Rubén García-Loureda Díaz, coñecido artisticamente como Ruben G. Loureda, nado na Coruña o 23 de febreiro de 1964, é un director de televisión, realizador e profesor universitario galego.
Traxectoria Na súa cidade natal, iniciou a súa formación en solfexo, piano e conxunto coral. Máis tarde, en 1985, completou os estudos de realización de Televisión no Instituto Oficial de Radio e Televisión de Madrid, dando comezo á súa traxectoria profesional na Televisión de Galicia (TVG), primeiro como axudante de realización e, ao pouco tempo, como realizador. En 1988, obtivo a licenciatura en Imaxe e Son na Universidade Complutense de Madrid, combinando desde entón o seu traballo na TVG coa produción de campañas publicitarias, vídeos institucionais e documentais.
Grazas a unha bolsa da Fundación Barrié, ampliou os seus estudos cun máster en Televisión, Radio e Cine na Universidade de Syracuse en 1992. Durante a súa estadía nos Estados Unidos, realizou prácticas na emisora WCNY, pertencente á cadea pública de televisión estadounidense. Ao finalizar este período, reincorporouse á TVG, onde levou a cabo e realizou numerosos programas de música, entretemento e debate.
O seu traballo no ámbito audiovisual foi recoñecido con diversos premios. En 2001, sumouse á Universidade de Vigo como profesor asociado en Comunicación Audiovisual, impartindo clases en diferentes titulacións. Posteriormente, en 2008, uniuse á Facultade de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, contribuíndo á docencia nos graos de Comunicación Audiovisual e Xornalismo. En 2016 logrou o doutoramento en Comunicación e Industrias Creativas pola mesma institución cunha cualificación de sobresaliente cum laude, coa tese El caso de Televisión de Galicia. Digitalización y evolución tecnológica en TVG (1985-2012), dirixida por Xaime Fandiño. Entre 2017 e 2019, tamén exerceu como docente na Universidade Cesuga da Coruña no grao de Publicidade e Relacións Públicas. Ten publicado capítulos de investigación en varios libros académicos, ademas de artigos de revista e publicacións en congresos.
É membro activo da Academia Galega do Audiovisual, da Academia das Ciencias e as Artes de Televisión de España e da Federación Internacional de Xornalistas.
Obras
Manuscrito (curtametraxe en 16 mm; 1984) Encrucijada (documental, 1985) A Trabe de Ouro (1986) Imos ver (1986) O mellor (1986) Encontros (1986) Galicia de noite (1986) Venres Show (1987) O veciño do xoves (1987) Arestora (1988) Corazonada (magazine, 1989) A Fala (especial musical, 1990. TVG) Mar a Mar (musical, 1991; Televisión Española, Rádio e Televisão de Portugal, Televisión de Galicia, Canal Sur, Canal 9, Euskal Telebista, TeleMadrid) Nueva York a ritmo de salsa (documental, 1992) Historia do soldado (teatro para TV co Centro Dramático Galego, 1993) A familia Mudanza (1993)
O bufón de El rei (teatro para TV co Centro Dramático Galego, 1997) O peregrino errante que cansou o demo (teatro para TV co Centro Dramático Galego, 1997) Lisístrata, ou de cando as mulleres reviraron (teatro para TV co Centro Dramático Galego, 1997) Cabalos desbocados (teatro para TV, 1998) Galeguidade (1998) Con C de cultura (2003) O coro lígneo da catedral de Santiago de Compostela (documental, 2004) 50 anos con Merlín e familia (documental, 2005) Hai debate (2006) A Casa da Auga (documental, 2008) Reporteiros (2008)
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas
Categoría:Nados en 1964 Categoría:Nados na Coruña Categoría:Alumnos da Universidade de Santiago de Compostela Categoría:Alumnos da Universidade Complutense de Madrid Categoría:Personalidades da televisión Categoría:Profesores da Universidade de Vigo Categoría:Directores de televisión Categoría:Profesores da Universidade de Santiago de Compostela