Mari Luz Canaquiri Murayari, nada en Shapajilla, Parinari, no Departamento de Loreto o 18 de maio de 1974, é unha activista ambiental, produtora e líder indíxena pertencente á comunidade cocama. Debido ao seu labor na defensa do río Marañón, recibiu o galardón ambiental máis importante a nivel internacional: o Premio Medioambiental Goldman de 2025.

Traxectoria Mari Luz naceu na comunidade de Shapajilla, distrito de Parinari. Dende nena foi testemuña dos derramamentos de petróleo, das súas consecuencias na saúde do seu pobo e da morte da fauna base da súa alimentación.

Aos 13 anos deixou os estudos para apoiar á súa familia e traballou como ama de chaves e neneira na cidade de Iquitos.

Logo dun derramamento de petróleo no ano 2000, decidiu fundar a Federación de Mulleres Indíxenas Kukama - Huaynakana Kamatahuara Kana. Participou como expositora na Conferencia das Nacións Unidas sobre a Auga, en Nova York, emprendeu litixios ambientais e foi galardoada polo seu labor.

Federación de Mulleres Kukamas Logo dun derramamento de petróleo no ano 2000, Mari Luz e outros líderes reuníronse para organizarse fronte ao desastre. Ela notou a escasa visibilidade e participación de liderados femininos, polo que decidiu fundar a Federación de Mulleres Indígenas Kukama - Huaynakana Kamatahuara Kana (“Mulleres Traballadoras”, ou a HKK) en 2001.

A Federación, presidida por Canaquiri, promove a igualdade de xénero e o apoderamento feminino co fin de defender os seus corpos, os seus dereitos e o seu territorio.

Dende a súa fundación, a Federación medrou até articular 29 comunidades do pobo cocama, converténdose no referente máis forte da loita contra a contaminación e pola protección do río Marañón.

Karuara, la gente del río Mari Luz coproduciu e protagonizou o filme Karuara, la gente del río, o cal narra, dende unha perspectiva espiritual e profunda, que o río Marañón é un ser vivo no que habitan os espíritos karuaras.

Mediante este filme denuncia un xenocidio cultural e fai un chamamento á acción para salvar a Amazonía. Tamén convida a coñecer e comprender as tradicións e a conexión entre o pobo cocama e a selva.

O filme gañou os premios a Mellor Filme Peruano e Mellor Filme do Público no Festival de Cinema de Lima de 2024.

Conferencia da Auga En marzo de 2023, Mari Luz presentouse na Conferencia Mundial da Auga das Nacións Unidas, realizada en Nova York. Expuxo que, para a existencia das mulleres cocama, a auga era fundamental e que o río era sagrado. Pediu que se recoñezan as súas voces e o seu traballo, así como a loita que levan adiante polas vindeiras xeracións.

Participou na mesa “Colaboración Radical para a Resiliencia” e no evento “Dereitos da Natureza: A conexión que falta para mellorar e implementar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible sobre a Auga”.

O río Marañón como suxeito de dereito A Federación Huaynakana Kamatahuara Kana, liderada por Canaquiri, co apoio do Instituto de Defensa Legal e International Rivers e Earth Law Center, demandou ao Estado e ás autoridades peruanas polos danos causados ao río Marañón por mor dos múltiples derramamentos de petróleo do Oleoduto Norperuano, operado pola empresa Petroperú.

A demanda de 2021 procuraba que o río Marañón e os seus afluentes fosen recoñecidos como titulares de dereito para que se recoñecesen os seus dereitos a existir, fluír, apoiar a biodiversidade nativa e permanecer libres de contaminación, entre outros.

En 2024, o Xulgado Mixto de Nauta, en Loreto, decidiu recoñecer ao río Marañón como suxeito de dereitos inherentes; instou ás autoridades a protexer os dereitos do pobo cocama como representantes, gardiáns e defensores do río; e determinou que os responsables debían asumir compromisos medioambientais para garantir o axeitado transporte de hidrocarburos.

Porén, o Ministerio do Ambiente, a Autoridade Nacional da Auga e Petroperú presentaron apelacións para revogar a decisión. A Sala Civil da Corte de Loreto confirmou a sentenza de primeira instancia e estabeleceu que os dereitos recoñecidos ao río deben enmarcarse na súa protección, conservación, mantemento e uso sostible. Ademais, ordenou a Petroperú realizar un mantemento efectivo, inmediato e integral do Oleoduto Norperuano.

Este caso é considerado un fito na loita polos dereitos da natureza no Perú e o mundo, e serviu de inspiración para que outras comunidades indíxenas comezasen procesos semellantes.

Galardóns Premio Terre de Femmes Mari Luz Canaquiri gañou o Premio da Fundación Yves Rocher Terre de Femmes Internacional 2023.

Este recoñecemento significou para ela un alivio e a esperanza de que o traballo da Federación estaba sendo escoitado, e que lles daría forzas para seguir loitando polo río, os seus dereitos e o futuro da comunidade. Asemade, comentou que a comunidade nunca esperou un recoñecemento internacional porque no seu propio país non se lles dá ese espazo.

Premio Medioambiental Goldman En 2025, Canaquiri Murayari recibiu o "Premio Nobel Verde" polo seu traballo constante e prolongado á fronte da Federación de Mulleres Indíxenas Kukama, e a defensa dos dereitos ambientais que tivo como resultado a histórica sentenza xudicial que recoñeceu como suxeito de dereito ao río Marañón.

No seu discurso Mari Luz agradeceu aos seus pais polo seu exemplo no coidado da Amazonía; aos seus fillos e netos, que a acompañaron no seu traballo como líder indíxena; aos seus irmáns e irmás, que deron a vida na defensa da Nai Natureza, os seus territorios, ríos e a vida.

Tamén se pronunciou sobre a crise política que vive o Perú sinalando: “Estamos vivindo unha crise política moi grande. Foi moi duro facer chegar as nosas voces como mulleres indíxenas neste momento difícil. Temos unha mandataria autoritaria que está en contra dos pobos indíxenas, dos defensores e defensoras da nosa natureza. Hai políticos en contra da natureza, que poñen leis que a ameazan grandemente".

Notas

Categoría:Nados en 1974 Categoría:Pobo cocama Categoría:Ecoloxistas do Perú Categoría:Premio Medioambiental Goldman Categoría:Activistas do Perú Categoría:Mulleres líderes indíxenas Categoría:Activistas dos dereitos indíxenas