María Dolores García Rodrigo, nada en Madrid o 30 de maio de 1945, coñecida como Boti García Rodrigo, é unha activista española polos dereitos LGTBI.
Foi directora xeral de Diversidade Sexual e Dereitos LGTBI do Ministerio de Igualdade entre 2020 e 2023. Foi presidenta da Federación Estatal de Lesbianas, Gais, Trans e Bisexuais (FELGTB), e foi galardoada coa Medalla de Ouro do Concello de Madrid en 2018. Defínese como "ovella negra desde idade temperá, maleante e perigosa social, namorada de Madrid e orgullosa activista LGTBI".
Traxectoria É licenciada en Filosofía e Letras pola Universidade Complutense de Madrid. Exerceu a docencia durante máis dunha década.
A mediados da década dos 90 integrouse no Colectivo LGTB de Madrid COGAM, do que chegou a ser vicepresidenta e posteriormente presidenta. En 2000, incorporouse á executiva de FELGTB como responsable de relacións institucionais, e de marzo de 2012 até 2015 foi a súa presidenta, sucedendo a Antonio Poveda no cargo. Desde 2019 forma parte do seu Comité Consultivo.
En 2004, foi candidata ao Congreso dos Deputados co número 6 por Madrid na lista de Esquerda Unida a petición de Gaspar Llamazares. Ese mesmo ano, asistiu en representación de EU á bicada multitudinaria convocada pola FELGTB ante a catedral da Almudena na que participaron 300 persoas homosexuais, para protestar contra a «intolerancia» da igrexa católica e o Partido Popular. Na seguinte cita electoral, en 2008, García repetiu con EU, esta vez co número 7 da lista, e en 2011 fíxoo con Equo, novamente co número 6.
En xaneiro de 2020, foi nomeada directora xeral de Diversidade Sexual e Dereitos LGTBI do Ministerio de Igualdade, dirixido pola ministra Irene Montero. Tomou posesión do cargo o 31 de xaneiro. Cesou en decembro de 2023.
Recoñecementos O 7 de abril de 2013, na II Edición dos Premios Adriano Antinoo, que entrega a asociación sevillana LGTB do mesmo nome en colaboración coa Fundación Cajasol, foi unha das sete persoas galardoadas, pola súa loita pola igualdade e a liberdade das persoas.
O 15 de maio de 2018, na festividade de Santo Isidro, a entón alcaldesa de Madrid, Manuela Carmena, entregoulle a Medalla de Ouro como recoñecemento á súa traxectoria de activismo e loita polos dereitos do colectivo LGTBI. As outras medallas desa edición foron outorgadas á actriz Concha Velasco, á enxeñeira do CSIC Elena García e ao equipo de hóckey feminino do Club de Campo.
En 2019, concedéuselle o premio estatal de Voluntariado Social na súa modalidade individual.
Vida persoal Após dunha relación de dez anos coa tamén activista Beatriz Gimeno, casaron en decembro de 2005, nunha voda oficiada por Inés Sabanés na que participaron Pedro Zerolo, do PSOE, e Luís Asúa, do PP. Á cerimonia asistiron 110 persoas convidadas entre as que se atoparon personalidades como Gaspar Llamazares, Leire Pajín, Iñigo Lamarca, Almudena Grandes ou Luís García Montero. Está divorciada desde 2013.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas Artigos de Boti García Rodrigo no Huffington Post. . Relatorio de Boti García Rodrigo sobre a historia do movemento LGTB en España.
Categoría:Nados en 1945 Categoría:Nados en Madrid Categoría:Activistas LGBT de España