O ácido folínico, tamén chamado leucovorina, é un medicamento usado para diminuír os efectos tóxicos do metotrexato e a pirimetamina. Tamén se usou en combinación co 5-fluorouracilo para tratar o cancro colorrectal e o cancro pancreático, pode usarse para tratar a deficiencia de folato que resulta en anemia e envelenamento por metanol. Adminístrase por vía oral, intramuscular ou intravenosa.
Os seus efectos laterais poden ser problemas para durmir, reaccións alérxicas ou febre. O seu uso no embarazo ou durante a lactación é xeralmente considerado seguro. Cando se usa para a anemia recoméndase que primeiro se descarte a anemia perniciosa como causa. O ácido folínico é unha forma do ácido fólico que non require activación pola dihidrofolato redutase para ser útil para o corpo.
O ácido folínico obtívose por primeira vez en 1945. É un dos medicamentos da Lista de Medicinas Esenciais da Organización Mundial da Saúde.
Uso médico class=skin-invert-image|thumb|Ácido levofolínico. O ácido folínico pode administrarse como pílula (oral) ou por inxección intravenosa ou intramuscular.
Redución dos efectos do metotrexato O ácido folínico adminístrase despois do metotrexato como parte dun réxime de quimioterapia completo para axudar a previr a supresión da medula ósea e a inflamación da mucosa gastrointestinal. Porén, non se observan efectos aparentes na nefrotoxicidade inducida por metotrexao preexistente.Therapeutic Information Resources Australia (2004). Calcium Folinate (Systemic) in AUSDI: Australian Drug Information for the Health Care Professional. Castle Hill: Therapeutic Information Resources Australia.
Aínda que non é especificamente un antídoto para o metotrexato, o ácido folínico pode tamén ser útil no tratamento da sobredose aguda do metotrexato. Utilízanse diferentes protocolos de dosificación, pero o ácido folínico debería ser redosificado ata que o nivel de metotrexato sexa de menos de 5 x 10−8 M.
Ademais, o ácido folínico úsase ás veces para reducir os efectos laterais do metotrexato en pacientes de artrite reumatoide. Causa reducións das náuseas, da dor abdominal, dos análises sanguíneos de fígado anormais e das chagas na boca.
Outros usos ou indicacións O ácido folínico tamén se usa en combinación co axente quimioterápico 5-fluorouracilo no tratamento do cancro de colon. Nese caso, o ácido folínico non se usa co propósito de "rescatar", senón que potencia o efecto do 5-fluorouracilo ao inhibir a timidilato sintase.
O ácido folínico é tamén usado ás veces para previr os efectos tóxicos de doses altas dos antimicrobianos inhibidores da dihidrofolato redutase como o trimetoprim e a pirimetamina, aínda que o seu valor para esta indicación non foi establecido claramente. Pode prescribirse no tratamento da retinite da toxoplasmose, en combinación con antagonistas do ácido fólico pirimetamina e sulfadiazina.
O ácido folínico tamén se usa no tratamento da deficiencia de folato cerebral, unha síndrome na cal o uso do ácido fólico non pode normalizar os niveis no líquido cefalorraquídeo de 5-MTHF.
Na epilepsia dependente de piridoxina, o ácido folínico pode usarse como terapia adicional se a piridoxina ou o fosfato de piridoxal non conseguen controlar completamente as convulsións.
Efectos laterais O ácido folínico non debería administrarse intratecalmente. Isto pode producir varios efectos adversos ou mesmo a morte. A neurotoxicidade grave debida ao ácido folínico intratecal como tratamento para o metotrexato administrado intratecalmente foi detectada por primeira vez nun rapaz de 11 anos que estaba sendo tratado de leucemia linfocítica aguda.
En pacientes de cancro, describíronse reaccións de hipersensibilidade raras ao ácido folínico.
