dereita|miniatura|Nicho de Eladio de la Iglesia en Almeiras.
Eladio de la Iglesia Doldán, nado no Temple (Cambre) o 9 de novembro de 1925 e finado en Almeiras (Culleredo) o 23 de decembro de 1985, foi un mecánico e poeta galego.
Traxectoria
Fillo de Antonio de la Iglesia e Celia Doldán. Comezou a traballar de novo na fábrica de armas da Coruña como mecánico, e en 1956 emigrou a Venezuela, mais regresou ao ano seguinte a Santa Bárbara. En 1961 emigrou a Inglaterra e traballou na hostalaría. Regresou en 1966 e comezou como mecánico nunha empresa auxiliar de Aluminios de Galicia, Reimogasa, onde se xubilou.
Foi un dos fundadores da Sociedade Cultural e Social de Almeiras. Colaborou con outras asociacións como Chirlateira de Cedeira (publicou na súa revista Olláparo), Folerpa da Coruña ou Sementeira de Anceis. Formou parte da candidatura do BNG nas eleccións municipais de 1983 en Culleredo.
Morreu atropelado por un coche.
Obra
En 1959 comezou a enviar artigos e poemas ao periódico compostelán La Noche. De formación autodidacta, toda a súa obra agás dous poemas está escrita en lingua galega. Nun inicio a súa poesía falaba da xente que coñecía e da paisaxe da contorna vital, mais os textos escritos en Venezuela e Inglaterra mostran a súa saudade e a preocupación polas circunstancias da migración galega. Ao regresar, a súa poesía adquiriu unha maior carga social, en textos como “Obreiros e patróns”. Algúns dos seus poemas aparecen no libro O que di a gaita de Xosé Casal. En 1976 Casal gañou o VI Festival da Ría de Ares tras musicar o texto de Eladio de la Iglesia “Bandeira galega”. Tamén escribiu moitos poemas para eventos familiares como vodas ou bautizos, celebracións de Nadal ou aniversarios. Tamén lle dedicou poemas ao Centro Social de Almeiras, polo Día das Letras Galegas e o Entroido, así como o himno da sociedade. En 1986 editouse un libro póstumo Poesía, cunha biografía e unha escolma de poemas da súa autoría.
Homenaxes
O Concello de Culleredo dedicoulle unha rúa na parroquia de Almeiras, incluíuno na primeira entrega da publicación Persoas ilustres de Culleredo e rendeulle homenaxe en 1997 cunha pequena publicación titulada Eladio de La Iglesia. Poemas de Culleredo, que recolle varios poemas inéditos referidos a este municipio.
Vida persoal
En 1950 casou con Esperanza Álvarez, e foron pais de Carlos e Delfín de la Iglesia Álvarez.
Notas
Categoría:Nados en Cambre
Categoría:Nados en 1925
Categoría:Finados en 1985
Categoría:Finados en accidente de tráfico Categoría:Poetas en lingua galega