O grou americano (Antigone canadensis) é unha especie de ave da familia Gruidae de América do Norte e da parte máis ao nordés de Siberia. Frecuentan as ribeiras dos corpos de auga. O centro do val do río Platte en Nebraska é a área máis importante de parada para a subespecie nomeada (A. c. canadensis) na súa migración, con ata 450.000 exemplares que migran por alí anualmente.

Taxonomía En 1750 o naturalista inglés George Edwards incluíu unha ilustración e unha descrición do grou americano no terceiro volume da súa obra A Natural History of Uncommon Birds. Utilizou o nome inglés "The Brown and Ash-colour'd Crane". Edwards baseou o seu gravado coloreado a man nun espécime conservado que James Isham trouxera a Londres desde a baía de Hudson, Canadá. Cando en 1758 o naturalista sueco Carl Linné puxo ao día ao seu Systema Naturae para a súa décima edición, situou o grou americano xunto coas garzas no xénero Ardea. Linné incluíu unha descrición breve, acuñou o nome binomial Ardea canadensis, e citou os traballos de Edwards.

Despois, o grou americano foi inicialmente situado no xénero Grus, pero un estudo de filoxenética molecular publicado en 2010 atopou que o xénero, como se definía entón, era polifilético. No arranxo resultante para crear xéneros monofiléticos, situáronse catro especies, incluíndo o grou americano no xénero resurrecto Antigone, que fora creado orixinalmente polo naturalista alemán Ludwig Reichenbach en 1853.

O epíteto específico canadensis é unha palabra neolatina que significa "do Canadá".

Recoñécense cinco subespecies:

A. c. canadensis (Linnaeus, 1758) – nordés de Siberia ata Alasca e norte do Canadá ata a illa de Baffin. A. c. tabida (Peters, JL, 1925) – sur do Canadá e oeste e centro dos Estados Unidos. A. c. pratensis (Meyer, FAA, 1794) – Xeorxia e a Florida. A. c. pulla (Aldrich, 1972) – Mississippi. A. c. nesiotes (Bangs e Zappey, 1905) – Cuba e illa da Juventud (illa de Pinos).

Descrición

Os adultos son fundamentalmente de cor cincenta; durante a época reprodutora a súa plumaxe adoita estar máis gastada e manchada, especialmente nas poboacións migratorias, e parece case ocre. O peso medio dos machos grandes é de 4,57 kg, mentres que o peso medio das femias é de 4,02 kg, oscilando entre os 2,7 e os 6,7 kg entre as distintas subespecies.Gerber, B. D., J. F. Dwyer, S. A. Nesbitt, R. C. Drewien, C. D. Littlefield, T. C. Tacha, and P. A. Vohs (2020). Sandhill Crane (Antigone canadensis), version 1.0. In Birds of the World (A. F. Poole, Editor). Cornell Lab of Ornithology, Ithaca, NY, USA. https://doi.org/10.2173/bow.sancra.01 Teñen frontes vermellas, meixelas brancas e bicos longos, escuros e afiados. En voo, as súas longas patas son arrastradas por detrás do corpo, e manteñen os seus longos pescozos rectos.

As aves inmaturas teñen partes superiores avermelladas e inferiores cincentas.Sandhill Crane. Allaboutbirds.org. Consultado o 2012-12-30.Sandhill Crane . Seattleaudubon.org. Consultado o 30-12-2012. Os xoves non teñen as características frontes vermellas, o que fai posible distinguir os fillos dos proxenitores, mesmo cando xa teñen a mesma altura.

Os sexos son similares. O tamaño varía segundo a subespecie; a altura media destas aves é de arredor 80 a 136 cm.Sandhill Crane , International Crane FoundationDunn, J.L. & Alderfer, J., editors. Field Guide to the Birds of North America. National Geographic, Washington, D.C. A corda alar adoita ser de 41,8-60 cm, a cola é de 10-26,4 cm, o culmen exposto é de 6,9-16 cm de longo, e o tarso mide de 15,5 a 26,6 cm.Johnsgard, Paul A. (1983). Cranes of the World: Sandhill Crane (Grus canadensis). University of Nebraska-Lincoln A envergadura é de 200 cm.

