Lepomis macrochirus é unha especie de peixe de auga doce de América do Norte, que vive en regatos, ríos, lagos, lagoas e zonas húmidas ao leste das Montañas Rochosas. É a especie tipo do xénero Lepomis, da familia Centrarchidae.

Poden medrar ata os 41 cm de longo e pesar uns 2,0 kg. Aínda que a súa cor pode variar de poboación en poboación, normalmente teñen unha cor moi distintiva con cara e opérculo de cor azul intensa e púrpura, bandas oliváceas polos flancos e unha barriga de laranxa forte a amarela. Son omnívoros e comen calquera cousa que lles caiba na boca, pero principalmente pequenos insectos acuáticos e pequenos peixes. Son á súa vez depredados polos peixes Micropterus, outros centrárquidos máis grandes, Esox lucius e Esox masquinongy, Sander vitreus, troitas, garzas, picapeixes, tartarugas mordedoras e londras, e exercen unha función clave na cadea trófica do seu ecosistema de auga doce.

É un peixe popular entre os pescadores de cana que xeralmente se esconde arredor ou dentro de troncos vellos ocos e doutras estruturas mergulladas en pantanos, e pode vivir en augas profundas ou pouco profundas. Tamén gostan de refuxiarse entre plantas acuáticas e na sombra de árbores das ribeiras, movéndose dun refuxio a outro dependendo do momento do día ou da estación do ano.

Descrición Ten un longo apéndice negro (a "orella") a cada lado da beira posterior do opérculo así como unha característica mancha na base da aleta dorsal. Os lados da cabeza e queixo son normalmente de tons escuros ou azuis, o que explica o nome local que lle dan en Norteamérica, bluegill (branquias azuis). A súa coloración precisa varía debido á presenza baixo a pel de cromatóforos controlados neuralmente. Normalmente exhibe de 5 a 9 barras verticais nos flancos do corpo inmediatamente despois de ser capturado, que forman parte da súa exhibición de ameaza. Tipicamente ten un peito e abdome amarelado, que no macho reprodutor é laranxa brillante. Ten tres espiñas na aleta anal, de dez a doce raios na aleta anal, de seis a trece espiñas na aleta dorsal, de once a doce raios dorsais, e de doce a trece raios pectorais. Caracterízase por ter un corpo alto e comprimido lateralmente. Teñen boca terminal, escamas ctenoides e unha liña lateral que está arqueada cara a arriba na parte anterior.Sublette, J. E., M. D. Hatch, and M. Sublette. 1990. University of New Mexico Press, Albuquerque. 393 pp

O seu tamaño normalmente está entre 10 e 30 cm, e chega a un tamaño máximo duns 41 cm. O máis grande pescado foi un exemplar de 2,2 kg en 1950.Ross, S. T. 2001. The Inland Fishes of Mississippi. University Press of Mississippi, Jackson. 624 pp

Os peixes cos que máis está emparentado son os Lepomis humilis e os Lepomis microlophus, pero diferéncianse pola mancha preto da base da aleta dorsal branda.

Posibles subespecies Ás veces a especie divídese en tres subespecies, pero a súa validez é moi discutida. Estas son: a subespecie do norte L. m. macrochirus, a de nariz de cobre L. m. purpurascens e a subespecie do sur L. m. speciosus.

Distribución e hábitat miniatura|Exemplar pescado no lago Lanier. miniatura|Exemplar de L. m. purpurascens na Florida.

Vive como nativo nos Estados Unidos ao leste das Montañas Rochosas desde as costas de Virxinia ata as da Florida, e polo oeste chega ata Texas e norte de México, e polo norte ata o oeste de Minnesota, Nova York e sur de Ontario. Foi introducido en moitos lugares de América do Norte e Europa, Suráfrica, Zimbabwe, Asia, América do Sur e Oceanía. Tamén se atoparon na baía de Chesapeake, o que indica que pode tolerar un 1,8 % de salinidade.Schultz, Ken. Ken Schultz's Field Guide to Freshwater Fish. Hoboken, NJ: J. Wiley & Sons, 2004

Nalgúns lugares nos que foi introducido considérase unha praga: o comercio desta especie está prohibido en Alemaña e o Xapón. No caso do Xapón, exemplares deste peixe déronse como agasallo ao entón príncipe coroado Akihito en 1960, ofrecido por Richard J. Daley, alcalde de Chicago. O príncipe doou o peixe ás axencias de investigación de pesquerías do Xapón, desde onde o animal conseguiu escapar e acabou converténdose nunha especie invasora na natureza que causa estragos nas especies nativas, especialmente no lago Biwa. Akihito despois mesmo pediu perdón.McCurry, Justin (26 de novembro de 2007). "Japan in culinary offensive to stop spread of US fish". The Guardian.

