Antonio Hidalgo Morilla, nado en Canovelles o 6 de febreiro de 1979, é un ex-futbolista e actual adestrador de fútbol español. Actualmente dirixe o Deportivo da Coruña na Primeira División. Xogaba como centrocampista e destacou especialmente nas filas do Tenerife e do Málaga, cos que xogou tanto na Primeira como na Segunda División. É o sétimo futbolista con máis partidos disputados na categoría de prata (412).
Traxectoria Como futbolista Comezos Nacido en Canovelles, comezou a xogar ao fútbol nas categorías inferiores da UE Canovelles e do EC Granollers e en 1993 ingresou na canteira do FC Barcelona. En 1997 pasou a xogar no hoxe extinto Barcelona C, co que se proclamou campión da Terceira División na súa primeira tempada, e ao ano seguinte subiu ao Barcelona B, da Segunda División. Debutou na categoría de prata na primeira xornada da tempada 1998/99 contra o o Mallorca B, compartindo centro do campo con Xavi, e disputou un total de 33 encontros ao longo da campaña, pero non puido evitar o descenso do equipo á Segunda B. A 1999/00 foi a súa última tempada en Barcelona, e pechouna con 34 encontros oificiais e 2 goles.
Tenerife (1ª etapa) No verán de 2000 saíu cedido ao Tenerife, que militaba na Segunda División. Ás ordes de Rafa Benítez, na súa primeira tempada tivo que competir polo posto de interior dereito con Juan Jesús e Dani, sendo este último o máis veces aliñado nun centro do campo que completaban habitualmente Pep Martí, Gerardo Torrado e Luis García. Sumou un total de 35 partidos (14 como titular) e o equipo canario acabou a liga na terceira posición, conseguindo así o ascenso a Primeira.
Debutou na máxima categoría na 12ª xornada da tempada 2001/02, contra o Deportivo da Coruña no Heliodoro Rodríguez López, substituíndo na segunda metade a Acorán. Con todo, apenas tivo minutos de xogo durante a tempada, nin con Pepe Mel nin co seu substituto no banco, Javier Clemente, co que o equipo culminou o descenso a Segunda. Non conseguiu ter continuidade no conxunto canario ata as súas dúas últimas tempadas no club (2003/04 e 2004/05), nas que foi titular na maioría de xornadas. Pechou o seu primeiro paso polo Tenerife en 2005, cun total de 160 partidos disputados e 12 goles anotados.
Málaga En xuño de 2005 foi anunciada a súa fichaxe polo Málaga, da Primeira División, a onde chegou como petición do adestrador Antonio Tapia para suplir a ausencia de Juanito. Na súa primeira campaña en Málaga disputou 36 encontros, a gran maioría deles saíndo dende o banco de suplentes, e non puido evitar o descenso do equipo. Xa en Segunda, converteuse en titular indiscutible para o técnico Muñiz nas dúas seguintes campañas, que culminaron co regreso do club andaluz á máxima categoría ao remate da 2007/08. Sumou ademais 14 goles nesa histórica campaña, incluídos os dous tantos no 2-1 contra o Tenerife na derradeira xornada, vitoria que certificou o ascenso do club.
Zaragoza e Osasuna No 2008 fichou polo Zaragoza, que militaba en Segunda. No equipo dirixido por Marcelino xogou como mediocentro sen conseguir render ao mesmo nivel que no Málaga, e no mercado invernal de 2009 saíu cedido a Osasuna, na Primeira División. No conxunto aragonés tivo como adestrador a José Antonio Camacho, que lle deu poucas oportunidades, aliñándoo só en 376 minutos repartidos en 12 encontros.
Albacete No verán de 2009 regresou a Segunda ao fichar polo Albacete. Neste club formou unha prolífica dupla goleadora xunto ao uruguaio Cristhian Stuani, sumando 31 goles entre os dous, o que foi decisivo para que o club acabase conseguindo a permanencia baixo a batuta do galego David Vidal.
Tenerife (2ª etapa) En 2010 volveu ao Tenerife, onde viviu unha caótica tempada 2010/11, con ata cinco adestradores diferentes e o descenso á Segunda División B. Contabilizou un total de 30 encontros e 3 goles.
Últimos anos En xaneiro de 2012 pasou a ser xogador do Sabadell, no que militou durante as seguintes tres campañas e media. Na última delas, na que exercía como capitán do equipo, sufriu o quinto descenso da súa carreira deportiva, ao caer ata a Segunda B. No club catalán disputou 117 partidos e anotou 12 goles.
