Teresa Fernández-Valdés Calderón, nada en Pontevedra en 1980, é unha creadora, showrunner e produtora executiva galega de series de televisión. Foi a cofundadora de Bambú Producciones (2008-2023), unha produtora responsable de Gran Hotel, Velvet, Fariña, Las chicas del cable ou Nacho. Traxectoria Licenciouse en Xornalismo na universidade privada CEU San Pablo de Madrid. Volveu a Galicia ao rematar a licenciatura, e estivo traballando como dependenta nunha tenda e ocasionalmente como xornalista. Logo fixo un mestrado de Xestión e produción audiovisual na Universidade da Coruña, o que a empurrou a traballar no eido da ficción.
Foi contratada no departamento de desenvolvemento da produtora Voz Audiovisual, onde interveu en proxectos para a TVG, como As leis de Celavella e A vida por diante. Xa de volta en Madrid, produciu Desaparecida (TVE), con Ganga Producciones.
No mestrado coñeceu o guionista Ramón Campos, con quen casou e fundou en 2008 Bambú Producciones, pioneira en producir series locais para plataformas internacionais que daquela acababan de chegar a Europa, coma Netflix ou Apple TV. Ao principio ela centrouse na produción, procura de financiamento, coordinación de equipos e logo foise incoporando á parte creativa.
Con Bambú produciu as series Guante blanco (2008, TVE), Gran Reserva (2010, TVE), Hispania (2010, Antena 3), Gran Hotel (2011-2013, Antena 3), a primeira onde participou como guionista, e que tivo adaptacións internacionais, ou Velvet (2014-2016, Antena 3), e mais a súa secuela Velvet, colección (2017-2020, Movistar+), a súa primeira serie para plataformas.
Produciu a súa primeira serie diaria en 2013, Gran Reserva: el origen (TVE), formato diario que repetiu para mesma cadea con Seis hermanas (2015-2917), Dos vidas (2021-22), nomeada á Mellor Telenovela nos Premios Emmy Internacional 2022, e La Promesa (2023 - actualidade), premio á Mellor Telenovela nos Premios Emmy Internacional 2024.
En 2015, produciu The refugees (2015, La Sexta), primeira coprodución coa BBC, Bajo sospecha (2015-2016), La embajada (2016), Fariña (2018, serie sobre o narcotráfico galego, éxito de audiencia e multipremiada), e 45 revoluciones (2017), todas elas en Antena 3.
Estreouse como creadora con Tiempos de guerra (2017), labor que repetiría en Instinto (Movistar), Las chicas del cable (2017-2020, Netflix), primeira serie producida en España para unha plataforma internacional, Un asunto privado, Nacho (2023, Atresplayer), sobre o actor porno español Nacho Vidal, e en Tierra de mujeres (2024, Apple TV), coproducida e protagonizada por Eva Longoria.
Empezou a producir cine en 2014, con El club de los incomprendidos, seguiu con Malasaña 32 (2020), El verano que vivimos (2020) e Un año, una noche (2022), sobre o atentado xihadista na sala Bataclan, un dos atentados de París de novembro de 2015. Tamén produciu as series documentais baseadas en feitos reais, El caso Asunta (2017, Antena 3) e mais El caso Alcàsser (2019, Netflix).
En 2018 foi a primeira muller galega e española en recibir a Medalla de Honra de Cannes no MIPCOM (MipTV) o principal mercado audiovisual do mundo, pola súa contribución ao sector do entretemento internacional, a súa visión e o seu liderado na industria audiovisual.
En marzo de 2023, Teresa abandonou Bambú Producciones, coincidindo coa súa ruptura persoal co seu socio Ramón Campos, e en 2024 creou unha produtora de seu, Te espero en Marte. Bautizouna así pola viraxe profesional, "nun novo planeta, empezando de novo". En maio de 2004 asociouse con Studio Canal, multinacional da distribución e produción, ao cederlle o 30% da empresa.
Como docente deu clase no mestrado de Xestión e produción audiovisual da Universidade da Coruña, do que fora alumna. Ten participado en actividades de mentoraxe audiovisual, en ocasións centradas nas mulleres, e en distintas conferencias e eventos internacionais do audiovisual, ás veces enfocados no desenvolvemento da participación feminina na industria audiovisual, coma o NATPE Miami ou a Worldwide Audiovisual Women Association.