Viven en augas pouco profundas de moitos lagos e lagoas, xunto con regatos, ríos pequenos e grandes. Prefire augas con moitas plantas acuáticas, e escóndese en ou preto de tronco caídos, vexetación acuática ou outras estruturas (naturais ou feitas polo home) que están mergulladas. Poden atoparse a miúdo en leitos de vexetación acuática, onde buscan comida ou desovan.Lee, D. S. 1980. Lepomis macrochirus (Rafinesque 1819), Bluegill. pp. 597 in D. S. Lee, et al. Atlas of North American Freshwater Fishes. N. C. State Mus. Nat. Hist., Raleigh, 854 pp No verán, os adultos trasládanse a augas profundas abertas onde quedan suspendidos xusto baixo a superficie e aliméntanse de plancto e outras criaturas acuáticas. Tratan de pasar a maior parte do tempo en augas a temperaturas entre 16 e 27 °C, e adoitan ter unha área para vivir de 30 m2 durante os meses non reprodutores. Gostan da calor, pero non da luz solar directa; normalmente viven en augas máis profundas, pero pasan tempo preto da superficie polas mañás para quecer. Adoitan atoparse en bancos de 10 a 20 exemplares, e estes bancos a miúdo inclúen outros pequenos peixes, como Pomoxis sp., Lepomis gibbosus e Micropterus dolomieu.Paulson, Nicole, and Jay T. Hatch. "Fishes of Minnesota – Bluegill." GC 1112 Welcome. Minnesota Department of Natural Resources, 18 de xuño de 2004. Web. 04 May 2011.

Ecoloxía miniatura|Macho. A dieta dos individuos xoves consiste en rotíferos, copépodos, pulgas de auga e insectos (principalmente quironómidos). A dieta do adulto consiste en larvas de insectos acuáticos (efémeras, tricópteros, libélulas), mais tamén pode incluír insectos terrestres, zooplancto, camaróns, cangrexos, samesugas, outros vermes, caracois e outros pequenos peixes (como os Leuciscinae).Carlander, K.D. 1997. Handbook of freshwater fishery biology. Volume 2. Life history Data on centrarchid fishes of the United States and Canada. Iowa State Univ.Press, Iowa. Se escasea a comida, tamén come vexetación acuática e algas, e se é aínda máis escasa, mesmo comen os seus propios ovos ou crías. Como pasa gran parte do tempo preto da superficie da auga, pode tamén alimentarse de insectos da superficie. A maioría deste peixes aliméntanse durante as horas diúrnas, principalmente pola mañá e no serán (cun pico máximo no serán). A elección do lugar onde se alimentan adoita ser un balance entre a abundancia de comida e de predadores que haxa no lugar. Utilizan as branquiespiñas e bandas de pequenos dentes para inxerir a comida. Durante os meses de verán, xeralmente consomen o 3,2 % do seu peso corporal en alimento por día. Para capturaren as presas, usan un sistema de succión no cal aceleran a auga na súa boca. As presas entran na boca con esta auga que absorben. Só poden succionar unha cantidade limitada de auga, así que as súas presas deben estar a unha distancia de non máis de 1,75 cm.

Á súa vez, os L. macrochirus son as presas de moitas especies máis grandes, como Micropterus nigricans, Micropterus dolomieu, Morone saxatilis, troitas, Esox masquinongy, tartarugas, Esox lucius, Perca flavescens, Sander vitreus, siluriformes e mesmo outros exemplares máis grandes da súa propia especie. As garzas, picapeixes, e londras tamén se observaron capturándoos en augas pouco profundas. Porén, a forma do peixe fai que sexa difícil de tragar. Tamén se cre que os mapaches son un dos seus predadores.

