Hispania foi o nome dado polos fenicios á Península Ibérica, posteriormente utilizado polos antigos romanos para toda a península (Portugal, España, Andorra e Xibraltar) e para as dúas provincias creadas posteriormente durante a República Romana: Hispania Citerior e Hispania Ulterior. Durante o Principado, a Hispania Ulterior foi dividida en dúas novas provincias: a Bética e a Lusitania, en tanto a Hispania Citerior foi rebautizada como Tarraconense. Máis tarde, a parte occidental da Tarraconense foi separada, inicialmente como Hispania Nova, e máis tarde rebautizada como Callaecia (ou Gallaecia, correspondente á actual Galiza, Norte de Portugal e Asturias e parte de León). Durante a tetrarquía de Diocleciano (284), o sur da Tarraconense foi separado para constituír a provincia Cartaxinense. Nesta época, o conxunto de todas as provincias hispánicas foron agrupadas nunha única diocese civil denominada Diocesis Hispaniarum (diocese das Hispanias), baixo a dirección do vigairo de Hispaniae, cuxas competencias se estendían tamén á Mauretania Tinxitana (ao redor de Tánxer) que, polo tanto, eran oficialmente consideradas 'hispánicas'.
A ocupación romana comezou o 218 a. C. co desembarque dos romanos en Emporium e terminou a mediados do século V, época en que toda a península asistiu á invasión dos suevos, alanos e vándalos e, máis tarde, dos visigodos. Ao longo de todo este período, tanto os pobos como a organización política do territorio sufriron profundas e irreversíbeis mudanzas, e a Hispania converteuse nunha parte fundamental do Imperio Romano, proporcionándolle un enorme caudal de recursos materiais e humanos, ao mesmo tempo que foi unha das rexións máis estábeis do Imperio.
O termo "Hispania" tamén foi utilizado, polo menos ata finais da Idade Media para referirse a diferentes territorios da Península Ibérica.
Historia anterior
Nativos ibéricos
Ademais dos pobos autóctonos, xa entre os séculos VIII e VII a.C. os fenicios (e, posteriormente, os cartaxineses) se fixaran na zona oriental, ao sur do río Ebro. Instaláronse na faixa costeira mediterránea, establecendo grandes emporios comerciais que, ademais de lles servir para canalizar para o comercio mediterráneo os minerais e outros recursos abundantes na península, introduciron tamén na rexión algúns dos produtos elaborados no outro extremo mediterráneo.
Como potencia comercial, Cartago ampliaba os seus intereses até a illa de Sicilia e ao sur da Península Itálica, o que pronto resultou nun conflito de intereses entre esta e o incipiente poder que xurdía en Roma, enfrontando as dúas potencias nas célebres guerras púnicas. Á primeira, que culminou nun inestábel armisticio, logo seguiu a segunda, que terminaría doce anos despois co dominio efectivo de Roma sobre as rexións cartaxinesas no sueste da península.
A Iberia cartaxinesa
Despois da primeira guerra púnica, os descendentes de Hamílcar Barca iniciaron a submisión efectiva da península, que se estendeu a unha gran parte, sobre todo no sur e na costa oriental. O feito foi conseguido mediante tributos, alianzas, matrimonios ou, simplemente, usando a forza. A península proporcionaría a Cartago un importante abastecemento de tropas, quer mercenarias quer aliadas, así como de recursos minerais, co que podería enfrontarse a Roma e reafirmar o seu dominio no Norte de África.
Entre tanto, o conflito pola hexemonía de Sagunto, cidade costeira helenizada e aliada de Roma, daba inicio á segunda guerra púnica. Como reacción á presión do conflito, foron asasinados os partidarios de Cartago e, en resposta, Haníbal cercou a cidade (218 a.C.) -que, a pesar de solicitar a axuda de Roma, nunca a chegou a recibir-, apoderándose dela, aínda que sen se librar dunha dura e sanguenta loita, durante a cal foi ferido. Moitos dos habitantes preferiron suicidarse a someterse á escravitude que os esperaba nas mans de Cartago.
