Liam Óg Ó hAnnaidh , nado en Belfast o 16 de outubro de 1997, é un rapeiro, actor, e activista irlandés máis coñecido polo seu nome artístico Mo Chara (que quere dicir "o meu amigo" en lingua irlandesa). É un membro fundador do grupo Kneecap, que rapea tanto en irlandés como en inglés e é coñecido polas súas letras provocadoras, activismo político e apoio á lingua irlandesa.
Traxectoria Kneecap Ó hAnnaidh cofundou Kneecap en 2017 con Naoise Ó Cairealláin (Móglaí Bap) e JJ Ó Dochartaigh (DJ Próvaí). O grupo gañou rapidamente notoriedade polas súas enérxicas actuacións, as súas letras satíricas e politicamente cargadas e a súa aceptación sen complexos da cultura xuvenil republicana irlandesa e da clase traballadora de Belfast. O seu sinxelo de estrea, "C.E.A.R.T.A.", foi lanzado en 2017, seguido dos álbums "3CAG" (2018) e "Fine Art" (2024), ambos os cales recibiron eloxios da crítica.
A música de Kneecap aborda temas como os dereitos lingüísticos irlandeses, o anticolonialismo, a clase social e o legado de Na Trioblóidí, «Os Problemas, a miúdo empregando o humor e a ironía. O grupo tamén se mostrou aberto no seu apoio ao nacionalismo palestino e estivo no centro dos debates públicos sobre a liberdade de expresión e a expresión política en Irlanda e no Reino Unido.
Cinema Ó hAnnaidh protagonizou unha versión ficticia de si mesmo no filme Kneecap (2024), unha comedia dramática dirixida por Rich Peppiatt que retrata o ascenso do grupo e o contexto cultural e político do Belfast contemporáneo. O filme, no que tamén participa Michael Fassbender, gañou varios premios e foi eloxiada pola súa autenticidade, humor e comentarios sociais.
Activismo político Ó hAnnaidh e Kneecap son coñecidos polo seu activismo en apoio da lingua irlandesa e do republicanismo irlandés, así como polas súas críticas ás políticas do goberno británico en Irlanda do Norte.
Tamén é coñecido polo seu firme apoio áos palestinos. Falou en contra da complicidade do Reino Unido no xenocidio de Gaza.
Cuestións legais Ó hAnnaidh foi acusado no Reino Unido en maio de 2025 dun delito relacionado co terrorismo por presuntamente ondear unha bandeira de Hezbollah nun concerto en Londres en novembro de 2024. Negou as acusacións, dicindo que a bandeira foi lanzada no escenario e que non apoia a Hezbollah. Ó hAnnaidh e o grupo afirmaron que "non apoian, nin nunca apoiaron, a Hamás nin a Hezbollah", condenaron todos os ataques contra civís e que as imaxes foron "sacadas deliberadamente de contexto" como parte dunha "campaña de desprestixio coordinada" polas súas críticas ao "xenocidio en curso contra o pobo palestino".
O delito pode levar aparellada unha pena de ata seis meses de prisión ou unha multa e será un xuíz de distrito, non un xurado, quen decida o caso. Compareceu no Xulgado de Maxistrados de Westminster o 18 de xuño de 2025 e foi posto en liberdade baixo fianza incondicional, coa previsión de que regrese para unha nova audiencia o 20 de agosto de 2025. Tras a comparecencia ante o tribunal, o primeiro ministro británico Keir Starmer declarou a The Sun que non consideraba apropiada a actuación prevista de Kneecap no Festival de Glastonbury o 28 de xuño, citando a gravidade da acusación e os procedementos legais en curso. A banda respondeu: «Sabes o que non é "apropiado", Keir? Armar un maldito xenocidio. Que lle dean a "The Sun", e solidariedade con Palestine Action».
Volveu ao xulgado o 20 de agosto de 2025, onde a súa defensa argumentou que a acusación se presentou demasiado tarde, xa que foi acusado formalmente o 22 de maio de 2025, un día despois do límite legal de seis meses. A fiscalía argumentou que a acusación se presentou o 21 de maio, dentro do prazo establecido. O caso adiouse e a decisión está prevista para o 26 de setembro de 2025. Solicitou e concedéronlle un intérprete de lingua irlandesa, malia que podía falar inglés con fluidez.
Vida persoal Ó hAnnaidh medrou no oeste de Belfast, unha área cun forte movemento de rexurdimento da lingua irlandesa e unha historia de activismo político. Fala irlandés e inglés con fluidez e está considerado unha figura destacada na escena musical contemporánea en lingua irlandesa.
Filmografía Kneecap (2024) – como el mesmo
Notas
Categoría:Nados en 1997 Categoría:Nados en Belfast Categoría:Actores de Irlanda do Norte Categoría:Cantantes de Irlanda do Norte