Kosovo (en albanés, Kosova ou Kosovë; en serbio, Косово), oficialmente República de Kosovo (en albanés, Republika e Kosovës; en serbio, Република Косово), é un estado parcialmente recoñecido situado no centro da península dos Balcáns, ao sueste de Europa. Kosovo declarou unilateralmente a súa independencia de Serbia o 17 de febreiro de 2008, e dende entón, obtivo o recoñecemento diplomático como estado soberano por parte de 101 estados membros da ONU. Limita con Serbia ao norte e ao leste, con Macedonia do Norte ao sueste, con Albania ao suroeste e con Montenegro ao noroeste. Abrangue unha superficie de 10 980 km2 e posúe unha poboación estimada de 1 806 279 (2022). A súa capital e cidade máis poboada é Pristina, seguida por Prizren e Ferizaj.

Na antigüidade, a tribo central que xurdiu no territorio de Kosovo foi a dos dárdanos, que formaron un sistema político independente coñecido como o Reino de Dardania no século -IV. O Imperio Romano anexionouno no século -I, e durante o seguinte milenio o territorio seguiu formando parte do Imperio Bizantino, cuxo dominio viuse alterado polas invasións eslavas a partir do século VI-VII. Nos posteriores séculos, o control da zona alternouse entre os bizantinos e o Primeiro Imperio Búlgaro. No século XIII, Kosovo converteuse no núcleo do estado medieval serbio, sendo tamén a sede da Igrexa Ortodoxa Serbia dende o século XIV, cando o seu status foi elevado a patriarcado. A expansión otomá nos Balcáns a finais do século XIV e XV provocou o declive e a caída do Imperio Serbio; a batalla de Kosovo de 1389 considerase un dos momentos decisivos na historia medieval serbia. Os otománs conquistaron totalmente a rexión trala Segunda batalla de Kosovo. O Imperio Otomán gobernou a zona durante case cinco séculos, ata 1912.

Despois da primeira guerra balcánica (1912-1913) Kosovo integrouse no Reino de Serbia. A constitución de Iugoslavia, fundada despois da primeira guerra mundial, recoñeceu á provincia Autónoma Socialista de Kosovo e Metohija (en serbio: Аутономна Покрајина Косово и Метохија, Autonomna Pokrajina Kosovo i Metohija) dentro da República Iugoslava de Serbia.

As longas tensións étnicas entre os albaneses de Kosovo (un 88% da poboación segundo datos de 2003) e as poboacións serbias deixaron un Kosovo etnicamente dividido, o que deu lugar a episodios de violencia interétnica, incluíndo a guerra de Kosovo de 1999. Esta guerra rematou coa aceptación por parte da República Federal de Iugoslavia de dar fin ao exercicio da súa soberanía á espera dunha resolución sobre o estatuto final. En virtude da resolución 1244 do Consello de Seguridade das Nacións Unidas, o goberno pasou ás mans da ONU coa administración da MINUK.

A primeira declaración da independencia da República de Kosovo tivo lugar en 1990, pero non foi recoñecida, agás por Albania. O 17 de febreiro de 2008 a República de Kosovo declarou unilateralmente a súa independencia como Estado propio. A República mantén o control sobre a maioría do territorio, excepto zonas como Kosovo do Norte, o maior enclave serbio baixo control das institucións da República de Serbia (ou outras estruturas paralelas subvencionadas polo goberno serbio). A República de Kosovo está recoñecida por 98 estados membros das Nacións Unidas, entre eles os Estados Unidos, Xapón e até 22 membros da Unión Europea. Serbia, ademais doutros Estados, non recoñece a secesión kosovar e considera ao territorio unha entidade gobernada pola ONU dentro da súa soberanía, malia declarar a Corte Internacional de Xustiza que a conversión en Estado de Kosovo non vulnera a legalidade internacional.

Etimoloxía miniatura|esquerda|220px|Paisaxe kosovar. A orixe do topónimo Kosovo parece ser de orixe eslava. En serbio a palabra косово (en alfabeto latino: Kosovo, pronunciado [ˈkɔsɔvɔ]) é o adxectivo posesivo neutro de кос (kos, merlo). Trataríase, logo, dunha elipse do nome Kosovo Polje (lugar da famosa batalla de Kosovo no 1389) que significa campo dos merlos. En lingua galega, á parte de Kosovo, recóllense as denominacións Kosova, Kósovo, Cosova e Cosovo.

