A pita piñeira ou galiña piñeira é unha raza de galiña autóctona de Galicia. Se ben non está recoñecida polo Catálogo Oficial de Razas do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación de España, si que se atopa recoñecida pola Federación Española de Avicultura, Colombicultura y Cunicultura de Raza (FESACOCUR).

Na súa variante de cor branca tamén se coñece co nome de Pita das Neves e as súas variantes aperdizadas co nome de Pita do Monte.

Morfoloxía A pita piñeira é unha ave semipesada, de dorso con lonxitude media, crista en rosa plana (característica moi particular desta raza), orellas vermellas e tarsos amarelos.

Actualmente ten recoñecidas tres variantes de cor: branca (tamén denominada Pita das Neves), aperdizada ancestral dourada e aperdizada silvestre.

O galo pesa entre 2,8 e 3,5 kg e a galiña entre 1,8 e 2,5 kg. Os ovos presentan casca de cor branco crema e pesan 50 g.

Cría e produtos pecuarios Esta raza de galiña está ben integrada nos ecosistemas rurais galegos, criase en sistemas extensivos, e basea a maior parte da súa alimentación no pastoreo suplementando a dieta diaria con millo e cereais. A idade de entrada en posta é aos 6 meses, cunha posta de 180-200 ovos por ano.

Trátase dunha galiña moi rústica, dura, con grande poder de adaptación á agroclimatoloxía galega, resistente ao frío, con capacidade de picoteo nos prados e aproveitamento de recursos agrícolas que transforma en carne e ovos de alta calidade. Dócil e manexable, cun grande instinto maternal, facilidade de posta, lonxevidade e vida produtiva aceptable (> 5 anos), resistente ás enfermidades, como as parasitoses, fana unha raza ideal para a cría ecolóxica.

A carne é exquisita, é moi apreciada na gastronomía popular polos grandes chefs, e xa foi premiada nalgunhas receitas en concursos gastronómicos, formando parte tamén do evento popular "Festa do Galo Piñeiro" , onde se fomenta a cultura da cociña popular da carne de polo Piñeiro.

Notas

Categoría:Razas autóctonas de Galicia Categoría:Fasiánidos