa muda completa a finais do verán-outono, xeralmente empezando en agosto (xusto despois da estación reprodutora) e acabando uns 50 días despois.

Os xoves de ambos os sexos lembran a femia adulta, pero son en conxunto máis beixes, teñen unha área negra aproximadamente rectangular nas costas (bastante maior que as manchas/puntos nas costas que teñen incluso as femias adultas máis marcadas) e o negro esténdese ata as plumas da cola. O macho novo ten unha mancha loreal negra relativamente grande e contrastante e un bico amarelo-alaranxado intenso, mentres que as femias xoves teñen unha área loreal gris escura máis pequena e un bico anegrado, amarronado ou amarelo escuro. Estas diferenzas relacionadas co sexo na cor do bico dos xoves son xa evidentes ao final do período que pasan as crías no niño. A diferenza da maioría das aves, os rabilongos das canaveiras sofren unha muda post-xuvenil completa, que comeza a finais de xullo ou inicios de setembro e acaba coa plumaxe xa adulta en outubro. Isto significa que unha destas aves que fixo eclosión uns poucos meses antes é indistinguible dos adultos máis vellos polo outono. Cando empluman por primeira vez, os xoves teñen ollos marróns escuros, que despois se converten en grises e posteriormente en amarelos agrisados ou amarelos. Unha vez que mudaron á plumaxe de adulto xeralmente tamén teñan a cor de ollos amarela ou alaranxada de adulto; porén, en ocasións poden atoparse rabilongos das canaveiras en plumaxe adulta con ollos grises ou marróns xuvenís.

Debido á súa plumaxe tan boa para a camuflaxe e ao seu denso hábitat de canaveiras e carrizas, pasan facilmente desapercibidos, pero a súa presenza adoita revelarse pola súa característica chamada metálica "ping", que utilizan para manter o contacto con outros individuos da súa especie. A canción do macho foi descrita como un melodioso "tschin-schik-schra". Durante o voo as súas curtas ás orixinan un son rumbante.

Comportamento Ciclo vital miniatura|Ovos de rabilongo das canaveiras no Museo de Toulouse, Francia.

O rabilongo das canaveiras é unha ave social e durante a estación non reprodutora adoita verse en grupos de ata 10 individuos, excepcionalmente de douscentos. Durante a estación reprodutora o máis normal é velos en parellas, grupos familiares ou grupos de individuos novos independentes.

Os xoves xa forman parellas cando son aínda novos, só unhas poucas semanas despois de emplumaren. Unha vez formada a parella, esta xeralmente dura toda a vida e permanecen xuntos todo o ano, durmindo ademais moi preto. Se un membro da parella morre, o sobrevivente pode unirse a grupos de xoves para encontrar unha nova parella. A parella é monógama, aínda que o apareamento con outro individuo (infidelidade) non raro en ningún dos sexos. A lonxitude dos "bigotes" negros (marcas na face) do macho é un sinal honesto que indica a súa dominancia (en competicións polo alimento con outros machos o que ten os "bigotes" máis longos adoita ser o vencedor) e as femias prefiren os machos que teñen o "bigote" máis longo. Ambos os sexos, pero especialmente as femias, tamén prefiren compañeiros coas colas máis longas e a lonxitude da cola xoga un papel na axilidade de movementos dunha ave. Nos xoves de ambos os sexos o tamaño da área loreal é un sinal honesto das condicións do corpo, pero non se sabe se isto ten algún papel na elección de parella cando esta inicialmente se establece.