Víctor Pérez Bermúdez, máis coñecido como Vituco, nado na Coruña o 23 de xullo de 1954, é un exufbolista galego. Formado na canteira do Marte de Monte Alto, xogou catro anos como lateral no Fabril e dous no primeiro equipo do Deportivo da Coruña na Segunda División, co que disputou un total de 24 partidos. Tras un breve paso polo Lugo, en 1979 cambiou o fútbol polo fútbol sala, deporte no que acabou destacando ata o punto de ser considerado o mellor xogador coruñés da historia. Militou durante máis dunha década no histórico Chaston, ao que capitaneou na conquista de dous títulos de liga e tres da Copa do Rei. Foi internacional coa selección española dende a mesma creación desta en 1982, e disputou 30 encontros internacionais, gañando a Copa do Mundo oficiosa en 1987.

Traxectoria

Fútbol Naceu no barrio coruñés da Sagrada Familia, sendo fillo de Víctor Pérez González, traballador de Augas da Coruña, e de Josefa Bermúdez Canosa. Seu pai tamén xogara ao fútbol, nas filas do Candá e o Varela Silvari. Vituco comezou a xogar ao fútbol no equipo infantil do Sagrada Familia do seu barrio, pasando máis tarde ao infantil do Marte. Do infantil subiu ao xuvenil e logo ao primeiro equipo, onde axiña comezou a destacar como lateral dereito, ao tempo que traballaba como fontaneiro.

No verán de 1972, antes de cumprir os 18 anos, deixou o club de Monte Alto e fichou xunto a Canosa polo Fabril. Co filial coruñés xogou as seguintes catro tempadas na Serie A galega, tendo como adestradores a Joanet, Carlos Torres e Rodrigo. O 9 de maio de 1976 debutou co primeiro equipo do Deportivo na Segunda División, nun partido ante o Málaga no que o adestrador Cheché Martín o chamou para suplir a baixa por sanción do lateral dereito Belló. Disputou tamén os dous últimos partidos de liga, ante Valladolid e Calvo Sotelo, e na tempada 1976/77 subiu definitivamente ao primeiro equipo. Nunha caótica campaña con ata catro adestradores (Héctor Rial, Cheché Martín, José López e Juan Arza), xogou un total de 18 partidos, aproveitando as baixas dos titulares Belló e Pardo. Na seguinte campaña participou só en tres partidos, polo que ao remate da tempada obtivo vía libre por parte do club para aceptar algunha das ofertas que tiña doutros equipos.

En decembro de 1978 asinou como novo xogador do Lugo, por aquel entón na Segunda División B. Titular indiscutible dende a súa chegada, disputou todos os partidos que restaban da tempada 1978/79, sen poder evitar o descenso do equipo á Terceira División. Tralo seu breve paso polo club lucense, deixou o fútbol e regresou á Coruña para xogar ao fútbol sala.

Fútbol sala Na tempada 1979/80 militou no Imaxe coruñés, e dende 1980 no Chaston FS, despois de que estes dous clubs se fusionasen. Xogou no Chaston durante máis dunha década, coincidindo con xogadores históricos como Castillo, Julio ou o brasileiro Denis, e capitaneou o equipo na conquista de dous títulos de liga e tres da Copa do Rei. Deixou o club no verán de 1990, despois de recibir unha homenaxe como o mellor xogador de fútbol sala da historia da cidade.

Na tempada 1990/91 militou no Mascoto, da liga coruñesa de Primeira División, así como nun equipo da empresa na que traballaba, EMALCSA, e nos seguintes anos militou en varios clubs máis, chegando a formar parte de ata cinco equipos ao mesmo tempo. En 1992 foi condecorado coa medalla de prata ao mérito futbolístico da Real Federación Galega de Fútbol.

Selección nacional Axiña se converteu no mellor xogador do fútbol sala galego, o que o levou á selección española dende a mesma creación desta. Así, foi un dos cinco xogadores titulares no primeiro partido da historia da selección hispana, unha vitoria sobre Italia no Torneo IV Nacións de Lindenberg o 2 de abril de 1982. Aquel día foi o autor de dous dos catro goles do seu equipo, que gañou por 4-2 ao conxunto italiano. En 1987 capitaneou o equipo español na conquista da primitiva Copa do Mundo celebrada pola FIFA no Pazo dos Deportes de Riazor, onde derrotaron na final a Bélxica. Disputou un total de 30 partidos coa selección española.

Capitaneou tamén á selección galega, á que guiou ata o triunfo no Campionato de España de 1985.

Vida persoal Casou en xullo de 1976 coa súa parella, Pilar Fernández, coa que foi pai de Tamara e Vituco, este último tamén xogador de fútbol sala e que militou entre outros clubs no Parrulo de Ferrol.

Notas

Categoría:Nados en 1954 Categoría:Nados na Coruña Categoría:Futbolistas da Coruña Categoría:Xogadores de fútbol sala de Galicia Categoría:Defensas de fútbol Categoría:Xogadores do Deportivo Fabril Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores do CD Lugo