Nova Escola Galega é un movemento asociativo de base que ten como finalidade impulsar o traballo de renovación pedagóxica e de galeguización lingüística e curricular do sistema educativo de Galiza, por medio da agrupación e cooperación de todos aqueles ensinantes e persoas sociais e colaboradoras que pretenden contribuír coa súa acción e reflexión á construción dun sistema educativo galego, público e democrático. Foi fundado o 11 de xuño de 1983 en Santiago de Compostela. Actividades Nova Escola Galega ten varios campos de acción: Colaboración ou creación de exposicións, congresos, xornadas e escolas de verán. Publicacións sobre sociolingüística e materiais curriculares. Publicación trimestral da Revista Galega de Educación. Colaboración en varios encontros, como os coñecidos encontros galego-portugueses de educadoras e educadores para a paz, ou os recentes sobre medios de comunicación. Existencia de grupos de traballo sobre diversos proxectos orientados a distintos niveis educativos (como o grupo Vieiros da escola, sección da publicación electrónica Vieiros). A Nova Escola Galega forma parte da Federación Internacional de Movementos de Escola Moderna (FIMEM), xa que unha fonte fundamental da súa inspiración ven do método pedagóxico de Célestin Freinet, que reivindica a pedagoxía popular e a educación cooperativa. Está tamén integrada na Confederación Española dos Movementos de Renovación Pedagóxica.

No ano 2012 foi recoñecida co Pedrón de Ouro, salientando a súa “vontade continuada no tempo a prol dunha educación ao servizo, en particular, da nenez e da mocidade en todos os niveis do ensino".

En 2024 foi Premio Rosalía de Castro de Lingua da Deputación da Coruña.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Páxina oficial "Normalización lingüística no ensino" , documento de abril de 2007. Vieiros da escola

Categoría:Asociacións de Galicia Categoría:Entidades de promoción do galego Categoría:Pedrón de Ouro Categoría:Asociacionismo no ensino