A mariquiña boreal (Parkesia noveboracensis) é unha especie de paseriforme migratorio que se alimenta no chan do xénero Parkesia. Reprodúcese na parte norte de América do Norte no Canadá e no norte dos Estados Unidos incluíndo Alasca, e pasa o inverno en América Central, as Antillas Menores e a Florida, así como en Venezuela, Colombia e Ecuador. É unha ave vagante rara noutros países de América do Sur e en Europa occidental. O seu parente máis próximo é Parkesia motacilla.

Taxonomía Esta especie foi descrita formalmente en 1789 polo naturalista alemán Johann Friedrich Gmelin na súa edición revisada e ampliada da obra de Carl Linné Systema Naturae. Situouna xunto coas lavandeiras no xénero Motacilla e acuñou para ela o nome binomial Motacilla noveboracensis. Gmelin baseouse na descrición da especie de autores anteriores, ningún dos cales lle puxera nome binomial. En 1778 o polígrafo francés Conde de Buffon describira a que chamou "La fauvette tacheté de la Louisiane" no seu libro Histoire Naturelle des Oiseaux. Publicouse separadamente un gravado coloreado a man de François-Nicolas Martinet para acompañar o texto de Buffon. A especie foi despois descrita co nome "New York warbler" polo ornitólogo inglés John Latham en 1783 e polo naturalista galés Thomas Pennant en 1785. Agora a especie está situada, xunto coa Parkesia motacilla, no xénero Parkesia, que foi creado en 2008 por George Sangster. O nome do xénero elixiuse para honrar o ornitólogo estadounidense Kenneth Carroll Parkes. O epíteto específico noveboracensis fai referencia a Nova York, Estados Unidos, e combina as palabras latinas novus, 'nova', e Eboracum, nome latino de York, Inglaterra. Latham mencionou que a especie se "atopara nos sebes da zona de Nova York". A especie considérase monotípica, é dicir, non ten subespecies.

Descrición É un parúlido grande cunha lonxitude de 12–15 cm, unha envergadura de 21–24 cm e un peso entre 13 e 25 g. Entre as medidas estándar, a corda alar é de 6,8 a 8,2 cm, a cola é de 4,5 a 5,7 cm, o bico é de 1,1 a 1,2 cm e o tarso é de 1,9 a 2,3 cm. Na cabeza, o píleo é marrón cunha sobrecella branca. O bico é agudo e escuro. A gorxa está lixeiramente manchada de marrón a negro con moitas manchas que continúan ata o peito e flancos. O dorso é totalmente marrón. Os sexos son similares morfoloxicamente. Os exemplares novos teñen partes inferiores beixes en troques de brancas. A canción de notas de píos claras, enfáticas e altas xeralmente faise máis aguda e acelerada; libremente repetida dúas ou tres veces, con poucas variacións. Fai unha chamada alta, como un son spuik duro ascendente cun forte son K. A chamada de voo é un zzip rumbante, de ton alto, lixeiramente ascendente. right|miniatura|Na illa Padre Sur, Texas Esta especie pode confundirse visualmente co seu parente próximo Parkesia motacilla, que ten flancos beixes, parte inferior da cola beixe e patas rosas brillantes. P. motacilla tamén ten unha gorxa máis branca con menos manchas. Pistas máis sutís que axudan a diferencialos son o menor tamaño e bico máis curto, unha liña ocular máis escura e máis estreita en P. motacilla e diferentes notas nas chamadas e distinto hábitat.

Ambas as especies de Parkesia camiñan en vez de ir choutando, e parecen balancearse, xa que menean a cola arriba e abaixo ao movérense.

Distribución e hábitat Os territorios da mariquiña boreal distribúense tanto en terras altas coma en hábitats de ribeira fluvial, pero non frecuentan moito as áreas cultivadas. A acumulación de moitos exemplares nas zonas de ribeira lindantes coas áreas cultivadas fai máis difícil atopar alimento se se comparan coa áreas non alteradas.

Nos terreos de invernada en Porto Rico, abandona as áreas onde buscou alimentación de día e voa a uns 2 km de distancia para pasar a noite pousada. Os pousadoiros adoitan estar situados en hábitats de mangleiros. Invernan en Porto Rico en catro hábitats principais: mangleiral branco, mangleiral vermello, mangleiral negro e zona arbustiva. Os machos, que son máis grandes e migran antes en primavera, prefiren invernar en mangleirais brancos, e poden manter ou gañar peso durante o inverno. As femias pasan o inverno noutros lugares máis secos e menos ricos en alimento. Durante o período non reprodutor, son fieis ao sitio e tenden a ser solitarios.

Ave vagante A primeira mariquiña boreal rexistrada en Europa foi unha femia atrapada en Ushant, Francia o 17 de setembro de 1955. A especie foi rexistrada por primeira vez no Reino Unido o 30 de setembro de 1958, en Saint Agnes, Illas de Scilly. Foi capturada nunha rede de néboa, fotografada e liberada, despois do cal permaneceu alí ata o 12 de outubro. Rexistráronse oito avistamentos entre 1958 e 2024. A especie está tamén incluída na lista das aves ibéricas. Un rexistro excepcional produciuse en Antofagasta, Chile.

Comportamento

Se pasan o inverno en mangleirais vermellos e negros e poden manter o seu peso corporal durante todo o inverno, pero perden peso se o pasan en zonas arbustivas. Outro determinante para o incremento de masa corporal nos territorios de invernada é a humidade do hábitat.

Reprodución

O hábitat reprodutor son os bosques húmidos preto da auga, especialmente ríos e regatos. Ás veces nidifica en zonas de terras altas facendo o niño nas raíces de árbores caídas. Constrúe un niño cupuliforme con follas, cachos de codias de árbores e raiciñas en cavidades entre as raíces das árbores.Easton, S.W. 1995. Northern Waterthrush (Seiurus noveboracensis). En: The birds of North America (A. Poole and F. Gill, eds.), no. 182. Academy of Natural Sciences, Philadelphia, PA, and American Ornithologists’ Union, Washington, D.C Pon de tres a seis ovos de cor crema ou beixes, con manchas marróns ou grises.

Alimentación

Aliméntanse no chan, comendo insectos, arañas, moluscos (como caracois), vermes, e crustáceos que atopan entre as follas caídas, así como peixes Leuciscinae, que atopan vadeando as augas.

Galería

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas

Smithsonian Migratory Bird Center - Northern waterthrush research Northern waterthrush - Seiurus noveboracensis - USGS Patuxent Bird Identification InfoCenter Datos sobre a mariquiña boreal – Cornell Lab of Ornithology

Bibliografía Libros Eaton, S. W. 1995. Northern Waterthrush (Seiurus noveboracensis). In The Birds of North America, No. 182 (A. Poole and F. Gill, eds.). The Academy of Natural Sciences, Philadelphia, and The American Ornithologists’ Union, Washington, D.C.

Teses de doutoramento

Craig RJ. Ph.D. (1981). COMPARATIVE ECOLOGY OF THE LOUISIANA AND NORTHERN WATERTHRUSHES. The University of Connecticut, United States, Connecticut. Gaudette MT. Ph.D. (1998). Modeling wetland songbird community integrity in central Pennsylvania. The Pennsylvania State University, United States, Pennsylvania. Powell KG. M.Sc. (2005). Songbird movement, relative abundance, and species composition in natural and managed forest landscapes in western Newfoundland. Acadia University (Canada), Canada. Ramos Olmos MA. Ph.D. (1983). SEASONAL MOVEMENTS OF BIRD POPULATIONS AT A NEOTROPICAL STUDY SITE IN SOUTHERN VERACRUZ, MEXICO. University of Minnesota, United States, Minnesota.

Artigos

Winker K, Warner DW & Weisbrod AR. (1992). The Northern Waterthrush and Swainson's Thrush as Transients at a Temperate Inland Stopover Site. In Hagan, J M Iii and D W Johnston (Ed) Ecology and Conservation of Neotropical Migrant Landbirds; Symposium, Woods Hole, Massachusetts, USA, December 6–9, 1989 Xiii+609p Smithsonian Institution Press: Washington, DC, USA; London, England, Uk Illus Maps 384–402, 1992.

Categoría:Parúlidos Categoría:Aves de América do Norte Categoría:Animais descritos en 1789 Categoría:Taxons descritos por Johann Friedrich Gmelin