Manuel Ramón Conde Romero, nado en Redondela en 1950, é un político galego.

Traxectoria Nas eleccións municipais de 1983 encabezou a candidatura de Alianza Popular en Pazos de Borbén e foi elxido alcalde logo de impoñerse con maioría simple. Nas eleccións municipais de 1987 encabezou de novo a candidatura de AP e revalidou a alcaldía cunha amplísima maioría absoluta. Nas eleccións de 1991 e 1995, xa como Partido Popular, revalidou novamente a alcaldía con amplas maiorías absolutas. Foi deputado provincial dende 1987 ata 1995.

En outubro de 1998 foi designado candidato do Partido Popular á alcaldía de Redondela para as eleccións municipais de 1999, nas cales foi derrotado fronte ao socialista Xaime Rei. Nese mandato foi portavoz municipal e deputado provincial.

Logo de ser excluído polo partido como candidato, nas municipais de 2003 volveu como candidato á alcaldía de Pazos de Borbén á fronte da candidatura de Centristas de Pazos de Borbén. Con esta formación logrou 4 concelleiros, os mesmos que os seus excompañeiros do PP pero con menos votos. Na sesión de investidura ofreceu os seus votos ao candidato do BNG, pero este optou por absterse favorcendo que os populares continuasen gobernando en minoría. Nas municipais de 2007 encabezou novamente a candidatura de Centristas e logrou novamente 4 concelleiros, se ben nesta ocasión o PP alcanzou a maioría absoluta. En 2011 pasou de 4 a 3 concelleiros, manténdose na oposición logo de que os populares lograsen de novo a maioría absoluta.

En 2015 optou por non presentar candidatura, retirándose da primeira liña política. Nas municipais de 2019 regresou á política encabezando a candidatura de Ciudadanos en Pazos logrando 2 concelleiros, se ben o PP mantivo a maioría absoluta. Permaneceu como concelleiro e portavoz ata as municipais de 2023, tralas cales volveu retirarse da primeira liña política.

Véxase tamén Outros artigos Eleccións municipais en Pazos de Borbén

Categoría:Alcaldes de Pazos de Borbén Categoría:Alcaldes de Galicia polo PPdeG Categoría:Alcaldes de Galicia durante a democracia Categoría:Nados en Redondela Categoría:Nados en 1949