Estes grous emiten con frecuencia unha chamada alta trompeteira que lembra a pronunciación na gorxa dun "r" vibrante, e poden oírse a gran distancia. As parellas formadas de grous realizan unha "chamada unísona". Os grous están de pé moi xuntos, e fan unha chamada a dúo sincronizada e complexa. A femia fai dúas chamadas por cada unha que fai o macho.

A grande envergadura que teñen, normalmente de 1,65 a 2,30 m, fai que sexan moi habilidosos para voar remontándose, de xeito similar aos falcóns e aguias. Usan as correntes térmicas para ascender e poden permanecer no aire por moitas horas, necesitando só algún ocasional aleteo, e deste xeito gastan pouca enerxía. As bandadas migratorias conteñen centos de aves e poden crear un perfil claramente visible das columnas de aire ascendentes (térmicas), normalmente invisibles, que utilizan.

Estes grous voan cara ao sur para pasaren o inverno. Nas súas áreas de invernada poden formar bandadas duns 10.000 individuos. Un lugar onde isto acontece é no Refuxio Nacional de Vida Silvestre de Bosque del Apache, a 160 km ao sur de Albuquerque, Novo México. Alí celébrase o Festival do Grou Americano en novembro.

Rexistro fósil

Os grous americanos teñen unha das historias fósiles máis longas de todas as aves existentes. Considérase que un fósil de 10 millóns de anos de antigüidade de Nebraska pertence a esta especie,The Nature Conservancy: Sandhill Crane . Consultado o 16 de xaneiro de 2008. pero podería ser un parente prehistórico ou devanceiro do grou americano actual e non pertencer ao xénero Grus. O grou americano máis antigo indiscutible é de hai 2,5 millóns de anos, o que significa que é un 50 % máis vello que os restos máis antigos da maioría das outras aves vivas, que principalmente se atopan despois do límite Plioceno/Plistoceno hai uns 1,8 millóns de anos. Como estes grous antigos variaban moito en tamaño respecto dos actuais, estes fósiles do Plioceno son descritos ás veces como especies novas. Grus haydeni pode ser un parente prehistórico.

Subespecies e evolución miniatura|A. c. canadensisSantuario de Aves Migratorias de George C. Reifel, Ladner, Columbia Británica.

Os grous americanos varían considerablemente en tamaño (moita da variación é clinal) e en hábitos migratorios. Unha femia de A. c. canadensis como media pesa 3,46 kg, mide 94 cm de longo, e ten unha lonxitude alar de 1,6 m. Un macho de A. c. tabida pesa como media 5 kg, ten unha lonxitude de 119 cm, e unha envergadura de 2,12 m. As subespecies do sur (xunto con A. c. rowani) son intermedias, cumprindo aproximadamente a regra de Bergmann.

Tres subespecies son residentes: A. c. pulla da costa do Golfo de México dos Estados Unidos, A. c. pratensis da Florida e Xeorxia, e A. c. nesiotes de Cuba. As poboacións do norte existen tamén como restos fragmentados nos lindantes Estados Unidos e unha gran poboación continua vai desde o Canadá a Berinxia. Estas migran ao suroeste dos Estados Unidos e a México. Estes grous poden aparecer como aves vagantes raras na China, Corea do Sur e o Xapón e son vagantes moi raros en Europa occidental.

En tempos recentes as subespecies que se recoñecen son seis: A. c. canadensis, a máis pequena A. c. nesiotes – de Cuba, ESA: en perigo A. c. pratensis, da Florida A. c. pulla – do Mississippi, ESA: en perigo A. c. rowani, candense A. c. tabida, a máis grande

A. c. pratensis da Florida foi listada como especie "facilmente confundida" para facilitar o intento de reintrodución de Grus americana na Florida. O intento fracasou, mais seguiu na lista. A lista actual de subespecies en perigo inclúe só dous taxons: A. c. nesiotes e A. c. pulla, mentres que A. c. pratensis xa non está na lista.Species Report. fws.gov O grou americano aparece en pasteiros, pradarías abertas e zonas húmidas de auga doce na Florida peninsular desde os Everglades ao pantano de Okefenokee.