Xa con 36 anos, para a tempada 2015/16 asinou como novo xogador do Cornellà, da Segunda B, pero despois de xogar só cinco partidos anunciou a súa retirada como futbolista.
Como adestrador
Comezos Inmediatamente trala súa retirada iniciouse como adestrador, traballando como auxiliar no equipo xuvenil do propio Cornellà. O seu primeiro traballo como adestrador titular foi no EC Granollers, club no que militara en categorías inferiores. Incorporouse en abril de 2016, co equipo en postos de descenso, e conseguiu a permanencia en Terceira División. A continuación emigrou a Chipre, onde foi asistente de Imanol Idiakez e Andoni Iraola no corpo técnico do AEK Larnaca. Con este equipo acabou dúas veces subcampión da liga chipriota de Primeira División e conquistou a Copa de Chipre en 2018, o primeiro título do club en 14 anos.
Sabadell En abril de 2019 volveu ao Sabadell, que ocupaba a penúltima posición do Grupo III da Segunda División B a falta de sete xornadas. Con Hidalgo no banco, o conxunto catalán reverteu a situación, sumando catro vitorias que lle permitiron escalar ata a 12ª posición final. O seu éxito no Sabadell prolongouse na tempada 2019/20, na que o club conseguiu o ascenso á Segunda División, despois de derrotar na promoción a Atlético de Madrid B, Cultural Leonesa e Barcelona B. Na seguinte tempada debutou como adestrador en Segunda, pero non conseguiu manter o equipo na categoría. Con todo, continuou no banco catalán para a tempada 2021/22 na Primeira Federación, pero foi destituído en novembro de 2021, ocupando o equipo postos de descenso.
Sevilla Atlético En outubro de 2022 foi nomeado adestrador do Sevilla Atlético, da Segunda Federación, ocupando o lugar do destituído Alejandro Acejo. Colleu o equipo na derradeira posición da liga e conseguiu levalo ata a décima praza, conseguindo así a permanencia. Dirixiu o equipo no inicio da tempada 2023/24, sumando catro vitorias nos primeiros seis partidos, pero a continuación decidiu aceptar a oferta do Huesca, que pagou ao Sevilla uns 150.000 euros pola súa fichaxe.
Huesca Chegou ao club oscense para substituír ao cesado Ziganda, que mantiña o equipo na penúltima posición da táboa de Segunda División. Con Hidalgo como técnico o club conseguiu saír do pozo e acabou a tempada con catro puntos sobre o descenso. O rendemento do equipo elevouse notablemente na tempada 2024/25, chegando a ocupar en varios momentos postos de ascenso directo a Primeira, para acabar finalmente na oitava posición. A súa boa tempada co Huesca valeulle o apoio da meirande parte da afección do club, pero tamén a chegada de numerosas ofertas, polo que decidiu poñer fin á súa etapa en Aragón.
Deportivo da Coruña O 10 de xuño de 2025 anunciouse a súa fichaxe como adestrador do Deportivo da Coruña, en substitución do betanceiro Óscar Gilsanz. No club galego dirixiu un núcleo consolidado de xogadores como Barcia, Villares, Soriano, Mella ou Yeremay, aos que se sumaron fichaxes como Alti, Quagliata, Loureiro ou Noubi. Mantívose case toda a tempada entre os catro primeiros postos da clasificación e nos últimos dous meses de competición deulle a titularidade ao xogador do Fabril Bil Nsongo, quen acabou marcando os dous goles do Deportivo na penúltima xornada ante o Real Valladolid no José Zorrilla, certificando o ascenso á Primeira División. O ascenso supuxo a súa renovación automática para a tempada 2026/27, pero a maiores o club ampliou o seu contrato ata 2028.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador en BDFutbol.com Datos do adestrador en BDFutbol.com
Categoría:Nados na provincia de Barcelona Categoría:Nados en 1979 Categoría:Futbolistas de Cataluña Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Xogadores do FC Barcelona C Categoría:Xogadores do FC Barcelona B Categoría:Xogadores do CD Tenerife Categoría:Xogadores do Málaga CF Categoría:Xogadores do Real Zaragoza Categoría:Xogadores do CA Osasuna Categoría:Xogadores do Albacete Balompié Categoría:Xogadores do CE Sabadell Categoría:Xogadores da UE Cornellà Categoría:Adestradores de fútbol de Cataluña Categoría:Adestradores do CE Sabadell Categoría:Adestradores do Sevilla Atlético Categoría:Adestradores do SD Huesca Categoría:Adestradores do Deportivo da Coruña