Dentro do país, a pronunciación e a escritura do nome varían considerablemente entre os principais grupos étnicos. Os albaneses utilizan Kosova (forma definida, pronunciada [kɔˈsova]) ou Kosovë (forma indefinida, pronunciada [kɔˈsoːv]) e os serbios prefiren a denominación Косово и Метохија (Kosovo i Metohija), distinguindo a zona oriental (á que chaman Kosovo) da occidental (Metohija).

Metohija deriva da palabra grega μετόχια (metochia) que significa "terra propiedade da igrexa" xa que ,historicamente, os mosteiros da Igrexa ortodoxa serbia situáronse principalmente en Kosovo. O nome en xeral é empregado polos serbokosovares mentres que os albanokosovares denomínano Rrafsh e Dukagjinit ("meseta do duque Gjin", na honra dun nobre albanés). Durante o goberno serbio a zona denominábase oficialmente "Kosovo e Metohija", aínda que ás veces se empregaba a contracción Kosmet.

As organizacións internacionais tentaron utilizar a fórmula Kosovo/Kosova como un camiño intermedio entre ámbalas dúas posicións, que a miúdo son consideradas ofensivas polo outro grupo étnico. Porén, mentres o uso serbio asentou con maior forza na comunidade internacional, o albanés é utilizado polas forzas de ocupación asentadas no país.

Historia

Dardania miniatura|Muros dun antigo asentamento romano en Ulpiana, unha das principais localidades da antiga Dardania. Non se coñece moito sobre Kosovo antes do século XI. Sábese que durante o Neolítico, o actual territorio de Kosovo estivo baixo dominio da denominada cultura de Vinča-Turdaş, habendo vestixios arqueolóxicos de tumbas das Idades de Bronce e de Ferro en Metohija, mais non na zona oriental. Os dardanios e tribalios, tribos indoeuropeas de orixe tracio-iliria, habitaron no lugar entre os séculos IV e III a. C. Arredor do ano 160 a. C., a zona comezou a ser conquistada polos romanos e sendo integrada dentro do seu Imperio como parte da provincia de Iliria no ano 59 a. C. A zona, denominada Dardania, pasaría formar parte da Mesia Superior no ano 87 e logo constituiría a súa propia división preto do ano 284 baixo o goberno de Diocleciano, con capital na actual cidade de Niš (ao sur de Serbia).

No final do século VI e comezos do século VII, unha onda de migracións de pobos eslavos chegaron á rexión baixo dominio do Imperio bizantino, mesturándose cos latinos e os tracio-ilirios que habitaban o lugar. O Primeiro Imperio Búlgaro conquistou a zona arredor dos anos 850, sendo reconquistada por Constantinopla en 1018 baixo o mando do emperador Basilio II. Diversos pequenos reinos serbios estabelecéronse na zona noroeste de Kosovo, liderando a resistencia eslava ao dominio bizantino, mentres as culturas de ambos se ían mesturando co paso dos anos. Finalmente, a zona quedaría baixo o dominio do principado serbio de Raška tralas vitorias de Stefan Nemanja contra o principado de Duklja (actual Montenegro) e do seu sucesor, Stefan Prvovenčani, en 1216.

A Idade Media

miniatura|Batalla de Kosovo de 1389 (óleo de Adam Stefanović, 1870). O principado de Raška unificaría os diversos territorios habitados polos serbios ao terminar o século XII. O territorio de Kosovo e Metohija converteuse no século XIII no corazón do goberno da Casa de Nemanjić, que localizou a capital en Prizren. Ademais, instalouse na rexión o centro espiritual da Igrexa Ortodoxa Serbia, logo de que o seu Patriarcado situárase en Peć e diversos mosteiros fixesen o mesmo na rexión de Metohija. Pristina era unha das principais urbes do país e un importante centro de comercio que controlaba tódalas rutas en dirección aos portos sobre o mar Adriático. A minería era unha importante industria en Novo Brdo e Janjevo, chegando a primeira a producir arredor do 1450 máis de seis toneladas de prata por ano.

