O mazarico do campo (Bartramia longicauda) é un mazarico de gran tamaño, moi relacionado cos Numenius. É o único membro existente do xénero Bartramia. O nome do xénero déuselle en lembranza do naturalista americano William Bartram, mentres que longicauda significa en latín 'cola longa'.
Descrición
miniatura|esquerda|Ilustración de Naumann. Un exemplar adulto mide uns 30 cm de longo e ten unha envergadura de 66 cm. O seu peso medio é de 170 g. Esta estraña ave ten unha cabeza pequena como de pombo e pescozo longo. As ás e o dorso están moi xaspeados de negro e marrón. O pescozo ten manchas marróns escuras que continúan ata o peito e os flancos. O ventre e cobertoiras baixo a cola son brancas, e a cola é bastante longa para un mazarico. Ten un anel ocular branco e patas amarelas longas.
Distribución Reprodúcese desde o leste de Alasca pasando polo sueste das Montañas Rochosas a través de Montana ata o norte de Oklahoma e despois ao noroeste ata Pensilvania, Nova Inglaterra e o extremo sur de Quebec e Ontario. Hai tamén poboacións reprodutoras locais no noroeste de Oregón e a parte central oeste de Idaho. Pasa o inverno no noroeste de Arxentina, Uruguai e sur do Brasil. Tamén pode aparecer como ave vagante extremadamente rara en Europa (e pertence á fauna ibérica) e no Pacífico Sur, cun rexistro en Australia e outro en Nova Zelandia.
Hábitat Aínda que son mazaricos, prefiren o campo aberto con herbas altas aos hábitats costeiros, o cal explica o seu nome galego. Tamén se atopan nos aeroportos, granxas de arandos e minas ao aire libre abandonadas no leste. O seu verdadeiro hábitat básico é o do norte do medio oeste dos Estados Unidos.
Comportamento e dieta Busca alimento nos campos, localizando a comida pola vista. Poden ollarse frecuentemente en postes de valados e mesmo en postes de teléfono. Cando pousan, manteñen as ás erguidas durante algúns segundos. Están constantemente vixiando o horizonte por se apareceren intrusos. A súa dieta inclúe saltóns, grilos, gorgullos, escaravellos, avelaíñas, formigas, moscas, hemípteros, cempés, diplópodos, arañas, caracois e miñocas. Tamén comen algúns grans e outras sementes.
Todos os anos, entre setembro e outubro, algúns mazaricos do campo migran ás lagoas de Ozogoche, no sur de Ecuador. Centos deles baixan en picado e mergúllanse nas augas xeadas desas lagoas situadas a grande altura, onde morren de hipotermia. A explicación deste imprudente comportamento non se coñece.
Reprodución
miniatura|Ovo de Bartramia longicauda - MHNT Os mazaricos do campo poden ás veces atoparse en colonias de nidificación pequenas e pouco densas. A estación reprodutora é de inicios a finais do verán; sitúan os niños no chan en zonas de herba densa. Poñen 4 ovos. Ambos os proxenitores coidan dos fillos e poden realizar exhibicións de distracción para atraeren a outro lugar os predadores lonxe do niño ou das crías.
Vocalizacións
miniatura|Chamada da ave. O mazarico do campo pode identificarse por unha chamada distintiva, ás veces chamada "asubío de lobo", que consiste nun asubío longo e ascendente seguido dun segundo asubío ascendente ou descendente. Estes sons fanos a miúdo mentres está aterrando ou voando alto.
Conservación
A cantidade destas aves aumentou a medida que os bosques foron sendo cortados a inicios do século XIX, pero declinaron rapidamente a finais do século XIX debido a caza. Agora están regularmente presentes no medio oeste de Norteamérica, mais as súas poboacións son espalladas e escasas.
A perda do hábitat de pradeira é unha preocupación para a conservación destas aves. Ademais, observouse que nos campos onde pasta o gando redúcese a densidade de nidificación desta especie. Os incendios controlados poden beneficiar esta especie, xa que se alimenta de sementes de plantas de baixa altura que aparecen máis facilmente despois dun lume.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas
Bartramia longicauda - USGS Patuxent Bird Identification InfoCenter Upland Sandpiper Species Account – Cornell Lab of Ornithology
Categoría:Escolopácidos Categoría:Animais descritos en 1812 Categoría:Taxons descritos por Johann Matthäus Bechstein