Os mosaicos de Batitales son uns mosaicos romanos atopados en Lugo na rúa de Batitales. O seu descubrimento en 1842 marcou un fito na historia arqueolóxica da cidade, sendo o primeiro mosaico romano apreciado e estudado na cidade.
O mosaicos representan un exemplo significativo do legado romano na Península Ibérica. Foron documentados con detalle polo cronista Juan de Dios de la Rada y Delgado durante a visita de Isabel II a Lugo en 1858, quen incluíu unha descrición extensa e un debuxo na publicación do seu relato de viaxe.
Un dos mosaicos conservados representa a cabeza do deus Océano con motivos mariños, e o outro destaca por un deseño xeométrico de círculos secantes.
Descubrimento Xa en 1786, o ilustrado galego José Cornide mencionara a existencia de mosaicos romanos en Lugo nunha carta publicada no xornal Diario Curioso, Erudito, Económico y Comercial de Madrid. Referíase a un mosaico atopado na rúa de Batitales cara 1768. Segundo Cornide, o pavimento estaba situado a unha profundidade de 1,60 metros e tiña unha anchura de máis de 6,50 metros, pero o seu longo non foi completamente explorado debido á presenza de edificios.
O 3 de setembro de 1842, durante a apertura dunha gabia para o sistema de sumidoiros na rúa Batitales (actual rúa Doutor Castro), os obreiros atoparon o mosaico. A SEAP, en colaboración co Concello de Lugo, detivo as obras para proceder á documentación e estudo do mosaico. O informe resultante foi impreso na imprenta de Manuel Pujol e Hermano, constituíndo o primeiro documento oficial sobre este relevante achado arqueolóxico.
Conservación Co paso do tempo, os mosaicos sufriron danos significativos debido ás tentativas primitivas de extracción e conservación. Parte do pavimento foi enviado á Real Academia de San Fernando. En 2004, leváronse a cabo traballos de acondicionamento para mellorar a conservación do mosaico e instalar unha ventá arqueolóxica permanente que permite a súa contemplación.
O Museo de Lugo presentou a restauración de dous dos mosaicos. O proxecto, realizado pola empresa Terra-Arqueos, incluíu a limpeza, consolidación e contextualización das pezas, e contou cun financiamento de preto de 17 000 euros. Segundo os responsables do museo, estes mosaicos figuran entre os máis valiosos da cidade, xunto cos da Casa dos Mosaicos e a piscina de Santa María.
Notas
Véxase tamén
Outros artigos
Mosaico de Dédalo e Pasífae
Categoría:Lugo Categoría:Mosaicos romanos