O principado alcanzaría o seu máximo esplendor durante o reinado de Stefan Uroš IV Dušan Nemanjić coa formación do Imperio Serbio en 1346 e transformou a monarquía absolutista nun goberno feudal, asignando as terras que actualmente forman Kosovo á familia dos Branković, sucesora da dinastía Nemanjić. Daquela, a composición étnica da poboación kosovar, aínda que era maioritariamente de orixe serbia, albergaba importantes comunidades gregas e búlgaras, ademais de mineiros de orixe saxoa e comerciantes ragusanos.

Trala morte de Stefan Dušan, o imperio colapsou e disolveuse en diversos feudos. Os serbios, concentrados en diversas rifas internas, estaban débiles e indefensos ante un ataque exterior, o cal foi aproveitado polo Imperio Otomán en plena expansión. As tropas otomás avanzaron rapidamente sobre os territorios baixo dominio eslavo até se enfrontar na decisiva Batalla de Kosovo no chamado Campo de Kosovo (ou Kosovo Polje), o 28 de xuño de 1389. No enfrontamento morreron os líderes de ambos os exércitos, o príncipe serbio Lazar Hrebeljanović e o sultán Murad I, e a pesar da inmensa superioridade numérica dos invasores, estes lograron unha vitoria pírrica. A derrota en Kosovo integrouse á mitoloxía nacional serbia, mentres os otománs non lograron facerse coa dominación sobre Serbia, que mantivo a súa independencia. Só en 1455, o Imperio Otomán lograría finalmente conquistar Kosovo e derrotar definitivamente aos serbios.

Dominación otomá

miniatura|Vista dun antigo mosteiro ortodoxo en Prizren. Trala conquista otomá, o actual territorio kosovar pasou facer parte de Rumelia, que correspondía a grandes liñas ao territorio abarcado polo Imperio Otomán en Europa. Diversas entidades administrativas, denominadas sanjak, formáronse en Kosovo ao cargo dun sanjakbeyi. miniatura|left|185px|O Valiato de Kosovo entre 1875 e 1878. miniatura|left|185px|O Valiato de Kosovo entre 1881 e 1912. O principal cambio trala invasión foi o proceso de islamización efectuado na zona e que comezou pouco despois da chegada dos otománs. A pesar de que estes tiñan o dominio absoluto do territorio, foi un proceso lento e que tomou unha cantidade considerable de tempo, polo menos dun século, e que se concentrou inicialmente nas cidades. Moitos habitantes cristiáns adoptaron a nova fe, principalmente por razóns económicas e sociais debido aos considerables beneficios e dereitos outorgados aos musulmáns. Esa conversión foi seguida pola chegada de colonos arnautas (albaneses islamizados) a partir do século XVII, que comezaron a aumentar en número fronte aos habitantes de orixe eslava. A vida relixiosa cristiá continuou a pesar das dificultades, pero tanto as igrexas ortodoxas como as católicas e os seus fieis enfrontáronse a altos niveis de impostos.

En 1689, Kosovo foi enormemente desestabilizado pola guerra entre os otománs e o Sacro Imperio Romano Xermánico baixo o dominio da Casa de Habsburgo. En outubro dese ano, unha pequena forza austríaca ao mando do margrave Ludwig von Baden logrou avanzar até Kosovo, capturando Belgrado no camiño. Moitos serbios xuraron lealdade aos austríacos, chegando algúns mesmo a unirse ao exército de von Baden. Pola súa banda, os arnautas deron o seu apoio aos otománs. No verán seguinte, con todo, un contraataque otomán obrigou aos austríacos a retirarse á fortaleza en Niš, próxima a Belgrado, e finalmente a retroceder máis aló do Danubio, volvendo a Hungría.

A ofensiva otomá foi acompañada por represalias salvaxes e saqueos, principalmente contra os serbios, polo cal moitos se viron forzados a emigrar xunto ás tropas austríacas. O patriarca ortodoxo serbio Arsenije III fuxiu xunto a máis de 30.000 eslavos segundo os seus rexistros no evento coñecido como a "Gran Migración" (en serbio: Велике сеобе, Velike seobe ). Ante esta situación, Kosovo converteuse nunha rexión de predominio étnico albanés, aínda que se mantiveron minorías cristiás por moitos séculos.