O Santuario da Nosa Señora do Sameiro (en ), tamén chamado Santuario do Sameiro ou Santuario da Inmaculada Concepción do Monte do Sameiro, é un santuario mariano localizado en Braga, no Cávado (Rexión Norte).

O santuario foi fundado polo vicario de Braga, o padre Martiño Antonio Pereira da Silva, natural de Semelhe, que en 1869 fixo colocar no cumio do monte unha imaxe da Nosa Señora da Concepción. Este templo constitúe un dos maiores centros de devoción mariana de Portugal, xunto co Santuario de Fátima, na Cova da Iria, e o Santuario da Nai Soberana, en Loulé.

Concluído xa entrado o século XX, destaca no seu interior o altar maior en granito branco puído, ben como o sagrario de prata. Fronte ao edificio érguese unha impoñente e vasta escalinata, que conta no seu cume con dous altos piares: o primeiro deles soporta unha estatua da Virxe María, e o segundo unha do Sagrado Corazón de Xesús.

Historia O 14 de xuño de 1863 púxose a primeira pedra para un monumento en honra da Inmaculada Concepción de María no monte Sameiro, que na actualidade se atopa en Santa Marta das Cortizas (Esporões). Este monumento foi beicido e inaugurado o 28 de agosto de 1869, cunha imaxe de Emidio Carlos Amatucci. Porén, a construción dunha capela non se iniciou até o 31 de agosto de 1873, en conmemoración do Concilio Vaticano Primeiro e o dogma da infalibilidade pontificia. Posteriormente, o 8 de agosto de 1877, establecéronse os estatutos da Confraría da Inmaculada Concepción do Monte Sameiro. Un ano despois, o 7 de agosto de 1878, chegou a Braga a imaxe da Nosa Señora do Sameiro, obra do escultor italiano Eugenio Maccagnani. Non obstante, non chegou a instalarse no interior da capela até o 29 de agosto de 1880, un día despois de ser consagrada.

Tres anos despois, o día 9 de xaneiro, o monumento foi destruído por causas descoñecidas. As teorías varían entre o efecto dun raio, un temporal que afectou a unha estrutura xa precaria, ou un acto de vandalismo. Iniciouse así o proceso de creación dun novo monumento, inaugurado definitivamente o 9 de maio de 1886. O 31 de agosto de 1890 principiou a construción do actual santuario, que o 12 de xuño de 1904 foi coroado por Xosé Macchi, delegado especial do papa Pío X.

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Outros artigos Santuario do Bom Jesus do Monte

Categoría:Wikipedia:Páxinas con mapas Categoría:Wikipedia:Artigos con coordenadas en Wikidata Categoría:Basílicas de Portugal