Na terminoloxía de Internet, un trol é unha persoa que busca intencionadamente interromper as discusións en Internet (por exemplo en foros) ou anoxar os seus participantes, para o que adoita empregar mensaxes groseiras, ofensivas ou fóra de tema coa intención de provocar a reacción dos demais. A palabra tamén se emprega para describir ditas mensaxes.
Etimoloxía O emprego contemporáneo do termo xurdiu nos grupos de noticias de Usenet a finais dos anos 1980. Adoita crerse que é un diminutivo da frase trolling for suckers (aproximadamente, ‘pescando pailáns’), que á súa vez deriva da expresión inglesa trolling for fish, alusiva a unha técnica de pesca na que se vai deixando tras un bote unha sedela con cebo ou chamarices para atraer os peixes.
O uso da palabra xeneralizouse probablemente debido ó seu apropiado segundo significado, o dos trols da mitoloxía escandinava e os contos infantís, retratados a miúdo coma criaturas feas e odiosas inclinadas á maldade. A imaxe do trol baixo a ponte no conto Os tres cabriños rabuxentos (tamén coñecido coma O xigante e as tres cabriñas) enfatiza a reacción negativa do trol cara ós estraños que se adentran no seu contorno físico, particularmente por aqueles que teñen a intención de pastar nos seus dominios sen permiso.
Círculos viciosos
Para moita xente, a característica distintiva do comportamento dun trol é a percepción do intento por trastornar a comunidade dalgún xeito: escribir mensaxes incendiarias, sarcásticas, disruptivas ou humorísticas destinadas a arrastrar os demais usuarios a unha confrontación infrutuosa. Canto maior sexa a reacción da comunidade, máis probable será que o usuario volva a comportarse coma un trol, pois irá crendo que certas accións logran o seu obxectivo de provocar o caos. Isto fixo que xurda o protocolo a miúdo repetido na cultura de Internet: «Non alimente o troll» (Don't feed the troll).
A miúdo ocorre que alguén escribe unha mensaxe sincera sobre o que será emocionalmente sensible. Os troles habilidosos saben que unha forma sinxela de enfadalo é afirmar deshonestamente que dita persoa é un trol. Noutras ocasións, unha persoa pode non entender ou encaixar inmediatamente nas normas sociais dun foro onde a maioría dos participantes si o fan. Como resultado, actuar lixeiramente fóra das normas (a miúdo non intencionadamente e por razóns lexítimas) fai que dita persoa sexa cualificada de trol. Ás veces pode ser difícil distinguir entre un usuario que simplemente ten valores, puntos de vista ou ideas diferentes e un que se comporta intencionadamente coma un trol. Desafortunadamente, moitos usuarios reaccionan agresivamente á primeira impresión dun suposto trol, o que ás veces leva a que usuarios novatos desgustados ou minorías políticas sexan considerados troles.
Cultura trol
A longa historia dos troles e o forte apoio cara ó discurso anónimo e pseudónimo en Internet suxiren que a historia do «troll anónimo» está só nos seus comezos. Se pode considerarse coma unha «cultura», formada por xente que non se coñece entre si, agás mediante a experiencia común de ser rexeitados en foros de Internet, é cuestionable, pero algúns afirman que é posible e que xa está ocorrendo.
Hai fortes evidencias disto na existencia de foros que afirman existir especificamente para dar apoio ós troles, para intercambiar trucos e identificar brancos que outros troles poden estar provocando ou discutindo frutiferamente.
A cultura trol obsérvase mellor nos troles que non coñecen aos outros cos que traballan. Debido a que os métodos comúns de crear mensaxes incendiarias son moi coñecidos e obxecto de bromas en moitos sitios de Internet, é ás veces posible para un trol identificar outro trol en acción. Un trol actuando sobre outro trol crea a miúdo tal cantidade de aparente drama entre eles que se toma en serio por observadores que non sexan troles (especialmente se toman partido por algún bando). O resultado final é que os dous troles poden colaborar para lograr que a discusión do foro xire en torno a eles ou que unha conversación saia de tema máis eficazmente que se o fixesen sen axuda.
Os troles como falsificadores de identidade
Inicios
Antes de que Deja News comezara a arquivar Usenet, os informes sobre os troles eran imprecisos, con poucas probas que estudar. Con todo, a partir de entón os enormes arquivos estiveron dispoñibles para os investigadores. Pode que o primeiro caso (aínda que pouco documentado) sexa a saga de 1982-83 de Alex e Joan nos foros de CompuServe. Van Gelder, un periodista da revista Ms., documentou en 1996 o incidente nun artigo en dita publicación. Alex (na vida real un psiquiatra cincuentón moi tímido de Nova York) facíase pasar por unha rimbombante e antirrelixiosa muller muda chamada Joan, atada a unha cadeira de rodas tras un accidente de coche, «para poder relacionarse mellor coas súas pacientes femininas». Esta farsa prolongouse durante dous anos, e Joan chegou a converterse nun personaxe enormemente detallado cunha colección de relacións emocionais. Todo comezou a virse abaixo cando Joan persuadiu a unha das súas amigas en liña para que tivese unha aventura con Alex.
Os troles nos anos 1990
Unha das primeiras referencias a un trol no arquivo de Usenet de Google foi feita polo usuario Mark Miller sobre outro usuario chamado Tad (8 de febreiro de 1990) . Con todo, non está claro se o termo «troll» se usou no seu sentido actual, ou se foi simplemente unha elección casual dun epíteto:
A máis probable orixe do termo pode atoparse na expresión trolling for newbies (que significa aproximadamente ‘pescando novos’), que a comezos dos anos 1990 fíxose popular no grupo de Usenet alt.folklore.urban. O seu uso era algo diferente á actual noción de trol, sendo unha broma privada relativamente suave sobre os usuarios novos consistente en facer preguntas ou mencionar temas de conversación tan trillados que só un deles respondería seriamente. Outros estenderon o termo para incluír a práctica de representar o papel dun usuario seriamente desinformado ou inxenuo, mesmo en grupos onde non se era un participante habitual, pero estas tentativas foron a miúdo máis broma que provocación. En tales contextos, o substantivo «troll» adoitaba referirse ó acto máis que ó autor.