Interaccións con fármacos Fluorouracilo: o ácido folínico pode incrementar a toxicidade asociada co fluorouracilo se ambos son administrados xuntos. Informouse dalgúns efectos adversos, especialmente en pacientes vellos, como enterocolite grave, diarrea e deshidratación. Sulfametoxazol-trimetoprim: unha posible interacción con fármacos pode producirse co uso conxunto de sulfametoxazol-trimetoprim e ácido folínico. O ácido folínico fai diminuír a eficacia do sulfametoxazol-trimetoprim no tratamento contra o Pneumocystis jirovecii (antes coñecido como Pneumocystis carinii), unha causante común de pneumonía en pacientes de SIDA.
Mecanismo de acción
O ácido folínico é un derivado 5-formilo do ácido tetrahidrofólico. É doadamente convertible noutros derivados do ácido fólico reducido (por exemplo, o 5,10-metilenotetrahidrofolato, 5-metiltetrahidrofolato), e así ten actividade de vitamina equivalente á do ácido fólico. Como non necesita a acción da dihidrofolato redutase para a súa conversión, a súa función como vitamina non é afectada pola inhibición deste encima por fármacos como o metotrexato. Esta é a idea clásica da terapia de rescate do ácido folínico. Porén, na década de 1980 atopouse que o ácido folínico reactiva a propia dihidrofolato redutase mesmo cando esta presente o metotrexato.
Aínda que o mecanismo non está moi claro, a poliglutamilación do metotrexato e o dihidrofolato en células malignas considérase que xoga un importante papel na reactivación selectiva da dihidrofolato redutase polo ácido folínico en células normais.
O ácido folínico, polo tanto, permite certa sintese de purina/pirimidina cando hai inhibición da dihidrofolato redutase, de modo que poden producirse algúns procesos de replicación do ADN normais.
O ácido folínico ten isómeros dextrorrotatorios e levorrotatorios. Tanto a levoleucovorina (o isómero levorrotatorio) coma o ácido folínico racémico (unha mestura de ambos os isómeros) teñen unha eficacia e tolerabilidade similares. A levoleucovorina foi aprobada pola FDA en 2008.
Historia O ácido folínico descubrírono Sauberlich e Baumann como un factor de crecemento que era necesario para a bacteria Leuconostoc citrovorum en 1948. A isto se debeu que lle chamasen "factor citrovorum", o que significa factor de crecemento da bacteria citrovorum. Tiña unha estrutura descoñecida, pero atopouse que era un derivado do folato que tiña que ser metabolizado no fígado antes de que puidese apoiar o crecemento de L. citrovorum. A síntese do factor citrovorum por células hepáticas en cultivo puido realizarse finalmente a partir do ácido pteroilglutámico en presenza de concentacións axeitadas de ácido ascórbico. A adición simultánea de formato de sodio a ditos sistemas tivo como resultado o incremento da actividade do factor citrovorum nos sobrenadantes libres de células (producindo o que agora se coñece como derivado 5-formilo), e con este método de preparación de grandes cantidades do factor, deduciuse finalmente a súa estrutura como ácido levo-folínico (ácido 5-formil tetrahidrofólico).Rabinowitz, J. C., & Pricer Jr, W. E. (1956). Formimino-tetrahydrofolic acid and methenyltetrahydrofolic acid as intermediates in the formation of N10-formyltetrahydrofolic acid. Journal of the American Chemical Society, 78(21), 5702-5704.
Nomes O ácido folínico debería distinguirse do ácido fólico (vitamina B9). Porén, o ácido folínico é un vitámero para o ácido fólico e ten a actividade completa de dita vitamina. O ácido levofolínico e os seus sales son a forma 2S da molécula. Son as únicas formas da molécula que son activas bioloxicamente.
É xeralmente administrado como sales de calcio ou sodio: folinato de calcio (DCI), folinato de sodio, leucovorina de calcio, leucovorina de sodio.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas
Categoría:Adxuvantes quimioterápicos Categoría:Folatos Categoría:Medicamentos esenciais da Organización Mundial da Saúde