Algunhas autoridades xa non recoñecen A. c. rowani como subespecie distinta pola súa insignificante variación xenética e mínima diferenciación morfolóxica con A, c. tabida. As outras poden ser algo máis doadamente distinguibles se se collen polas medidas e detalles de plumaxe, á parte das diferenzas de tamaño xa mencionadas. Unha identificación inequívoca adoita necesitar de información local, o cal é a miúdo imposible en aves migrantes.

Análises de datos de haplotipos de ADNmt de rexión control mostran que hai dúas grandes liñaxes. A poboación migratoria do Ártico e subártico inclúe as A. c. candensis. A outra liñaxe pode dividirse nun grupo migratorio e algúns grupos indistintos que poden corresponderse coa subespecie residente. A. c. canadensis e A. c. tabida son bastante distintas, e a súa diverxencia data de hai 2,3–1,2 millóns de anos, nalgún momento durante o Plioceno tardío ou Plistoceno temperán. As glaciacións parece que fragmentaron unha poboación fundadora de A. c. canadensis, porque durante cada idade de xeo importante, a súa actual área de reprodución quedou conxelada todo o ano. Aínda así, o grou americano está amplamente documentado polos restos de fósiles e subfósiles ata a era moderna. O estudo xenético concluíu que posiblemente xa poderían considerarse especies distintas, por un lado a G. canadensis (ou A. canadensis) monotípica e por outro a G. pratensis (ou A. pratensis), que incluiría as outras poboacións.

As escasas diferenzas entre as poboacións do sur do Canadña e do oeste dos Estados Unidos parecen ser o resultado da deriva xenética, debido á recente diminución da poboación e á fragmentación da súa área de distribución. Ata inicios do século XX as aves migratorias do sur ocupaban unha área moito máis grande e continua. Deste xeito, a subespecie A. c. rowani podería perfectamente abandonarse.

As dúas poboacións residentes no sur dos Estados Unidos son algo máis diferentes. A poboación cubana (A. c. nesiotes) foi pouco estudada comparativamente, mais parece que se estableceu na illa desde hai longo tempo. Estas e as A. c. tabida migratorias poden formar un grupo de liñaxes que diverxeron moito máis tarde desde unha área do sur dos Estados Unidos e talvez o norte de México, onde eran residentes. A poboación migratoria do sur representaría despois unha reexpansión tardía, na que (re-)evolucionaron os seus hábitos migratorios independentemente das aves de máis ao norte, as poboacións xeograficamente separadas espalláronse rapidamente cando dispuxeron de máis hábitat a medida que terminaba o último período glacial.

Comportamento

Os grous americanos son aves bastante sociais que adoitan vivir en parellas ou grupos familiares todo o ano. Durante a migración e o inverno, os grous non relacionados xúntanse para formar "grupos de supervivencia" que buscan alimento e pousan xuntos. Tales grupos a miúdo congréganse nos sitios de migración e invernada, ás veces en número de milleiros.

Alimentación Os grous americanos son principalmente herbívoros, pero comen varios tipos de alimentos dependendo da súa dispoñibilidade. Con frecuencia aliméntanse baixando o bico ao chan para procurar sementes e outros alimentos, nas zonas húmidas pouco profundas con vexetación ou varios hábitats de terras altas. De boa gana comen alimentos cultivados como millo, trigo, sementes de algodón e sorgo. Os restos de millo non recollidos son útiles para os grous que preparan a migración, proporcionándolles nutrientes para a súa longa viaxe. Nas razas do norte, a dieta é máis variada, especialmente a das aves reprodutoras. Aliméntanse de bagas, pequenos mamíferos, insectos, caracois, réptiles e anfibios.

Reprodución