miniatura|Estrutura da manosa na súa forma α-D manopiranosa. O manano é un polímero da manosa. A vía da lectina ou vía da MBL é un tipo de reacción en cadoiro que se dá no sistema do complemento do sistema inmunitario innato, que se parece en estrutura á vía clásica do complemento, porque, despois da activación, procede por medio da acción dos compoñentes do complemento C4 e C2 para producir proteínas activadas do complemento augas abaixo do cadoiro de reaccións. A diferenza da vía clásica, a vía da lectina non recoñece anticorpos unidos á súa diana. A vía da lectina empeza coa unión da lectina que se une á manosa (ou MBL, do inglés mannose-binding lectin) ou da ficolina a certos azucres.

Nesta vía, a lectina que se une á manosa (MBL) actúa uníndose á manosa, glicosa ou outros azucres con grupos 3-OH ou 4-OH situados no plano ecuatorial, en posicións terminais dos carbohidratos ou compoñentes glicoproteícos de microorganismos, como bacterias de cepas de Salmonella, Listeria e Neisseria. Patóxenos fúnxicos como Candida albicans e Cryptococcus neoformans así como virus como o VIH-1 e o virus respiratorio sincicial (RSV) únense á MBL.

A MBL ou lectina que se una á manosa (ou ao manano), tamén chamada proteína que se une á manosa, é unha proteína que pertence á familia da colectina, que se produce no fígado e pode iniciar o cadoiro do complemento ao unirse á superficie de patóxenos.

MBL A proteína MBL forma oligómeros de varias subunidades, que son trímeros (de maneira que oligómeros de 6 a 18 subunidades corresponden a un dímero e un hexámero, respectivamente). Os multímeros da MBL forman un complexo coa MASP-1 (siglas do inglés Mannose-binding lectin-Associated Serine Protease 1, serina protease asociada á lectina que se une á manosa 1), MASP-2 e MASP-3, que son proteases de tipo cimóxeno. As MASPs son moi similares ás moléculas C1r e C1s da vía clásica do complemento. Cando as cabezas que recoñecen os carbohidratos da MBL se unen a residuos de manosa especificamente dispostos da superficie dun patóxeno, son activados MASP-1 e MASP-2 para cortar os compoñentes do complemento C4 e C2 dando lugar a C4a, C4b, C2a e C2b. Poden atoparse tamén dúas proteínas asociadas a MBL (MAps) máis pequenas en complexo coa MBL de 19 kDa (MAp19) e de 44 kDa (Map44). MASP-1, MASP-3 e MAp44 son produtos de empalme alternativo do xene MASP1, mentres que MASP-2 e MAp19 son produtos de empalme alternativo do xene MASP-2. Suxeriuse que MAp44 actúa como inhibidor competitivo da activación da vía da lectina, ao desprazar MASP-2 da MBL, impedindo así o corte de C4 e C2

Convertase de C3 O compoñente do complemento C4b tende a unirse ás membranas celulares bacterianas. Se entón non é inactivado, combínase con C2a para formar a convertase de C3 clásica (C4bC2a) na superficie do patóxeno, diferente da convertase de C3 da vía alternativa (C3bBb). C4a e C2b actúan como potentes citocinas; C4a causa a desgranulación de mastocitos e basófilos, e C2b actúa incrementando a permeabilidade vascular. Historicamente, o fragmento máis grande de C2 foi chamado C2a, pero algunhas publicacións refírense agora a el como C2b para manter a convención que asigna o 'b' ao fragmento máis grande.First Aid for the USMLE Step 1 2015

Importancia clínica Deficiencia de MBL.- Os individuos afectados teñen tendencia a presentar infeccións recorrentes, como infeccións do tracto respiratorio superior e outros sistemas corporais. As persoas con esta condición poden tamén contraer infeccións máis graves, como pneumonía e meninxite. Dependendo do tipo de infección, os síntomas causados polas infeccións varían en frecuencia e gravidade. De todos os xeitos, a importancia clínica da deficiencia de MBL é discutida.

Os bebés e nenos pequenos con deficiencia de MBL parecen ser máis susceptibles a infeccións, pero os adultos poden tamén desenvolver infeccións recorrentes. Ademais, nos individuos afectados sometidos a quimioterapia ou que están tomando fármacos que suprimen o sistema inmunitario son especialmente frecuentes as infeccións. Este atigo incorpora texto desta fonte, que está en dominio público.

Notas

Outros artigos Vía clásica do complemento Vía alternativa do complemento Lectina que se une ao manano

Véxase tamén Ligazóns externas https://ghr.nlm.nih.gov/condition/mannose-binding-lectin-deficiency#diagnosis

Categoría:Sistema do complemento