Finn Erling Kydland, nado en Ålgård o 1 de decembro de 1943, é un economista noruegués, coñecido polas súas achegas á teoría do ciclo económico real.
Foi distinguido co Premio Nobel de Economía en 2004, xunto con Edward C. Prescott, «polas súas contribucións á Macroeconomía dinámica: a coherencia temporal da política económica e as forzas impulsoras detrás do ciclo económico». Na actualidade é profesor de economía na Universidade de California en Santa Bárbara; anteriormente ensinou na Tepper School of Business da Universidade Carnegie Mellon.
Vida e formación Kydland medrou como o maior de seis irmáns na granxa familiar de Søyland, Gjesdal, na rexión agrícola de Jæren, no condado de Rogaland, Noruega. El mesmo lembra ter recibido unha educación liberal, sen moitas limitacións por parte dos pais. Comezou a interesarse polas matemáticas e a economía de mozo, ao levar a contabilidade da granxa dun amigo.
Graduouse na Escola Norueguesa de Economía (NHH) en 1968 e obtivo o doutoramento en economía na Universidade Carnegie Mellon en 1973 cunha tese titulada Planeamento macroeconómico descentralizado. Despois regresou á NHH como profesor axudante. En 1978 incorporouse de novo á Carnegie Mellon como profesor asociado e dende entón vive nos Estados Unidos. Dende 2010 é académico correspondente da Real Academia de Ciencias Económicas e Financeiras de España e preside o seu Observatorio de Investigación.
Carreira académica Os seus campos de especialización inclúen a economía xeral e a política económica. As áreas principais de docencia e investigación son os ciclos económicos, a política monetaria e fiscal, e a economía do traballo. Traballou na Carnegie Mellon ata o 1 de xullo de 2004, cando pasou á Universidade de California en Santa Bárbara. É tamén profesor asociado ad honorem na NHH, doutor honoris causa pola Universidade Torcuato Di Tella de Bos Aires, Arxentina, e consultor asociado de investigación nos Bancos da Reserva Federal de Dallas, Mineápolis e Cleveland.
Vida persoal Kydland casou con Liv Kjellevold en 1968, coa que tivo catro fillos. Actualmente está casado con Tonya Schooler.
Honras e premios
Premio Nobel de Economía (2004) Membro (Fellow) da Econometric Society (1992–presente) Bolsa nacional John Stauffer, Hoover Institution (1982–1983) Premio Alexander Henderson Award da Carnegie Mellon (1973) Membro da Academia Norueguesa de Ciencias e Letras. International Chamber of Commerce Oslo Business for Peace Award (2017)
Notas
Categoría:Nados en 1943 Categoría:Economistas de Noruega Categoría:Premio Nobel de Economía