miniatura|Padioleiros británicos na evacuación de Dunquerque da segunda guerra mundial. Un padioleiro ou padioleira é unha persoa encargada de transportar a enfermos ou feridos utilizando unha padiola, xeralmente, con outra persoa no outro extremo. O seu labor é esencial en situacións de emerxencia, como accidentes graves, desastres naturais ou conflitos bélicos; onde se require trasladar ás vítimas de maneira rápida e segura cara a instalacións médicas ou zonas de menor perigo.
Funcións e formación
Os padioleiros desempeñan un papel crucial na atención inicial de pacientes que necesitan asistencia médica urxente. En contextos civís, o seu labor pode limitarse ao traslado dentro de hospitais ou ambulancias; con todo, en situacións de guerra, o seu rol adquire unha dimensión máis complexa. Os padioleiros militares, tamén coñecidos en contextos modernos como médicos de combate; reciben formación básica en primeiros auxilios e, nalgúns casos, adestramento avanzado para estabilizar aos feridos no campo de batalla para o seu posterior traslado.
Tamén son responsables de retirar aos falecidos do campo de batalla para a súa repatriación, tarefa que non só require coñecementos técnicos, senón tamén aptitudes físicas, xa que adoitan operar en zonas de alto risco.
A preparación dos padioleiros inclúe o manexo de técnicas de inmobilización e traslado seguro, coñecementos básicos en primeiros auxilios e coordinación en equipo para transportar feridos ou falecidos en condicións adversas.
Dereito internacional
Segundo o artigo 25 do Primeiro Convenio de Xenebra de 1949, os padioleiros son considerados persoal sanitario auxiliar, gozando de protección especial baixo o dereito internacional humanitario na procura, recollida, asistencia e transporte dos feridos ou enfermos. Esta categoría outórgalles protección fronte a ataques mentres desempeñan as súas funcións humanitarias ou en caso de ser capturados.
Notas
Véxase tamén
Outros artigos Médico, médica
Categoría:Ocupacións sanitarias