Adaptacións

Teñen a capacidade de nadar e cambiar de dirección a gran velocidade por medio de movementos sincronizados das aletas. Usan as aletas caudais amosegadas, as aletas dorsais brandas, as ondulacións do corpo e as aletas pectorais para movérense cara adiante. Poden acelerar rapidamente. A velocidade á que se moven cara adiante depende da forza coa cal fan os movementos de abdución e adución das aletas. O seu corpo plano e delgado diminúe a resistencia á auga e permite que corten a auga eficazmente. As aletas pectorais grandes e flexibles permítenlle acelerar rapidamente. Esta gran manobrabilidade facilítalles a busca de alimento e escapar dos predadores con grande éxito. Teñen un sistema da liña lateral e un oído interno que actúan como receptores das vibracións e cambios de presión na auga. Porén, dependen moito da vista para atopar alimento. A súa visión é óptima nas horas diúrnas. A boca é moi pequena e require o uso da farinxe para succionar as presas.Swingle, H. S. and E. V. Smith. 1943. Factors affecting the reproduction of bluegill bream and large black bass in ponds . Ala. Poly-Tech. Inst. Agr. Exp. Stn. Circ. 87:8

Natación normal e cara atrás

Esta especie depende da flexibilidade das súas aletas para manter a manobrabilidade en resposta ás forzas do fluído. A segmentación dos raios da súa aleta pectoral mitiga os efectos de forzas fluídas no movemento do peixe. Ten diversas adaptacións pouco comúns grazas ás que pode navegar en diferentes ambientes. En condicións nas que está privado de varias capacidades sensoriais, utiliza as aletas pectorais para a navegación. Por exemplo, se a información visual e da liña lateral están comprometidas, pode utilizar as aletas pectorais como mecanosensores ao dobrárense as aletas cando o peixe entra en contacto co seu ambiente. Na natación normal cara adiante utiliza a aleta caudal, a dorsal e a anal. Os músculos da aleta caudal son importantes na natación lenta e tamén para iniciar a acelerar ao nadar. As aletas dorsal e anal son dous tipos de aletas medias que funcionan en paralelo para equilibraren o torque durante a natación estable.

Cando nada cara atrás, utiliza un conxunto de músculos das aletas localizados en varias partes do corpo. A natación cara atrás é máis complexa que a natación estable, xa que non é simplemente o inverso da natación cara adiante. O peixe utiliza as aletas pectorais para realizar un batido rítmico mentres que as aletas dorsal e anal producen momento para pular o peixe cara atrás. O batido rítmico das aletas pectorais é asimétrico e axúdalle a equilibrarse no seu lento movemento cara atrás.

Resposta de escapar

Igual que moito outros peixes, realiza unha resposta de escape poñendo inicialmente o corpo en forma de C, que é xerada por grandes neuronas chamadas células de Mauthner. Estas células funcionan como un centro de mando par a resposta de escapar e responden rapidamente unha vez que se activa a vía neural por algún estímulo inicial. As células desencadean a contracción dos músculos que dobran o corpo do peixe que toma forma de C para despois axudaren na propulsión ao escapar dun predador. A traxectoria que inicia en posición C é moi variable, e o peixe pode alterala en cada momento. Debido a esta alta variabilidade, os predadores teñen poucas posibilidades de aprenderen unha técnica de predación eficaz para capturalo. A resposta de escapar iniciando co corpo en forma de C ten outras vantaxes, como a capacidade de moverse rapidamente e de forma impredicible para capturar presas.

Hidrodinamicamente, L. macrochirus mostra padróns de flotación específicos que acompañan a súa resposta de escape iniciando en posición en C. A aleta caudal é a fonte principal do momento en modelos cimemáticos típicos desta resposta, pero L. macrochirus consegue a maior parte do seu momento do dobramento do seu corpo asociado coa resposta, así como das súas aletas dorsal e anal. O papel das aletas dorsal e anal como propulsores durante a resposta de escape suxire que o tamaño das aletas podería dar unha vantaxe evolutiva ao escapar dos predadores.

Reprodución e estilo de vida