Alviine-Johanna Kalep, nada en Taali, condado de Pärnu (Estonia) o 26 de xuño de 1899 e finada en Lake Worth (Florida, Estados Unidos) o 15 de agosto de 1989, coñecida como Elvy Kalep, foi unha aviadora estoniana e a primeira piloto feminina do país, ademais de artista, deseñadora de xoguetes e autora de libros para nenos
Kalep medrou en Estonia e Rusia, e posteriormente mudouse a China para escapar da guerra civil rusa. Traballou brevemente como intérprete para oficiais militares na China antes de instalarse en París para estudar arte con Alexandre Jacovleff. En 1931 cualificouse como piloto en Alemaña, converténdose na primeira piloto estoniana. Trabou amizade coa aviadora estadounidense Amelia Earhart, uniuse aos Ninety-Nines e emprendeu a causa de animar a outras mulleres a dedicarse á aviación. Escribiu e ilustrou un libro infantil sobre voar, Air Babies, que se publicou por primeira vez en 1936.
Despois de establecerse nos Estados Unidos, Kalep fundou un negocio de fabricación de xoguetes en Nova York. Aínda que se viu obrigada a pechar o negocio en 1946 debida á súa pobre saúde, gañouse a vida durante a década de 1950 vendendo patentes de deseños de xoguetes a empresas máis grandes. En décadas posteriores creou obras de arte en coiro, que expuxo por todo Estados Unidos. Faleceu en Florida en 1989.
Traxectoria
Primeiros anos Kalep naceu o 26 de xuño de 1899 na vila de Taali, no concello de Tori do condado de Pärnu. Foi o único fillo de Joanna (apelido de solteira Liidemann) e o cerraxeiro Aksel Emil, que morreron cando aínda era nena. Kalep estudou no Tallinna Tütarlaste Kommertsgümnaasium, unha escola de secundaria para nenas en Talín. De adolescente marchou a Rusia para vivir cunha tía en San Petersburgo.Couture, Michael (6 de agosto de 1972). "The artist: Elvy Kalep, after world travel, settles in city with leather work". Boca Raton News. p. 9A. Consultado o 2025-04-13 Foi testemuña dos acontecementos que deron lugar á Revolución de Febreiro de 1917 e pasou unha noite detida pola policía como testemuña presencial. Fixo un intento sen éxito de fuxir ao comezo da revolución, durante o cal presenciou como seis homes eran disparados mentres agardaban na cola para comprar billetes de tren para saír do país. Ela e a súa tía mudáronse a Vladivostok, onde casou cun xeneral ruso, o conde Slastšov, e tivo un fillo. Viviu en Vladivostok durante oito anos, durante os cales intentou fuxir varias veces, antes de que a súa nova familia fose capaz de escapar a China con éxito, un refuxio que escolleron debido aos vínculos de Slastšov con Zhang Zuolin.
Un ano despois de chegar a Harbin, China, o fillo de Kalep morreu e o seu marido desapareceu. Kalep puido manterse traballando como intérprete (falaba ruso, alemán, inglés e chinés) para un xeneral británico en Shenyang. Tamén traballou para Zhang Zuolin e máis tarde para o seu fillo, Zhang Xueliang, pero decidiu regresar a Estonia en 1925. Viaxou por Indonesia, Italia e Francia antes de chegar finalmente a Talín en 1926. Pouco despois estableceuse en París, onde estudou a arte da pintura ao óleo co pintor ruso Alexandre Jacovleff. Casou con Rolf Baron von Hoeningen-Bergendorff, que era de ascendencia alemá ou austríaca.
Carreira como aviadora Kalep comezou a voar a finais da década de 1920, cando coñeceu ao aviador neerlandés Anthony Fokker mentres estaba de vacacións en St. Moritz e lle pediu que lle ensinase a pilotar un avión. Completou cinco horas de voo con Fokker e, despois de romperse o brazo durante un accidente de zorra no inverno de 1931, fixo a súa proba de piloto en Alemaña o 1 de agosto de 1931. Aprobouna, converténdose na primeira piloto cualificada de Estonia e na sétima muller en aprobar o exame en Alemaña. Pouco despois de recibir a súa licenza, Kalep e Valter Mayer, un mecánico alemán, copilotaron un pequeno avión Klemm dende Berlín a través da rexión do Báltico, parando en Szczecin, Gdańsk, Kaunas, Jelgava e Riga, e aterrando finalmente en Talín o 18 de agosto. Á súa chegada a Talín, Kalep foi recibida por unha multitude de xornalistas e oficiais da Forza Aérea de Estonia. Alí visitou brevemente a uns parentes en Nõmme antes de comezar a súa viaxe de regreso a Ámsterdam.