Coa rexión dominada, Haníbal conduciu os exércitos en dirección á Península Itálica. Roma, asistindo ás vitoriosas mobilizacións cartaxinesas, responde cortando as subministracións a Haníbal, atacando a Península Ibérica.
Conquista miniatura|250px|Muralla romana de Empúries, porta de entrada inicial de Roma na Península Ibérica. Iniciada no século III a.C. como unha invasión estratéxica para cortar as liñas de abastecemento cartaxinesas que sustentaban a invasión da Península Itálica durante a segunda guerra púnica, logo pasou a asumir a forma dunha invasión de conquista que, en cerca de doce anos, expulsaba totalmente as forzas cartaxinesas da Península Ibérica. No entanto, foron necesarios case dous séculos para dominar a totalidade da rexión, debido, sobre todo, á forte resistencia dos pobos do interior (Celtiberos, Lusitanos, Cántabros etc.).
A guerra contra Cartago Ver artigo principal: Segunda guerra púnica. Roma enviou as súas tropas a Hispania ao mando de Cneo Cornelio Escipión e Publio Cornelio Escipión. Gnaeus chegou primeiro, en tanto que o seu irmán se dirixiu a Massalia para conseguir apoios e tratar de cortar o avance cartaxinés. Emporion (ou Empúries) foi o punto de partida de Roma na península. A primeira misión foi encontrar aliados entre os iberos da zona costeira, que probabelmente non resultou como se esperaba xa que, por exemplo, os ilerxetes eran coñecidos aliados de Cartago. Así, Gnaeus foi obrigado a someter (ora pola forza, ora mediante tratados) a zona costeira ao norte do río Ebro, incluíndo a cidade de Tarraco, onde estableceu a súa residencia.
O primeiro combate importante entre cartaxineses e romanos tivo lugar en Cisa (218 a. C.), probabelmente próximo de Tarraco, malia que se teña, pretendidamente, identificado con Guissona, na actual provincia de Lleida. Os cartaxineses, ao mando de Hanón, foron derrotados polas forzas romanas encabezadas polo propio Gnaeus. O líder dos ilerxetes, Indíbil, que combatía pola facción cartaxinesa, foi capturado. Aínda que a vitoria de Gnaeus parecese cousa feita, xurdiu Haníbal Barca con reforzos, dispersando os romanos, sen os derrotar. Os cartaxineses regresaron a Nova Cartago (actual Cartaxena), e os romanos á súa base principal, a cidade de Tarraco.
Seguíronse varias batallas, das cales destacan a de Hibera e a de Baecula. Ao culminar das loitas contra a presenza cartaxinesa na península, Roma dominaba unha rexión que ía desde os Pireneos ao Algarve, até Huesca, organizando a zona en dúas provincias: as Hispanias Citerior e Ulterior. A partir de aí, impelida quer pola política imperial, quer pola ameaza fronteiriza dos pobos rebeldes, Roma proseguiu a conquista da península, cuxa dominación perduraría até a entrada das invasións bárbaras, xa no século V, formando durante os sete séculos baixo a súa influencia, unha poboación homoxénea na Hispania, coñecida como hispano-romana.
Romanización Ver artigo principal: Invasión romana da Península Ibérica. Na secuencia da presenza romana case forzada na península, Roma expandiu as súas fronteiras ao noroeste, alcanzando o Atlántico ao oeste e o mar Cantábrico ao norte, conquistando así a totalidade da península. Durante este proceso, a influencia romana (romanización) foi progresivamente asimilada, ao longo dos dous séculos que demorou.
Talvez debido á natureza e cultura dos pobos nativos -especialmente os que tiveron pouco ou ningún contacto coas outras potencias mediterráneas (gregos e cartaxineses)-, que ofreceron maior oposición ao avance de Roma, a lingua e costumes ancestrais foron practicamente extintos, a excepción do éuscaro, que sobreviviu nos outeiros occidentais dos Pireneos, onde a romanización non foi tan intensa, xa que a cultura romana se propagaba paralelamente aos intereses comerciais da metrópole, tardando, polo tanto, en chegar aos lugares de menor importancia.
