Andrés Sánchez de Gres, nado a comezos do século XIV e finado en 1368, foi adiantado maior do Reino de Galicia e tenente de pertigueiro maior da terra de Santiago.
Traxectoria Era fillo de Alfonso Sánchez de Gres e Sancha Rodríguez de Bendaña. Mentres durou a guerra dos dous Pedros, Andrés mantívose xunto a Pedro I de Castela secundando os movementos de Fernando de Castro. Con el asistiu, ademais, ás vistas de Tejadillo en 1334.
Gozou dun importante patrimonio, no cal se contaban as fortalezas de Cira, Cambados e Rodeiro.
Contraeu matrimonio con María Álvarez de Moscoso, quen era curmá dos arcebispos de Santiago da segunda centuria de século. Tivo varios fillos, como María Sánchez, que casou co almirante Paio Gómez Chariño, e un novo Andrés Sánchez, que se uniu primeiro con Sancha de Soutomaior e logo con María de Novoa. Até é moi factible que tamén fose filla súa Teresa Sánchez, casada con Alfonso Gómez Churruchao.
No testamento ordenou que depositasen os seus restos no Convento de San Domingos de Bonaval, cidade de Santiago de Compostela, dentro da capela de San Bartolomeu que fixera para ese efecto. Morreu en 1368.
Notas
Véxase tamén Outros artigos Adiantado maior do Reino de Galicia
Categoría:Finados en 1368 Categoría:Adiantados maiores do Reino de Galicia Categoría:Nobres de Galicia do século XIV