miniatura|300x300px|Os españois republicanos e antifascistas prisioneiros en Mauthausen despregan unha pancarta para saudar aos Aliados que acababan de liberar o campo de concentración nazi: «Os españois antifascistas saúdan ás forzas liberadoras». A oposición ao franquismo de 1939 a 1945 constitúe o primeiro período da historia da oposición ao franquismo e abrangue desde o final da guerra civil española en abril de 1939 até o final da segunda guerra mundial en Europa en maio de 1945. Pódese dividir en dúas etapas: unha primeira de reorganización e de resistencia (1939-1942) e unha segunda de renacemento e de procura da unidade para presentar unha alternativa á ditadura de Francisco Franco ante a inminente vitoria dos Aliados na segunda guerra mundial (1943-1945).
Reorganización e resistencia (1939-1942)
A presión dos monárquicos: o «manifesto de Xenebra»
miniatura|Xoán de Borbón e Battenberg, pretendente ao trono de España e autor do «Manifesto de Xenebra». Xoán de Borbón apoiou o réxime franquista nos seus primeiros anos. Isto era coherente coas súas conviccións políticas, pois durante a República mantivera relacións estreitas coa dereita de Acción Española (un dos fundadores, Eugenio Vegas Latapié, foi o seu conselleiro durante moitos anos) e co seu aliñamento co bando sublevado durante la guerra civil. Ao termo desta envioulle un telegrama ao xeneral Franco felicitándoo pola súa vitoria que acababa co lema falanxista «Arriba España». Franco contestoulle facendo referencia aos dous intentos de Xoán para loitar no bando sublevado: «éme grato recordar que entre esa xuventude admirábel intentastes formar, solicitando reiteradamente un posto de soldado».
A identificación cos vencedores volveuse pór de manifesto en xaneiro de 1941 con motivo da aceptación da abdicación do seu pai o rei Afonso XIII nunha cerimonia celebrada en Roma. Nela fixo referencia á guerra civil como «esta Gran Cruzada Nacional». Volveuse repetir durante o acto relixioso celebrado en Roma o 1 de marzo de 1942 en conmemoración do primeiro cabodano do seu pai, durante o cal pronunciou un discurso moi próximo aos principios do franquismo: «Debemos facer hoxe fronte á revolución roxa cunha política racial militante, chea de espírito cristián e implantada con xustiza, con xenerosidade e con autoridade».
A principios de 1941 Xoán buscou o apoio da Alemaña nazi para a restauración da monarquía. En abril un representante seu viaxou a Berlín para estabelecer enlace directo co Ministerio de Asuntos Exteriores alemán. O representante do ministro von Ribbentrop contestoulle que Alemaña non estaba interesada na proposta, aínda que mantería boas relacións cun goberno «nacional» que puidese estabelecerse en Madrid. Malia o fracaso da viaxe, mantivéronse os contactos coa Alemaña nazi nos meses seguintes, despois de Xoán trasladarse de Roma a Lausana.
Pola súa banda os militares monárquicos comezaran a facer presión a Franco para que dese paso á monarquía unha vez superada a crise de maio de 1941. En xullo dese ano formaron unha xunta integrada por cinco xenerais presidida polo xeneral Luis Orgaz, Alto Comisario Español en Marrocos. Os outros eran Andrés Saliquet, capitán xeneral da I Rexión Militar (Madrid); José Solchaga, capitán xeneral da VII Rexión Militar (Valladolid); Alfredo Kindelán, capitán xeneral da IV Rexión Militar; e o xeneral Antonio Aranda, cerebro da conspiración.
O 1 de agosto Orgaz foi ver a Franco, a quen lle pediu que relevase a Serrano Suñer, abandonase a «non belixerancia» e restaurase a monarquía. No mesmo sentido expresouse o xeneral Aranda, quen tamén foi recibido por Franco. Este respondeu que necesitaba tempo, porque destituír de inmediato a Serrano Suñer desataría unha grave crise política. Na conspiración estaban implicados en maior ou menor medida outros militares e tamén destacados políticos monárquicos, como Julio López Oliván —quen desde Suíza exercía de enlace entre a xunta e Xoán de Borbón—, Pedro Sainz Rodríguez —quen xunto cos xenerais Kindelán e Aranda constituía o grupo dirixente da conspiración— e Eugenio Vegas Latapié. Posteriormente tamén lles deu o seu apoio José María Gil Robles desde o exilio.