Desta forma, os pobos que xa tiveran algún contacto con outras culturas, como os iberos, ilerxetes e turdetanos, asimilaron rapidamente o modo de vida romano e nas rexións por estes ocupadas se fundaron as primeiras cidades romanas, que servirían tamén de bases militares para as lexións.
No entanto, o proceso foi moito máis lento no que toca aos pobos do interior, como os lusitanos, e aos do noroeste peninsular, como os brácaros -especialmente na zona de Calle, onde encontraron feroz resistencia durante longos anos, feito que levou a que os romanos chamasen a todo o restante territorio Callaecia, téndose Décimo Xunio Bruto autotitulado Callaecus (o galego)- que nos máis enraizados coa cultura celtibera, manifestándose a través dunha forte resistencia armada, como demostran os episodios de Numancia ou da rebelión de Viriato.
Non obstante, a romanización de toda a península foi inevitábel. Roma impulsou o repoboamento, non só repartindo as terras entre as tropas licenciadas, senón tamén permitindo a fixación de familias orixinarias da Península Itálica, que viñeron a Hispania en busca das riquezas e do territorio fértil, transformando toda a rexión nun notábel polo de desenvolvemento económico. Non foi por casualidade, polo tanto, que Traxano e Hadriano fosen naturais da Hispania.
Cidades fundadas Malia que a influencia romana teña tido gran repercusión nas cidades xa existentes en toda a península, foi nas cidades formadas polos propios romanos onde se centraron os maiores esforzos urbanísticos, como:
Tarraco (Tarragona), que tivo orixe no campamento militar establecido por Cneo Cornelio Escipión en plena segunda guerra púnica; foi rapidamente promovida a capital da Hispania Citerior e, posteriormente, da provincia Tarraconense. Xulio César deulle o estatuto de colonia (Colonia Iulia Triumphalis Tarraco) en -45. Emerita Augusta (Mérida), fundada no -25 por Publio Carisio, representante de Octavio Augusto para as lexións V (Alaudae) e X (Gemina). Rapidamente se converteu nunha das cidades máis importantes de Hispania e tornouse capital da Lusitania. Itálica (Santiponce), foi a primeira cidade puramente romana fundada na rexión. Naceu como hospital de campaña para os feridos da batalla de Ilipa. Na época de Xulio César consegue o estatuto de municipio, aínda que o seu máximo esplendor teña sido atinxido durante os séculos I e II, época na que conseguiu o estatuto de colonia (Colonia Aelia Augusta Itálica).
Outras cidades que se volveron notábeis, malia non seren de fundación romana, algunhas das cales ascenderon ao estatuto de capital provincial, foron: en España: Corduba, Carthago Nova; en Portugal: Bracara Augusta, Balsa e Olisipo.
Arquitectura romana miniatura|250px|O Acueduto de Segovia. Ver artigo principal: Arquitectura romana. A civilización romana ficou coñecida como grande emprendedora no que toca ás infraestruturas; foi a primeira civilización en se esforzar seriamente nas obras civís como parte do desenvolvemento e conservación dos dominios (non só xeográficos, senón tamén militar e economicamente falando) do seu extenso imperio. Hispania, nas súas diversas provincias, asistiu tamén a grandes proxectos: Estradas: os romanos proxectaron estradas que unían desde Cádiz aos Pireneos e desde Asturias a Murcia, cubrindo os litorais mediterráneos e atlánticos polas coñecidas vías: Via Lata (actualmente coñecida como Vía da Prata), Vía Augusta e Vía Exterior son os máis notábeis exemplos. Para sinalizar as distancias, colocábanse miliarios que, en forma de columna ou grandes pedras, marcaban a distancia desde o punto de orixe en millares de pasos (millas). O coidado aplicado na proxección destas estradas subsiste ata o día de hoxe, xa que a maior parte do trazado foi aproveitado nos trazados das autoestradas e estradas nacionais actuais. Segundo o Itinerario de Antonino, existían en territorio portugués 11 eixes viarios que ligaban esta rexión ás grandes vías que conducían a Roma. Pontes: gran parte das numerosas pontes romanas conserváronse ata a actualidade e son aínda utilizadas por toda a rexión.