James Albert Rosenquist, nado en Grand Forks o 29 de novembro de 1933 e finado en Nova York o 31 de marzo de 2017, foi un pintor estadounidense. Foi un dos pioneiros da arte pop. Coñecida pola xustaposición de imaxes montadas en grandes paneis, unha das súas principais obras é Time Dust, de 1992, un gran mural, de 2 metros de alto e 10 de longo.
Traxectoria e obra James Rosenquist creceu como fillo único. Os seus pais, Louis e Ruth Rosenquist, de orixe sueca, trasladáronse de cidade en cidade en busca de traballo, e finalmente instaláronse en Minneapolis. A súa nai, ela mesma pintora, fomentou o interese artístico do fillo. Rosenquist gañou unha bolsa a curto prazo para estudar na Minneapolis School of Art. O pintor estudou máis tarde na Universidade de Minnesota de 1952 a 1954. En 1955, con 21 anos, grazas a unha bolsa, trasladouse a Nova York para estudar na Art Students League. En 1960 trasladouse a Coenties Slip, tamén en Nova York, onde compartiu estudo co artista minimalista Charles Hinman.
Rosenquist traballaría como artista publicitario. Influenciado polo seu oficio, nos grandes formatos, a súa percepción da realidade cambia e serve de inspiración para a creación de cadros monumentais, moi coloridos, auténticos “fragmentos da realidade”.
Moitos dos cadros de Rosenquist están inspirados na publicidade. Durante a retrospectiva organizada pola Fundación Guggenheim en 2004 expuxéronse os collages preparatorios do artista. Estes collages están tomados principalmente de anuncios de tabaco, coches ou bebidas.
O pintor, que loitaba contra unha enfermidade non revelada, faleceu o 31 de marzo de 2017, aos 83 anos.
Coleccións públicas Rosenquist está representado nalgúns dos principais museos do mundo, incluíndo o Metropolitan Museum of Art de Nova York, o Museum of Modern Art de Nova York, o Museum of Contemporary Art dos Ánxeles, o Centre Georges Pompidou de París, a Tate Modern de Londres e o Moderna Museet de Estocolmo.
Notes
Categoría:Pintores dos Estados Unidos de América Categoría:Nados en 1933 Categoría:Finados en 2017 Categoría:Pintores do século XX Categoría:Pintores do século XXI