Vegas Latapié organizou en setembro en Bilbao un banquete monárquico no que o aviador José Antonio Ansaldo pronunciou «un brinde inxurioso contra Franco», ao consideralo o principal obstáculo para a restauración da monarquía. Os conspiradores estaban convencidos de que dun momento a outro se ía producir a invasión alemá de España. Pensaban responder a esta formando un goberno provisional no protectorado español de Marrocos que pediría a axuda do Reino Unido, ao que lle proporcionarían bases nas illas Canarias. Con todo, existían numerosas discrepancias sobre a composición do hipotético goberno provisional, con predominio dos militares (como defendía Aranda) ou dos civís (como propugnaba Sainz Rodríguez) e os seus obxectivos. Aranda contentábase con disolver a Falanxe e Sainz Rodríguez defendía a restauración da monarquía.
Ante a ofensiva dos monárquicos, o 30 de setembro Franco envioulle unha carta a Xoán de Borbón na que lle dicía que consideraba a monarquía como a culminación da obra do Movimiento, e que ese era «o único camiño» para a «instauración» —non restauración— do «Réxime tradicional, do que para min sodes o único e lexítimo representante». Na súa resposta Xoán coincidía con Franco:
«faise preciso realizar en España a fecunda revolución que supón o retorno ao que foi e é especificamente o noso sentido relixioso da vida, incluído o social e a reafirmación do núcleo familiar, das corporacións profesionais e da vida local».
Así mesmo, reclamoulle a formación inmediata dunha rexencia que organizase o tránsito cara ao «Estado monárquico, con tempo suficiente para que poida ouvirse a súa voz nesta contenda de Europa contra o comunismo empezada en España en 1936 en defensa e para a expansión dos máis sacros valores patrios».
Na reunión que mantiveron o 22 de novembro varios dos conxurados abandonouse a idea de formar un goberno ou xunta provisional. No seu lugar, apoiaron a constitución dun consello de rexencia que asegurase a restauración da monarquía. Como isto significaba apartar a Franco do poder, varios xenerais retiráronse. Por outra banda, o goberno británico, con cuxo respaldo contaran até entón, tampouco quixo comprometerse no derrocamento de Franco. Desta forma a conspiración perdeu forza. esquerda|miniatura|250x250px|O USS Arizona durante o ataque a Pearl Harbor. En decembro de 1941, tras o fracaso alemán na toma de Moscova e a entrada na guerra dos Estados Unidos a causa do ataque xaponés a Pearl Harbor (aplaudido polo goberno español mediante un telegrama de felicitación a Tokyo), os xenerais volveron facer presión a Franco na reunión do Consello do Exército do día 15. O portavoz, o xeneral Kindelán, presentou un informe sobre a grave situación interna culpando dela á inepta e corrupta burocracia falanxista. Tamén cuestionou a dura política represiva que aínda se mantiña e pediu que se usasen os tribunais militares. Pediulle a Franco, ademais, que se desvinculase da Falanxe e que deixase a xefatura do goberno a outra persoa. Porén, Franco logrou conxurar o risco da situación amparándose en escusas sobre os perigos externos, as dificultades de cubrir cargos importantes tras as baixas na Guerra Civil e as dificultades materiais que atravesaba España. Kindelán non quedou convencido e nun discurso pronunciado o 26 de xaneiro do ano seguinte na Capitanía Xeral de Barcelona pediu a Franco a restauración da monarquía como único medio para conseguir a conciliación entre os españois. Franco, furioso, non reaccionou de inmediato e preferiu esperar. En xuño de 1942 comezou a actuar e obrigou a abandonar o país a Sainz Rodríguez e a Vegas Latapié, os dous xefes civís da conspiración.