Algúns usuarios veteranos de Usenet continuaron insistindo nestas primeiras definicións mesmo despois de que o termo fose aplicado máis xeralmente ás accións incendiarias previamente caracterizadas como flamebait.
Identidade
Na literatura seria a práctica foi documentada por primeira vez por Judith Donath (1999), quen usou varios exemplos anecdóticos de diversos grupos de noticias de Usenet na súa discusión. O ensaio de Donath trazaba a ambigüidade da identidade nunha «comunidade virtual» incorpórea :
Donath proporciona unha concisa visión xeral dos xogos de falsificación de personalidade que xorden da confusión entre a comunidade física e a epistémica:
Uso
miniatura|As imaxes de Prohibido dar de comer ó troll úsanse para indicar ós demais que non animen os troles reaccionando ante eles.
O termo «troll» é altamente subxectivo. Certos lectores poden clasificar unha mensaxe como trol mentres outros verán a mesma mensaxe coma unha contribución lexítima á discusión, aínda que sexa controvertida. O termo úsase frecuentemente para desacreditar unha posición contraria ó seu propoñente mediante o argumento ad hominem. Igualmente, dicir que alguén é un trol significa facer suposicións sobre os seus motivos, que poden ser incorrectas. Deixando á parte os motivos do autor, as mensaxes controvertidas teñen moitas posibilidades de atraer unha resposta correctiva, protectora ou violenta daqueles que non distinguen entre as comunidades físicas reais (onde a xente está realmente exposta a algún risco compartido de dano corporal polas súas accións) e as comunidades epistémicas (baseadas nun mero intercambio de palabras e ideas). Normas de tratamento, ou etiqueta, que se orixinaron en tales comunidades físicas son con frecuencia aplicadas inxenuamente ó discurso en liña polos acabados de chegar que non están acostumados á gama de puntos de vista expresados en liña, a miúdo anonimamente. Deste xeito, tanto os usuarios coma as súas mensaxes son comunmente e ás veces inexactamente cualificados de troles cando ofenden o grupo: ironicamente, a xente pode estar máis inclinada a empregar epítetos coma «troll» nas discusións públicas en liña do que o estarían en persoa, xa que os foros en liña poden parecer máis impersoais. A miúdo emprégase a expresión «Prohibido dar de comer ó troll». En IMDb coméntase que o trol común non entende as palabras «opinión» nin «abandonar», o que significa que cre que ten opinións superiores e que non abandonará ata que obteña a satisfacción que busca.
Cando se aplica apropiadamente o comportamento en liña intencionadamente disruptivo, a palabra «troll» converte economicamente un código abstracto de conduta en liña nunha imaxe concreta. Os participantes experimentados en foros en liña saben que a forma máis efectiva de disuadir un trol normalmente é ignoralo, xa que as respostas animan os auténticos troles a continuar escribindo mensaxes disruptivas en ditos foros: de aí o frecuente aviso de «Prohibido dar de comer ó troll». Enviar este sinal publicamente, en resposta ó comportamento dun trol para desanimar máis respostas, pode disuadir ó trol. Con todo, tamén pode ter o efecto contrario, pasando a ser el mesmo comida para o trol. Polo tanto, cando un participante nun foro ve unha resposta aparentemente inocente a un trol como potencial comida para este, pode ser máis prudente enviar o aviso de «Prohibido dar de comer ó troll» nunha mensaxe privada (por exemplo, por correo electrónico).
Os troles en diferentes medios de Internet
Os troles actúan de formas distintas en diferentes medios. Empezaron en grupos de noticias, e a medida que Internet evolucionou, así o fixeron os troles. Usenet — as xerarquías dos grupos de noticias limitan a exposición dos troles, pero o envío cruzado de mensaxes (crossposting) pode superar esta limitación. Algúns ISP limitan o número de grupos de noticias ós que unha mesma mensaxe pode cruzarse. Como exemplo notable, alt.net instituíu un límite de envíos cruzados despois de que os troles nese sistema chegaran a ser tan escandalosos que Peter da Silva iniciou unha campaña noutros sistemas para cesar o intercambio de noticias con alt.net ata que fixeran algo para resolver o problema. Listas de correo — adoitan estar controladas por moderadores, polo que os participantes indesexables poden ser expulsados rapidamente. Foros baseados en SlashCode — empregan un sistema de puntuación de forma que os lectores poden moderar cada mensaxe á alta ou á baixa desde a súa cualificación inicial. Os lectores poden entón elixir ignorar as mensaxes que os demais «moderaron á baixa». A coordinación dos troles é particularmente importante, dado que as primeiras mensaxes teñen máis probabilidades de ser lidas que as seguintes. Un trol ideal debería xerar discusión e respostas acaloradísimas sen máis intervención pola súa parte. Wikis — o seu modelo plano, asíncrono e aberto permite a calquera escribir calquera cousa. Os usuarios traballan para desfacer os cambios negativos empregando ferramentas de reversión dispoñibles de serie, pero isto require centos de voluntarios para vixiar sitios extensos e populares. Os troles tenden a ser máis sutís que nos grupos de discusión, con frecuencia achegando material que podería ser lexítimo, pero provocarán controversia desafiando a actual estrutura de poder. A dificultade agrávase pola imposibilidade de discernir se un usuario está simplemente expondo unha opinión controvertida ou é un trol.