Tamén foi xurado en festivais de cinema e televisión, coma o Festival de cine de Eivissa (2023) ou Montecarlo (2024).
Obra
Series
Desaparecida (2007-08, La 1). Guante blanco (2008, La 1). Gran Reserva (2010-2013, La 1). Hispania, la leyenda (2010-2012, Antena 3) Produtora executiva. Marco (2011-2012, Antena 3) Produtora executiva. Gran Hotel (2011-2013, Antena 3). Produtora executiva e guionista. Imperium (2012, Antena 3). Produtora executiva. Gran Reserva: El origen (2013, La 1) Produtora. Velvet (2014-2016, Antena 3), Produtora executiva e guionista. The refugees (2015, La Sexta). Produtora executiva. Bajo sospecha (2015-2016, Antena 3) Produtora executiva e guionista. Seis hermanas (2015-2917, La 1) Produtora executiva. La embajada (2016-, Antena 3) Produtora executiva. Tiempos de guerra (2017, Antena 3). Creadora. Traición (2017-18, La 1) Produtora executiva. Velvet, colección (2017-2020, Movistar). Produtora executiva e guionista. Fariña (2018, Antena 3) Produtora executiva. Las chicas del cable (2017-2020, Netflix) Produtora executiva. Instinto (2017, Movistar+) Creadora, produtora executiva e guionista. 45 revoluciones (2017, Antena 3) Produtora. Grand Hotel (2019, ABC) Coprodutora executiva. El corredor de la muerte (2019, Movistar+). Produtora executiva. Alta mar (2019-20, Netflix) Produtora executiva. Dos vidas (2021-22, La 1). Produtora. Un asunto privado (2022, Amazon) Creadora e Produtora executiva. Now and Them (2022, Apple TV) Creadora, produtora executiva e guionista. La Promesa (2023-, La 1) Produtora. Nacho (2023, Atresplayer). Creadora, produtora executiva e guionista. Tierra de mujeres (2024, Apple TV) Creadora e coprodutora executiva.
Documentais
Fraga y Fidel sin embargo (2012) Produtora. American Greyhounds (2010). Produtora. El caso Asunta. Operación Nenúfar. (2016, Antena 3). 4 episodios. Produtora ejecutiva. El caso Alcàsser (2019, Netflix). 5 capítulos. Produtora executiva.
Cine
El club de los incomprendidos (2014), dirixida por Carlos Sedes. Produtora executiva. Malasaña 32 (2020), dirixida por Albert Pintó. Produtora executiva. El verano que vivimos (2020), dirixida por Carlos Sedes. Produtora. 13 Exorcismos (2022), dirixida por Jacobo Martínez. Produtora executiva. Un año, una noche (2022), dirixida por Isaki Lacuesta. Produtora.
Premios e recoñecementos
Nomeada aos Premios do Festival de Televisión de Montecarlo 2012 á categoría de Mellores Produtores Internacionais, por Bambú Producciones, xunto ao seu socio, Ramón Campos. Premio Iris da Crítica 2017, "pola súa exitosa traxectoria na ficción nacional, sabendo abrirse a novos formatos, en aberto e en plataformas de pago,ao mercado internacional e a súa aposta polo talento feminino". O galardón forma parte os Premios Iris da Academia da Televisión. Medalla de Honra de Cannes (2018), pola súa contribución ao sector do entretemento internacional, a súa visión e o seu liderado na industria audiovisual. Premio Talento 2023, que concede a Academia de Televisión, á excelencia dos oficios da televisión fóra das cámaras. Pregoeira das Festas da Peregrina, en Pontevedra (2024) Premio á Mellor Telenovela nos Premios Emmy Internacional 2024 por La Promesa (2023 - actualidade), e nomeamento en 2022 por Dos vidas (2021-22).
Notas
Categoría:Produtores de cinema de Galicia Categoría:Nados en Pontevedra Categoría:Nados en 1980 Categoría:Alumnos da Universidade San Pablo CEU Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes Categoría:Profesores da Universidade da Coruña