Xoán Bautista Pose Paz, nado nos Pasantes de Coucieiro (Muxía) en 1946, é un político galego do BNG.
Traxectoria Estivo emigrado en Suíza ata 1988, cando regresou a Muxía, logo de serlle implantada unha prótese nas cadeiras e pasar a ser pensionista. Nas eleccións municipais de 1991 encabezou a candidatura do BNG en Muxía, logrando 1 concelleiro e sendo chave de goberno entre o PSdeG e o PPdeG entón empatados a 6 concelleiros. Sorpresivamente logrou a alcaldía logo de que os concelleiros populares o apoiasen para evitar que o candidato socialista, e ata entón alcalde, Xesús María Barrientos continuase como rexedor. Desta forma gobernou cos concelleiros do PPdeG durante todo o mandato. Nas municipais de 1995 logrou 2 concelleiros, fronte aos 6 do PP e os 5 do PSdeG. Nesta ocasión pactou cos socialistas, polo que lle devolveu a alcaldía a Barrientos e pasou a se-lo primeiro tenente de alcalde. En setembro de 1995 Barrientos viuse obrigado a dimitir tras ser inhabilitado e chegou a un acordo cos socialistas para asumir de novo a alcaldía. Porén, a ausencia dun concelleiro socialista (que posteriormente pasaría ás filas populares), supuxo que a alcaldía pasase ao PPdeG como forza máis votada.
Nas municipais de 1999 pasou a 1 concelleiro, logrando o PPdeG a maioría absoluta. Nas municipais de 2003 repetiuse a mesma situación. Nas municipais de 2007 non volveu concorrer como candidato, abandonando a primeira liña política.
Véxase tamén
Outros artigos Eleccións municipais en Muxía
Ligazóns externas Entrevista en La Voz de Galicia
Categoría:Alcaldes de Muxía Categoría:Alcaldes de Galicia polo BNG Categoría:Alcaldes de Galicia durante a democracia Categoría:Nados en Muxía Categoría:Nados en 1946 Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes