A Organización Sindical Española (OSE), coñecida comunmente como Sindicato Vertical ou simplemente como Organización Sindical, ou pola abreviatura CNS, foi a única central sindical en España entre 1940 e 1977, durante o período da ditadura franquista.

Todos os traballadores e empresarios, quen pasaron a ser coñecidos como «produtores» na terminoloxía franquista, estaban obrigados por lei a se afiliaren ao Sindicato Vertical. A Organización Sindical foi estabelecida tras o final da guerra civil, ao tempo que organizacións sindicais anteriores como a anarquista CNT e a socialista UXT foron proscritas e pasaron á clandestinidade. Isto tampouco foi impedimento para que organizacións clandestinas como as Comisións Obreiras ou a Unión Sindical Obreira se infiltrasen no seu seo.

Tras a morte de Franco e o comezo da Transición, o goberno de Adolfo Suárez decidiu a disolución do Sindicato Vertical, xa moi afectado pola infiltración de Comisións Obreiras e a Unión Sindical Obreira. Con todo, mantívose a antiga estrutura sindical e foi reconvertida na Administración Institucional de Servizos Socioprofesionales (AISS). Dito organismo fíxose cargo do inmenso fondo documental e do patrimonio inmobiliario que posuía o Sindicato Vertical.

Historia

Orixes e creación miniatura|220x220px|Placa do Sindicato Vertical en Compostela. Tras o golpe de estado de xullo de 1936, desde o comezo da guerra civil as autoridades da zona sublevada decretaron a ilegalización das principais organizacións sindicais de clase. Foi o caso da anarquista Confederación Nacional do Traballo (CNT) e a socialista Unión Xeral de Traballadores (UXT). En 1938 as autoridades franquistas promulgaron o chamado Foro do Traballo, unha norma lexislativa que, imitando o modelo fascista italiano e a súa Carta del lavoro, sentaba as bases para a intervención estatal no mundo laboral. Esta lexislación tamén prevía a creación dunha nova organización sindical baseada no modelo corporativista dun sindicato vertical que agrupase traballadores e empresarios nunha mesma organización. A lei do 30 de xaneiro de 1938 creaba ademais o Ministerio de Organización e Acción Sindical, que se converteu no organismo estatal encargado das cuestións laborais e sindicais.

Un antecedente da Organización Sindical foi a Central Obreira Nacional-Sindicalista (CONS) fundada en 1935 por Falanxe Española das JONS. Porén, durante boa parte da súa existencia a CONS tivo unha influencia moi limitada. Despois de 1938 na OSE fusionáronse as organizacións obreiras próximas á Falanxe e as organizacións patronais. O obxectivo era organizar traballadores, técnicos e patróns nunha soa estrutura vertical, ideal similar ao fascista para alcanzar as relacións laborais propias dun estado corporativo. Contrastaba co ideal nacionalsindicalista da Falanxe que en teoría parecía quererse seguir, mais que nunca se aplicou. Na OSE todos os traballadores (chamados «produtores») e os seus patróns tiñan o dereito de elixir os seus representantes mediante eleccións. Aínda que o Sindicato Vertical comezou a ter certa actividade a partir de 1940, como resultado das lexislacións aprobadas ese mesmo ano pola ditadura, paradoxalmente non celebrou o seu primeiro congreso até marzo de 1961.

Primeiros anos miniatura|270x270px|Carné da CNS (1939). dereita|miniatura|Fonte construída en 1956 en Parada, Lobeira (Ourense). No contexto da primeira etapa do réxime (1939-1959), o 26 de xaneiro de 1940 promulgouse a chamada Lei de Unidade Sindical. Estabelecía que empresarios e traballadores se integrarían nunha única organización sindical baixo o mando de FET y de las JONS. O preámbulo da lei dicía:

O novo sindicato organizábase á súa vez en ramas de produción, cada unha das cales se denominaba Sindicato Nacional. Por outra banda, as localizacións xeográficas fixéronse chamar «Centrais Nacional-Sindicalistas». O conxunto de todo iso era a Organización Nacional-Sindicalista prevista polo Foro do Traballo de 1938, aínda que a partir dos anos 1940 empezou a ser chamada simplemente «Organización Sindical». Desde o comezo quedou claro que o Estado controlaba todo o sistema. O 6 de decembro de 1940, coa promulgación da Lei de Bases da Organización Sindical, fíxose implícita a afiliación forzosa de todos os traballadores e empresarios («produtores») do réxime baixo os principios de «verticalidade, unidade, totalidade e xerarquía». Como máis adiante manifestou un dos seus dirixentes,

Un dos posibles ámbitos de actuación sindical, a conflitividade laboral, quedou cernado. Isto debeuse a que o Foro do Traballo atribuía directamente ao Estado as competencias neste ámbito. Para estes casos creáronse as Maxistraturas de Traballo, que debían resolver os conflitos no caso de fracasar a conciliación sindical.

Gerardo Salvador Merino foi un dos primeiros xerarcas da Organización Sindical nun momento en que os sindicatos se atopaban en fase de formación. Salvador Merino era partidario dunha autonomía para os Sindicatos con respecto á Secretaría xeral do Movimiento e o aparello franquista. Esperaba poder crear un sindicalismo que constituíse unha parte fundamental do réxime. Ademais, Salvador Merino mantiña unha manifesta postura xermanófila e simpatizaba co modelo inspirado pola Fronte Alemá do Traballo. Con todo, estas posturas políticas xeráronlle gran número de inimigos dentro do aparello franquista. En setembro de 1941 foi relevado polas manobras na sombra dos seus rivais. Unha das razóns da súa destitución fora o pacto que subscribira o 21 de agosto co líder da Fronte Alemá do Traballo, Robert Ley, para enviar 100.000 traballadores a Alemaña, aínda que posteriormente o acordo sería renegociado e os traballadores reducidos a 15 000.