En maio de 1932 Kalep viaxou de Francia a Nova York no barco de vapor SS Paris coa intención de voar de volta a Europa a través do océano Atlántico; naquel momento, ningunha muller fixera un voo transatlántico en solitario. Fixo amizade coa pioneira da aviación estadounidense Amelia Earhart, quen, sen que Kalep o soubese, estaba a planear unha fazaña semellante. Despois do exitoso voo de Earhart dende o Canadá a Irlanda o 20 de maio, Kalep decidiu que non pagaría a pena facer o seu propio intento de cruzar o Atlántico, xa que xa non sería a primeira muller en conseguilo. Porén, continuou a animar a outras mulleres a entrar no campo da aviación e converteuse en membro das Ninety-Nines, unha organización internacional para mulleres piloto fundada por Earhart e outras 98 aviadoras. En agosto de 1932 Kalep planeou voar con Roger Q. Williams dende Os Ánxeles ata Atenas para celebrar para celebrar a sede dos Xogos Olímpicos de Verán de 1932 na cidade, estadounidense pero o seu voo foi cancelado. Pouco despois, informouse de que Kalep volvera casar con W. E. Hutton-Miller, un corredor de bolsa estadounidense.
En 1936 Kalep publicou a primeira edición de Air Babies, un libro infantil que escribiu e ilustrou para ensinarlle aos nenos sobre o voo."She Makes Clothes from Wood". The San Francisco Examiner. San Francisco, CA. 2 de xuño de 1936. p. 3. Consultado o 2025-04-13 - vía Newspapers.com.Whitaker, Alma (17 de novembro de 1936). "Air Babies". The Los Angeles Times. Los Angeles, CA. p. 31. Consultado o 2025-04-13 - vía Newspapers.com. A historia seguía a dous avións novos, Happy Wings e Speedy, e unha reedición de 1938 incluía un prólogo de Earhart, que embarcou no seu último voo tres días despois de escribir a peza; desapareceu mentres voaba en 1937. Kalep dixo máis tarde sobre a desaparición de Earhart: "Bótoa moito de menos. Cando souben que Amelia desaparecera, pois, desmoroneime". Visitou a Feira Mundial de Nova York de 1939 para promover Air Babies na televisión e para falar no xantar do National Woman's Party."Aviatrix Comes to the Fair". Today at the Fair. 1939 New York World's Fair. 28 de outubro de 1939. p. 2. Consultado o 2025-04-13
Carreira artística e de deseño Tras o estoupido da segunda guerra mundial en 1939 e coa disolución do seu terceiro matrimonio, Kalep comezou unha nova aventura empresarial no mercado estadounidense de xoguetes. Deseñou unha boneca chamada Patsie Parachute que, cando se lanzaba ao aire, caía lentamente como o faría un paracaidista. As bonecas producíanse nunha fábrica en Nova York onde a propia Kalep viuse obrigada a traballar para manter o negocio. A súa saúde deteriorouse e os beneficios da empresa fóronse case enteiramente en gastos médicos. Debido a isto tivo que pechar a fábrica en 1946. Recuperouse en 1950 e gañouse a vida vendendo patentes de deseños de xoguetes a empresas máis grandes. Un dos seus deseños exitosos foi Scribbles Dolls, bonecas de xoguete con caras baleiras que os nenos podían decorar individualmente, inspiradas nas 50 000 cabezas de bonecas que lle sobraron do peche da fábrica de Patsie Parachute.
Na década de 1960, mentres vivía en Palm Beach, Florida, Kalep comezou a crear obras de arte en coiro que vendía aos seus veciños para gañarse a vida. Creou pinturas tridimensionais feitas con pequenos anacos de coiro de cor importados de Francia. Ao longo da década de 1970, mostrou a súa arte en exposicións por todo Estados Unidos e vendeu obras a clientes de alto perfil, como Eugene Ormandy.
Morte Kalep morreu o 15 de agosto de 1989, aos 90 anos, no Regency Health Care Center de Lake Worth, Florida. Levaba vivindo alí dende 1986. Casara tres veces, pero non tiña familia sobrevivente no momento da súa morte. As necrolóxicas de Kalep publicáronse no xornal de Florida Sun-Sentinel e en Vaba Eesti Sõna, un xornal en estoniano publicado en Nova York.
Notas
Categoría:Nados en Taali Categoría:Nados en 1899 Categoría:Finados en 1989 Categoría:Personalidades da aviación