Nas súas primeiras declaracións oficiais en marzo de 1942, Xoán de Borbón dixo:
«Hoxe, como outrora, a Coroa está por riba dos intereses de partido ou de clase e, allea a todo espírito de rancor ou de represalia, pode serenamente encarnar a xustiza necesaria para restabelecer a unidade moral da Patria española».
En maio Franco respondeulle mediante unha carta que a revolución nacional que encarnaba o seu réxime entroncaba coa tradición da «monarquía revolucionaria» dos Reis Católicos e de Filipe II, á que contrapuña coas decadentes monarquías posteriores.
A finais de 1942 Xoán de Borbón manifestou por primeira vez de xeito público a súa aspiración a ocupar o trono de España e iniciou o distanciamento co réxime. O 11 de novembro de 1942, só dous días despois do inicio do desembarco aliado en Marrocos e en Alxeria, o xornal suízo Journal de Genève publicou unhas declaracións súas que serían coñecidas como o Manifesto de Xenebra. Tras asegurar que a monarquía sería restaurada e que non vacilaría en porse ao seu servizo, dixo: «A miña suprema ambición é a de ser o rei dunha España na cal todos os españois, definitivamente reconciliados, poderán vivir en común». Así, fronte a tese que sostiñan Franco e o seu asesor o capitán de navío Luis Carrero Blanco, da monarquía como continuidade do réxime, Xoán de Borbón expoñíaa como alternativa ao mesmo. Presentábase como un home que anhelaba ser o rei de todos os españois e non só dun bando, e que buscaba a reconciliación da nación, eliminando as causas que a dividían. Xoán de Borbón fixo estas declaracións porque temía que a política exterior de Franco, pouco compatíbel coas obrigas da neutralidade na Segunda Guerra Mundial, puidese levar a consecuencias perigosas para o futuro de España. miniatura|215x215px|Manuel González Hontoria, membro do comité monárquico formado en marzo de 1943 para promover a causa de Xoán de Borbón. Segundo Hartmut Heine, «o manifesto de Xenebra foi como un chamamento aos partidarios do pretendente a que apoiasen a súa causa con maior vigor có que manifestaran no pasado, e algúns deles responderon a ese sinal». Así, o mesmo día en que apareceu o «manifesto de Xenebra» o xeneral Kindelán entrevistábase con Franco en Madrid para pedirlle no seu nome e no do resto de xenerais monárquicos (Gómez-Jordana, Dávila, Aranda, Orgaz, Vigón e Varela) que proclamase a monarquía e se declarase rexente. Franco, conciliador e arteiro, negou calquera compromiso formal co Eixo. Así mesmo, afirmou que non desexaba permanecer máis do necesario nun cargo que cada día atopaba máis desagradábel e confesou que quería que o sucedese Xoán de Borbón. Dous meses despois destituíu ao xeneral Kindelán do seu posto de Capitán Xeneral de Cataluña e nomeouno director da Escola Superior do Exército, que non tiña mando directo sobre tropas. Foi substituído polo falanxista xeneral Moscardó.
Na primavera de 1943 viuse a primeira mostra da campaña semiclandestina que se desenvolveu a favor de Xoán de Borbón. Apareceron en Madrid uns panfletos, imitando as taxetas postais, nas que aparecía unha foto e a biografía do pretendente, xunto cun fragmento do discurso da primavera de 1942. Por esas datas formouse un comité monárquico integrado por Alfonso García Valdecasas, Germiniano Carrascal, Joan Ventosa, Manuel González Hontoria e José María Oriol, que representaba o sector da Comunión Tradicionalista encabezado polo conde de Rodezno. Tamén se produciu entón o primeiro intento de Xoán de Borbón de trasladar a súa residencia de Lausana a Portugal. Porén, Oliveira Salazar non o autorizou e o goberno británico tampouco fixo presión porque non quería incomodar a Franco nin pór en perigo o Bloque Ibérico.
O exilio republicano
esquerda|miniatura|Tumba de Manuel Azaña no cemiterio urbano de Montauban. Finou no exilio o 3 de novembro de 1940.