Manuel Valdés Larrañaga, un camisa vella fiel a Franco, converteuse no novo home forte dos sindicatos. Valdés levou a cabo unha reorganización da estrutura interna dos sindicatos, á vez que os impregnaba dun carácter máis conservador e relixioso. Consecuencia dos novos ventos que sopraban, os até entón revoltosos sindicatos volvéronse totalmente dóciles co poder. En teoría, dentro da Organización Sindical os traballadores e os patróns estaban nunha situación similar, aínda que as folgas estaban prohibidas e en moitas ocasións os conflitos coa patronal acababan en despedimentos masivos. Esta situación deuse no inicio da ditadura, en especial durante os anos 1940 e 1950. A figura do empresario viuse reforzada coa lexislación franquista e de feito, supúñase que os traballadores lles debían total lealdade, asistencia e protección a estes.

Durante a ditadura, debido ao sistema corporativista, os Sindicatos mandaban varios conselleiros ás Cortes Españolas en representación da Organización sindical, aínda que posteriormente tamén mandarían representantes («procuradores») ao Consello Nacional do Movemento e ao Consello do Reino. Desde o inicio estabeleceuse un sistema de eleccións para enlaces sindicais, pero os candidatos debían estar afiliados a FET y de las JONS e estaban sometidos a un estrito control por parte das autoridades. Por outra banda, todo o proceso electoral era controlado de xeito férreo desde as xefaturas sindicais. Nesa época a muller estaba totalmente excluída do mundo laboral e tampouco existía un sistema de subsidio por desemprego.

Aperturismo e infiltración da oposición miniatura|200x200px|Placa en Estepona que sinala as vivendas construídas polo Sindicato Vertical en 1964. A década de 1960 supuxo o inicio dunha certa apertura no ámbito interno de OSE. Desde 1944 celebrábanse eleccións sindicais para elixir os representantes e delegados sindicais. Desde 1954 deixou de ser necesario posuír un carné de FET y de las JONS para poder participar nelas. Non sería até despois de 1958, tras a aprobación da Lei de Convenios Laborais, que aumentou o interese e a participación dos traballadores nas eleccións a representante sindical. A iso uniuse unha certa apertura do aparello sindical nos procesos electorais, cun menor obstrucionismo do réxime cara ás candidaturas non oficiais. Desde o aparello sindicalista mesmo houbo un intento de atraer cara o seu seo antigos líderes anarcosindicalistas. Un dos artífices desta tímida apertura foi o xerarca sindical José Solís Ruiz, que con iso buscaba obter a aprobación da Organización Internacional do Traballo. Con todo, a Delegación Nacional de Información e Investigación dispuña de carta branca para investigar o pasado dos candidatos ás eleccións sindicais e de supervisar o propio proceso electoral.

A comezos dos anos 1960 o entón clandestino Partido Comunista de España decidiu implementar unha política de infiltración nos sindicatos verticais, en teoría para alcanzar os aumentos prácticos para as condicións dos traballadores. En realidade tratábase de aproveitar as estruturas do réxime para propiciar a súa caída desde dentro. De aí xurdiron as denominadas Comisións Obreiras, con figuras destacadas como Marcelino Camacho. Pola contra, sindicatos clandestinos como UXT ou CNT opuxéronse a esta política de infiltración. Outras organizacións como a Unión Sindical Obreira (USO), de inspiración cristiá, si apoiaron e participaron nestas accións.

Estas medidas aperturistas non lograron que a OIT dese o seu visto e prace. Ademais, atopáronse coa frontal oposición dos funcionarios tecnócratas da administración franquista. Malia que a burocracia falanxista viu na apertura unha posibilidade de ampliar as súas bases entre os obreiros, o experimento foi un fracaso e para 1967-1968 deuse por terminado. Nese contexto, Solís Ruiz non tivo inconveniente en apoiar a represión de Comisións Obreiras durante o período de estado de excepción decretado en 1968. Esta situación mantívose mesmo despois da aprobación da Lei sindical de 1971 o 17 de febreiro dese ano. Dita lei non supuxo ningunha innovación dentro dos Sindicatos Verticais e na práctica constituíu pouco máis que unha mera serie de normativas regulamentarias ou administrativas. Pola contra, a actividade sindical pasou a depender do Ministerio de Relacións Sindicais.

Malia as tímidas reformas emprendidas por José Solís, a OSE nunca chegou a contar coa aprobación da Organización Internacional do Traballo. Aínda que o sindicato mantivo unha época de distensión coa OIT durante a década de 1960, isto terminou en 1969, despois de o organismo internacional publicar ese ano un informe moi crítico coa situación laboral e sindical en España.

Durante os últimos anos da ditadura a Organización sindical perdeu boa parte da súa anterior forza, mentres que os sindicatos ilegais (especialmente CC.OO. e USO) fixéronse cada vez máis fortes. De feito, unha vez falecido Franco e até a supresión da OSE, a maioría dos empresarios preferían acordar convenios e pactos de empresa coa representación das organizacións sindicais clandestinas que cos representantes da OSE.

Transición e desaparición Tras a morte de Franco, nos primeiros meses de 1976 as forzas sindicais da oposición emprenderon unha importante campaña de mobilizacións que chegaron a sumar un total de 731 folgas. O extraordinario aumento na conflitividade laboral debíase en especial á crise do petróleo de 1973, cuns efectos que se sentiron durante os seguintes anos na economía e sociedade españolas. Tamén existía unha forte presión dos traballadores que demandaban abertamente unha representación sindical libre e democrática. Coas organizacións sindicais ilegais convertidas no principal actor da loita obreira, a existencia dos Sindicatos Verticais quedou aínda máis en dúbida.